O caso Inditex e os estertores da Grande Estafa do capital

21 Feb

É curioso comprobar como o poder dos cartos invirte as inercias sexistas ás que a crónica social nos ten tan tristemente afeitos. Marta Ortega. É el o que casa con ela, desta volta, e non ao revés. A herdeira e o figurante. El podía ser calquera outro. Ela non. Ela é a dona de Zara. Ela pon o pazo, os cartos, os cadros de Sotomayor, os plasmas; é ela, canda súa nai, a que deseña o evento, a que encarga as flores e fecha o Hotel Finisterre da Coruña para a cuchipandi da noite anterior. De feito case non se gabou o vestido da noiva, nin se falou, como ritualmente se fala, do guapa que ía; non foi obxectualizada e illada do seu contexto, cousificada, como adoita pasar coas noivas. Marta Ortega non foi a noiva-obxecto porque Marta Ortega ten cartos. E os cartos a esgalla obran esta caste de milagres.

Outro dos milagres é que, por obra e graza deses cartos, a prensa toda envorcara os seus esforzos e depauperadas enerxías en cubrir un enlace nupcial parco en acontecementos e chicha informativa. Xornalistas malpagos, apostados durante horas nunha corredoira para veren pasar unha ringleira de Audis e Mercedes e berrárenlle preguntas que non van responder. Obsceno, as usual. Todo fai parte, ao meu ver, dese mito popular que é Zara. O mito do self-made man, do home que, desde abaixo, acadou unha fortuna planetaria. E o instauradísimo mito arredor do suposto retorno que a marca Inditex supón para Galicia. U-lo retorno? Onde o beneficio? U-la obra social de Inditex, o investimento millonario na nosa economía..? Contan nese beneficio as cooperativas de mulleres do rural que cosen os botóns do seu prêt-à-porter de ocasión por catro pesos? as subcontratas..? onde fica o retorno cando Inditex deriva a facturación das súas vendas en Internet ao paraíso fiscal irlandés? estará o retorno se cadra nos salarios das dependentas, nas súas condicións de traballo..?

A submisión gobernamental, aquí en Galicia e na capital do Estado, a este tipo de empresas, as que tecen e destecen os vaivéns do IBEX 35, alentan a sensación, xa moi espallada, de que a crise económica provén -alén doutros factores- da connivencia do poder con eses grandes emporios, que son tamén os grandes beneficiados do crash monetario. Eles e os bancos. Todo se volveu extremo e obsceno, hardcore. Ao tempo, cóutase o investimento en educación, en I+D+i. A xente nova ten que marchar fóra, onde o seu estudo e as súas investigacións teñan un sentido. Privatízase o ensino, priviléxiase á elite social e mándase á policía descerebrada a bater contra os estudantes, con violencia extrema. Tamén contra a prensa, de paso. Canta máis policía, menos educación. E á inversa. Quizais porque saben que cargaren contra a educación é cargaren contra o futuro posíbel, contra o desenvolvemento, e contra o nacemento dunha conciencia crítica que non atura a mentira do Gran Capital como forza redentora e provedora de benestar. Agora parece que o tempo desa mentira rematou, andamos nos estertores da Grande Estafa. E, para ben e para mal, queirámolo ou non, touconos estar aquí para presenciarmos ese final.

About these ads

3 Respostas a “O caso Inditex e os estertores da Grande Estafa do capital”

  1. cossimo Febreiro 23, 2012 ás 10:32 PM #

    Finlandia, ao que parece o summum da boa educación, non exporta precisamente masa crítica (no sentido que vostede apunta). Tampouco creo que na veciña Noruega, tamén sempre moi ben situada nos rankings de destreza académica , se denuncie habitualmente a estafa do Gran Capital. A educación poderá servir para progresar na vida (na acaída expresión de nosos pais) pero como fábrica de elementos antisistema creo que non. Por algo, os ricos queren que os seus fillos estuden nas mellores universidades. Ou por algo, os ministros que nos administran teñen un curriculum académico envexable.

  2. filispines Marzo 30, 2012 ás 11:18 PM #

    É bo que alguén se acorde das mulleres do rural que cosen botóns, bastas… por catro pesos, en talleres de ladrillo, pasando frío, ocultas, invisibles. Mágoa que continúe existindo dito traballo invisible, porque cada día van ser máis as mulleres invisibles ao sistema, traballadoras, moito, pero invisibles. Mágoa.

Trackbacks/Pingbacks

  1. O caso Inditex e os estertores da Grande Estafa do capital - Febreiro 21, 2012

    [...] O caso Inditex e os estertores da Grande Estafa do capital unpaisenlata.wordpress.com/2012/02/21/o-caso-inditex-e-os-es…  por raxozorza hai 2 segundos [...]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 143 segidores

%d bloggers like this: