A homofobia sen coartadas e os muchos-amigos-gays

7 Nov

En verdade sentirse excluído/a da Constitución Española é xa mesmo unha obriga se:

1) es galego/a con conciencia de nación

2) queres falar a túa lingua no teu país, sen o sometemento por decreto á lingua común española

3) cres no dereito dos pobos a decidir sobre o seu destino

4) non acreditas na monarquía como forma viábel para a organización do Estado, moito menos como legado e imposición do franquismo

5) consideras que as normas están para seren mudadas e que un texto, que, en 1978, só votou afirmativamente o 27,7% do censo galego non pode ter carácter sacrosanto nin infalíbel

Mesmo así, o amparo outorgado polo Tribunal Constitucional ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo -unha realidade xa recoñecida pola mudanza do Código Civil en 2005 impulsada por Zapatero– é un fito histórico. Porque desposúe ao Partido Popular -impulsor do recurso de inconstitucionalidade contra os casorios de gais e lesbianas, Núñez Feijóo á cabeza desa vergoñenta estratexia– da única coartada que enmascaraba a súa homofobia. Durante sete anos puideron apelar á incerteza legal, ao impropio da denominación, eludindo, pola vía da Carta Magna, o seu verdadeiro argumento contra a democratización plena do matrimonio… Hoxe o Opus, o Foro da Familia, o Partido Popular e todas as organizacións e franquías da Igrexa Católica ficaron espidos diante dos seus prexuízos e do seu odio.

A crise, en realidade, anda a propiciar a simplificación dos discursos. Remataron as metáforas e os alambiques. Por unha parte está ben. Sabemos o que hai, quen nos persegue, quen nos odia. Sabiámolo xa, pero sen carautas nin pretextos é moito mellor. Moitos militantes e simpatizantes do Partido Popular pregábanlle, estes días, o seu Deus para que o fallo do Constitucional fora exactamente o que foi. O recoñecemento e normalización das unións civís entre persoas do mesmo sexo impedía, de facto, unha volta atrás, fóra da complicación legal e o desemparo no que habían de ficar máis de vinte mil parellas, xa casadas, en todo o Estado. A hipocrisía non é patrimonio da direita, certo, pero si fai parte do seu modus operandi, da súa maneira de estar no mundo e de relatalo. A hipocrisía si fai parte do seu patrimonio moral.

Hoxe, no PP, hai quen acata a sentenza do TC coa mesma autosuficiencia e despotismo coa que din tolerar a existencia de gais e lesbianas. Arróganse a capacidade de tolerar. É curioso. Son elas e eles, os intolerantes, os fundamentalistas da familia católica, da moral vaticana inoculada nas institucións do Estado, os que toleran, permiten e acatan os direitos dos demais. Abonda dicir: “tengo muchos amigos gays” para abrir a veda dos insultos e das descualificacións contra eses supostos amigos. Eu, persoalmente, apenas teño amigos gais, e si moitos amigos e amigas heterosexuais. Debería tentar rebaixar, por iso, a súa condición de cidadáns..? debería, emboscado nesa amizade oportunista, explicar: “teño moitos amigos hetero aos que secretamente odio e considero que non son iguais a min, pero, ollo!, son os meus amigos….”.

Prefiro, por isto que expoño, esta antiquísima e, ao tempo, nova forma de homofobia: a que mata porque si, a que é irracional e non ten amarras, a do puro odio, a verdadeira, porque retrata moi sucintamente a quen a exerce… A do ministro de Interior e membro do Opus Dei, Jorge Fernández Díaz, por exemplo, unha máxima autoridade do Estado que despreza o fallo do Tribunal Constitucional, sen consecuencia ningunha. Ou a da prensa ultra, que negando a evidencia, refrendada polo TC, e apelando á Lei Natural, ao sentido común e á orde cósmica dos astros, deita sobre todos nós o lixo intoxicador das súas portadas. “Será constitucional, pero no es matrimonio”, titula La Gaceta/Intereconomía.

Réstame agora coñecer (e isto xa é unha preocupación miña, íntima e morbosa) a opinión sobre o fallo que ten Alberto Núñez Feijóo, presidente en funcións da Xunta de Galicia e un dos altos cargos do PP que avalou, con toda a súa jeta, o recurso de inconstitucionalidade contra o matrimonio gai. Saber que durante catro anos máis será presidente un señor intolerante e fóbico, que tentaba negar os meus dereitos civís pois a verdade é que non me resulta nin agradábel nin moralmente aceitábel. O mesmo deberon pensar, na altura, os seus muchos-amigos-gays, que os terá, seguro. “Joder, que amigo máis majo, que caga por riba miña e aínda o fai cun sorriso…”. Falo de Feijóo, o “casado con Galicia”, o que se declarou xa “evidentemente no” gai, o que conseguiu cifrar en só nove palabras un desafío á loxica do absurdo: “no tengo nada en contra de mis amigos homosexuales” (!!!!!)

Ignoro, en calquera caso, en que medida lle afectará esta sentenza a Feijóo. Ser é solteiro, así que agora poderá casar con quen queira e facelo legalmente, co amparo da Constitución Española, da que tan devoto é. Se quer, mesmo, poderá casar con alguén do seu mesmo sexo, alguén ao que secretamente odie, polo mero feito de ser homosexual. É un comezo inusual para un matrimonio, ben o sei, casar con alguén a quen odias. Pero o certo é que un sempre casa con alguén a quen ama, e mira ti como adoitan acabar as cousas.

8 Respostas to “A homofobia sen coartadas e os muchos-amigos-gays”

  1. caixadeluz75 Novembro 7, 2012 ás 7:13 PM #

    Dixome hoxe un colega que no seu traballo dixera un compañeiro seu que a Gaceta mañá titularía. “Será presidente, pero é negro”. Creo que vou a preparar a fotomontaxe.

    • franplorenzo Novembro 7, 2012 ás 7:15 PM #

      Míguel, faino! 😉

    • Montenegro Novembro 7, 2012 ás 7:37 PM #

      Boísimo! Oe, xa cun pouco de mala hostia, podías facer unha fotomontaxe co careto de Rajoy e que puxese, “Será presidente, pero é gay”.

  2. Miguel Novembro 7, 2012 ás 7:35 PM #

    Non teño palabras para cualificar a esta xentuza. Hoxe explicando a música dos anos sesenta, e a problemática da comunidade negra de EE.UU. neses anos, os meus alumnos e alumnas preguntaban atónitos: como hai tan pouco puido permitirse esa discriminación e esa inxustiza? A resposta témola aquí.

  3. P-J▲s‏ (@pedro_jos) Novembro 8, 2012 ás 8:59 PM #

    Escapatorias para a súa cruzada aínda van ter, xa o dixo o propio Fernández Díaz ” para mi no es matrimonio “, e teñen o “precedente” da sentencia do TC sobre Bildu para deslixitimalo ao seu xeito… Eu o que vexo é que a sentencia do TC é coma o primeiro raio de sol na treboada, algo de cordura e sentidiño despois das que levamos aturado.

  4. Carlos Novembro 14, 2012 ás 12:45 PM #

    Concordo absolutamente con todolos puntos.

Trackbacks/Pingbacks

  1. Do cretino homófobo « O divino ferrete - Novembro 8, 2012

    […] extraído da entrada A homofobia sen coartadas e os muchos-amigos-gays, do blog Un País en Lata, administrado por Fran P. […]

  2. homofobia, pp, un país en lata - Novembro 10, 2012

    […] homofobia, pp, un país en lata […]

Deixar un comentario