Nunca tan longo dedo me sinalara

2 Nov

Nunca fora eu sinalado por un dedo tan longo. E nunca a miña inofensiva iconoclasia propiciara tan altos desvelos na cúpula eclesiástica deste país. A iconoclasia (literalmente, rachar iconas ou imaxes) naceu no século VIII en Bizancio para frear o culto ás iconas e o risco de idolatría, a conversión das tallas en imaxes, en ídolos. Poucos testemuños historiográficos restan daquela crise iconoclasta -como a ela se ten referido Bieito XVI- porque os vencedores na contenda, os iconódulos, os que restableceron a devoción ás imaxes, foron tamén os encargados de escribiren o relato da historia e de queimaren no lume os escritos e documentos dunha doutrina que, así que foi desprazada do poder e da axenda política dos emperadores, adquiriu o perigoso rango de herexía.

A iconoclasia, con todo, desprovista da súa violenta carga impositiva, volve sempre, cíclicamente, para expresar as mudanzas políticas e relixiosas no interior dunha sociedade. Tamén agora, e con máis sentido, neste tempo no que, como dixo Guy Debord, a relación social vén mediada polo espectáculo e as imaxes. Nesas andaba eu, cando batín de fronte cunha perigosa e moi sórdida caterva de neoiconódulos, que nunha demostración de forza, alentada por un masivo e inefábel comunicado do Arcebispado de Santiago –o dedo eterno ao que me refiro-, queceron durante días os foros virtuais ultracatólicos –que fea é, por certo, toda a xente que poboa esas páxinas-, enchendo a caixa do meu correo de insultos moi antigos, impropios de tan piadosa parroquia (execrable, vomitivo, covarde…). Houbo quen -coa súa simpática cara impresa naquel meu xornal, un tal Gutiérrez- me acusou de apoloxía do suicidio infantil (!) e de lector de George Orwell, cargos ao parecer de parella gravidade dos que, até hoxe, non tiven oportunidade de me defender.

O pretexto, a coartada para esta persecución herética, unha imaxe manipulada do Ratzinger, que acompañou un meu artigo, publicado o 14 de outubro en Galicia Hoxe, contrario á súa visita a Santiago. Non entrarei agora no mal gusto desa recreación paródica, porque, en realidade, o choqueiro retrato de Bieito XVI foi só a faísca que prendeu as lapas da pira na que ardín, como arderon as bruxas de Coiro, miñas probes. E por iso escribo aquí sen imaxe ningunha, pura iconoclasia, para que nada disturbe o recto sentido das miñas palabras.

E o que afirmo é isto: respecto a alegría dos que agardan por el, ou mellor dito teño que asumila á forza, como se fora miña, pero EU non quero que veña. Non cos meus cartos nin sobre os meus dereitos. E asísteme a liberdade de dicilo e de proclamalo. O “profundo desgusto” do arcebispado provén, seino, do abrollar na cidadanía galega dun estado de opinión que cuestiona os custes millonarios, con cargo ás depauperadas arcas públicas, da visita papal a Compostela.

A Xunta cifra a transcendencia  histórica dun acontecemento no número de espectadores de televisión que vai atraer e no hipotético negocio hostaleiro. “O euromillones”, en palabras de Francisco-sete-vogais-Vázquez. Ao meu ver, é obsceno e insultante para os crentes, situar o Papa na procelosa batalla do share, como virtual competidor de Lady Gaga ou doutras iconas colectivas do Xacobeo. Para min, na miña atea e perigosa condición, é delitivo que un arcebispo como o de Bruxelas cualifique a sida como “unha sorte de xustiza inmanente” e defenda a prescrición dos delitos de pederastia. É sucio e inhumano, noxento, pero a tipificación da figura penal que lle corresponde a este eclesiástico, e a outros moitos, vóullela deixar a eses numerosos e inopinados leitores de Galicia Hoxe -teledirixidos apóstolos da ira que acharon nas cartas ao director o sumidoiro no que verquer as súas excrecencias- e a ese señor de Intereconomía, que pediu a miña desaparición a través de extorsións e ameazas.

Por un dos compañeiros e compañeiras que nestes días me amosou o seu laico e garimoso apoio confirmei que na Praza de Cervantes, a cincuenta metros de onde asinaba o Vai de blog, celebraba os autos de fe unha institución devanceira da Sagrada Congregación para a Doutrina da Fe, que Ratzinger presidiu. É certo que hai alí agora francotiradores e controis policiais, pero xa non hai fogueiras, nin patíbulos. Hai unha fonte, un centro cultural e unha fermosa e digna libraría, Couceiro. Tamén unha igrexiña, a de San Bieito por certo, e uns ultramarinos, Cepeda. E houbo de sempre un quiosco, prensa, papel, papel, papel… O papel ten futuro, sóubeno agora, porque feble como é nunca desaparece. Nin o papel dos libros nin o dos xornais serve para alimentar as cacharelas da intolerancia. Os libros arden mal, di Rivas. E os xornais arden malísimo. A xente fala na praza e xa non cala cando Barrio Barrio o di. Os tempos son outros e o único lume que queima aquí, monseñores, é  o das súas culpas sen expiar.

26 Respostas to “Nunca tan longo dedo me sinalara”

  1. Miguel Tesouro Novembro 2, 2010 ás 10:49 AM #

    Parabéns polo blog Fran. Alégrame saber que vou poder seguir léndote. Non pares de abrir esa lata…

  2. Camilo Franco Novembro 2, 2010 ás 11:48 AM #

    Estás como queres😉

    Os amigos fannos grandes e os inimigos importantes.

  3. A marea Novembro 2, 2010 ás 11:50 AM #

    Parabéns, compañeiro, por este país en lata que tan ben nos define. Seguiremos os teus pasos felices de te poder volver ler neste país en descomposición que xa non sabe a onde vai nin de onde vén. Ánimo e adiante.

  4. Carravilar Novembro 2, 2010 ás 1:08 PM #

    Parabéns para todos nós que poderemos seguir a lerte aquí. Sigamos berrando que non veña o “pastor alemán”, como lle chama un bon amigo meu, que fique en Roma de alcaiote de pederastas e ladróns.

  5. XCrego Novembro 2, 2010 ás 1:25 PM #

    Apertas fondas, Fran, que moi honrado se había sentir o teu pai Pepe das cousas que tan cabalmente escribes.
    Eu tampouco teño o máis mínimo interese en que veña o fulano.

  6. XABIER RON Novembro 2, 2010 ás 1:58 PM #

    Do lume sempre se libera a semente de liberdade que espalla o vento polas beiras dos camiños polos que vai o pobo. Compráceme ollar ese sendeiro. Canta máis e diferenciada información teña o pobo, a lata do país abrirase mellor…para anoxo dos que queren domar o noso imaxinario…parabéns.

  7. F. Varela Novembro 2, 2010 ás 4:23 PM #

    Ladran, logo cabalgamos. Bicos a apertas!

  8. Luís Pardo Novembro 2, 2010 ás 4:34 PM #

    Ánimo, Fran! Apertas fortes…

  9. Arancha Estévez Novembro 2, 2010 ás 5:29 PM #

    Agora estás obrigado á periodicidade, xa o sabes….Unha gozada ler o teu artigo.

  10. Tato Novembro 2, 2010 ás 7:00 PM #

    E ben certo que ou teu renacer prestóuche Fran, estás inmenso! enorme artigo!

  11. Anxela Novembro 2, 2010 ás 8:28 PM #

    Graciñas Fran por continuar! E ánimo con todo… Un bicazo guapo!

  12. Irene Novembro 2, 2010 ás 10:49 PM #

    Bravo! Un abrazo

  13. Miguel de Vigo Novembro 2, 2010 ás 11:00 PM #

    Unha lata onde ler ao meu optimista informado favorito, unha lata que dará a lata, unha lata que conservará o mellor deste país sen ser conservadora, un artigo marabilloso que se os responsables dos medios de presión tivesen dignidade, teriamos que ter lido nese papel do que falas. A Puta de Babilonia, como a chamaban os albixenses, é a peor lacra da humanidade, o atraso. Aínda lembro aquela pintada na rúa: “A única igrexa que ilumina é a igrexa que arde”. Seguirémoste neste espazo onde só poden crecer cousas boas, como a flor dos alpes, Edelweiss. Unha aperta.

  14. Desde Galicia Hoxe Novembro 2, 2010 ás 11:52 PM #

    Moitos e moitas -creo que todos- dos que escribimos en Galicia Hoxe estamos contigo. Sempre foche un extraordinario articulista e sempre tiveches un agudo sentido crítico.
    O arcebispado de Compostela e esta igrexa predemocrática nunca respectaron a liberdade de opinión. Isto pasou tamén neste caso. Unha vergoña que haxa institucións e arcebispos así.
    Expresamos o noso apoio contigo, Fran P. Lorenzo.
    Hai que conseguir que volvas ao xornal!
    E tes toda a razón nas túas críticas á visita do Papa.
    O día 6 todos e todas a Compostela na manifestación en defensa do laicismo e contra a visita deste papa de pasado escuro.

  15. Carlos Callón Novembro 3, 2010 ás 12:01 AM #

    Por favor, non deixes de dicir todo o que tes para dicir. Unha aperta forte e solidaria!

  16. Carlos Callón Novembro 3, 2010 ás 12:02 AM #

    E, por certo, como era iso das caricaturas de Mahoma?

  17. franplorenzo Novembro 3, 2010 ás 12:26 AM #

    Obrigado a todas e a todos polo apoio. Unha aperta grande

  18. isabel Novembro 3, 2010 ás 7:53 AM #

    qué alegría volver a leer tus juiciosas palabras, ánimo y adelante, besos

  19. Carme Adán Novembro 3, 2010 ás 10:35 AM #

    A valentia ten un prezo, tamén a súa satisfacción na dignidade. Parabéns e bks

  20. Marcial-Concello de Maside Novembro 3, 2010 ás 12:38 PM #

    A liberdade é un ben que non ten prezo, moitos intereses intentan ocultar moitas noticias.

  21. Giada Novembro 3, 2010 ás 2:43 PM #

    Alégrome de poder ler de novo un artigo teu e que teñas outro espazo para decir verdadades tan compartidas e tan incómodas para algúns. De todos os xeitos estou de acordo con que hai que conseguir que volvas ao xornal: o que pasou segue sendo noxento e moi perigoso. Unha aperta moi grande.

  22. xan carlos ansia Novembro 3, 2010 ás 3:38 PM #

    Fran: Grazas pola túa valentia e coherencia. Seguro que nom vas ter a bendición apostolica, pero xa sabes o ceo é un aburrimento e mellor deixarllo para roucosvarelas e felicianosbarreras eles si que o teñen ben gañado. Nos a disfrutar. Poder ler os teus artigos é un pecado que se comete con moito gusto e devoción.Unha forte aperta e a cumprir coa túa audiencia.

  23. anibalbarros Novembro 3, 2010 ás 3:57 PM #

    Pois nada máis que dicir que non saibas xa. Benvido á blogosfera.

  24. Larry_Berza Novembro 3, 2010 ás 8:17 PM #

    Azos e adiante amigo

  25. Colectivo Mondoxíbaro Novembro 3, 2010 ás 9:15 PM #

    Alegramonos moito de poder voltar a leerte. Moitas apertas e cara adiante!

  26. Francisco De Limiar Novembro 5, 2010 ás 6:02 PM #

    A imaxe acaida, o artigo acertado.
    Teu artigo censurado co teu permiso estará no meu blogue.
    Adiante, grazas polo compromiso

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: