Un BIC o que é, un boli? (Sobre Pambre e o can)

3 Nov

Obra do artista norteamericano Adam S. DoyleA última vez que me atacou un can foi na casa da miña tía, en Lavadores. Podo desculpalo, aínda que fora un cheirento pequinés, porque o andei a marear cun bocata de xamón e o animal, en pleno desespero, colleume na canela como se lle fora a vida. O caso é que a casa da miña tía, anque digna de visita, non é un Ben de Interese Cultural (BIC), como o castelo de Pambre, que é ademais a única fortaleza medieval galega que segue cabalmente en pé. O castelo, por certo, ten os seus donos en Lavadores, a morada do pequinés sañudo, máis en concreto en Teis. É a congregación dos Hermanos Misioneros de los Enfermos Pobres de Vigo, á esquerda, abaixo, segundo saes pola autoestrada, á altura das Sete Torres. Eses Hermanos Misioneros son ao inminente Ratzinger o que unha parroquia rururbana viguesa -berce de todas as revoltas- é a San Pedro de Roma.

Total, que un señor de Vigo que alá polos anos setenta se fixo coa fortaleza por catro cans -e dálle- legoulles a ruina aos misioneiros, que tras acordos coa Xunta e o concello de Palas decidiron abrila ás visitas. A Consellería de Cultura, en agosto pasado, asinou un convenio -cartos- co alcalde dese municipio. E cito da puntual nota de prensa: “O custo total de todas as actuacións derivadas da execución deste convenio acada un importe total de 16.000 euros, dos que 10.000 euros serán financiados pola Consellería de Cultura e Turismo. Con esta cantidade levaranse a cabo as actuacións necesarias para establecer o réxime de visitas ao Castelo de Pambre e os custos derivados destas actuacións, como son a seguridade, a sinalización e a promoción e información sobre as visitas”.

Un tío de Abegondo volvía este día da feira grande de Monterroso e acordou parar no castelo. O seu afán arqueolóxico levouno a superar unha muralla do conxunto, en estado de decrepitude absoluta, e a internarse na fortaleza. Non creo que os irmandiños tiveran un recibimento máis hostil. Un can botóuselle ao pescozo: “espera que vou, que vas saber o que é un BIC galego!”

Preguntarase a xente: se Meirás é dos Franco, tras infamante colecta popular, porque non pode un mastín custodiar un monumento histórico na Ulloa? Que tal un pastor eléctrico para protexer o petroglifo de Mogor? E levan razón. O surrealismo é parello e fala claro de cal é a situación do patrimonio galego e do seu estado de abandono, só paliado, en parte, por importantes e millonarias operacións de especulación urbanística que converten o noso legado histórico en paradores de turismo e clubes privados para o lecer de quen o ten.

O martes o conselleiro Roberto Varela anunciou no Hórreo as contas de Cultura para 2011. Paus por todas partes, en resumo. Tamén para o patrimonio. Cun orzamento exiguo e tanto por facer, parece que a lóxica expropiacion ou acordo gobernamental sobre Pambre  ficará outra vez ao borde do colapso, coma o propio monumento, un BIC, protexido pola Lei. Pero ás veces semella que, aquí, o único BIC que aínda pinta algo é o do anuncio da tele, de cando comiamos bocadillo de xamón e xogabamos con cans, aquel que dicía: “Bic naranja escribe fino, bic cristal escribe normal, bic, bic, bic-bic-bic…”.

5 Respostas to “Un BIC o que é, un boli? (Sobre Pambre e o can)”

  1. Anxela Novembro 3, 2010 ás 3:54 PM #

    Toda a razón Fran, e a isto súmase o dos dous millóns para libros de texto en castelán, sobran as palabras…

  2. anibalbarros Novembro 3, 2010 ás 4:43 PM #

    O que pasa é que sodes uns románticos e o romanticismo nunca deu cartos, velaí porqué os liberais sempre foron adiante, ou por qué, segundo Eisenman os gobernos de dereitas son mellores para a arquitectura
    http://www.elpais.com/articulo/portada/Peter_Eisenman/Peter/Eisenman/elpepuculbab/20100911elpbabpor_30/Tes
    e, por ende, para case todo. Craneo privilexiado.

  3. A Ulloa en Fotos Novembro 3, 2010 ás 9:18 PM #

    A xente ten uns collóns así de grandes.Refírome o que saltou. Para saltar o muro por onde el saltou hai que subirse a metro e medio de alto e logo, cando estás na cima, xa tes que estar ben cegato para non ver o cartel de Perro peligroso que hai pegado á árbore que tes diante.

    En fin, que o fixeran cando non se podía entrar paréceme ben, pero agora que ten un horario…

    Tes razón que é surrealista o do can, pero menos mal que temos can e as pedras pesan porque senón Pambre escaparía pola muro mais baixo da súa muralla.

    Saúdos dende A Ulloa

    • Un veciño Novembro 5, 2010 ás 10:31 AM #

      Ainda que sexa BIC, ten uns horarios de visita que todo o mundo debe cumplir. Se en vez de haber un can, houbese un policia, supoño que no morderia pero teriao que leva detido por irrumpir nunha propiedade privada-publica.
      O que pasa coma en todo ultimamente, alguns tenta sacarlle puntada a todo o que non veña da dereita e as cousas tampouco son asi. Non sei se lles gustaria que lles saltasen o muro da sua propiedade.

  4. Miguel de Vigo Novembro 4, 2010 ás 11:17 AM #

    Eu creo que os cans eses, o de Lavadores e o do castelo, tiñan moita pAMBRE e por iso atacaron. E ocórreseme que igual Pambre é a Fame, o que Desván de los Monjes é a Sobrado dos Monxes, e que o Conselleiro de Cultura non atinou con onde estaba o castelo nin preocupouse da súa seguridade por un erro de tradución na toponimia. Sexa como sexa, temos o noso patrimonio nas gadoupas dos cans (perros en idioma conselleiro). Como este é un espazo libre, estaría ben que Don Roberto Varela nos sacase da dúbida, xa que aquí pode escribir xente de calquera Barrio (con permiso do Arcebispo).

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: