A multiplicación por cero dos pans e dos peixes

7 Nov

Un pobo desafecto e unha cidade espectral, sitiada por milleiros de policías que escoltaban o baleiro. Todo en van, todo foi en van, porque a perda de dereitos básicos (de información, de circulación, á  libre expresión, á soberanía territorial) non se paga con cartos nin vai ser compensada sequera polo maná euromillonario que ventaran Francisco-sete-vogais-Vázquez, o alcalde de Santiago, a Xunta de Galicia e o arcebispado de Santiago. O milagre do pan e dos peixes co que as autoridades eclesiásticas, municipais e autonómicas pretendían xustificar o inxente gasto público derivado da visita papal a Compostela tivo lugar, pero á inversa. A multiplicación por cero do pan e dos peixes. Eran rúas enteiras pechadas ao tránsito, deserción cidadá e moitos planos curtos para unha retransmisión televisiva que, como puido, tentou retratar un fervor popular que non existiu. Só a presenza dos barullentos adeptos papais (oé, oé, oé), na hora punta da homilía, conseguiu outorgarlle ao desembarco de Bieito XVI a apariencia de acontecemento.

A mensaxe de odio que deitou o pontífice tampouco non axudou. Cada día menos xente tolera abrirlle a casa a alguén que cuspe na alfombra leccións morais e prédicas que desacreditan o noso xeito de vida, as nosas leis civís e as nosas institucións.

Ninguén, nin a Xunta, nin monseñor Barrio Barrio nin o alcalde de Santiago van admitir agora o fracaso da súa imposición. Unidos impulsaron a suspensión da cidadanía (a censura, as cargas policiais, os rexistros domiciliares, os abusos de autoridade…), cunha coartada económica desta hora desacreditada. ¿E agora que? Apelarán a valores espirituais e intanxíbeis, curiosamente os que esqueceron cando comparaban a Ratzinger cos Rolling Stones e falaban de “negocio” con absoluta e impúdica desfachatez. Todos o fixeron, Feijóo, Barrio Barrio, Bugallo… Pero non houbo negocio, houbo perdas.  E as 200.000 persoas ficaron en 20.000 ou 25.000, escolares manipulados, excursionistas e inopinados peregrinos na súa meirande parte.

A visita de Bieito XVI a Santiago de Compostela deixa, porén, un efecto positivo: o retrato exacto dunha clase política autoritaria, que desta volta, ve espida a súa conduta. Todo foi en van: os dereitos conculcados, o desbaldimento das arcas públicas, a imposición ideolóxica, a vulneración da aconfesionalidade do Estado… E agora sabémolo, porque o vimos. Cremos no que vemos e por iso a fe non pinta nada nesta historia. O milagre xa tivo lugar e fomos testemuñas privilexiadas do que pasou: a consagración dunha estafa, a multiplicación por cero dos pans e dos peixes.

5 Respostas to “A multiplicación por cero dos pans e dos peixes”

  1. isabel Novembro 8, 2010 ás 7:29 AM #

    amen…

  2. Cris Novembro 8, 2010 ás 11:55 AM #

    Que ledicia volver lerte, e máis a miúdo!! Graciñas por voltar!!

  3. Novembro 8, 2010 ás 6:10 PM #

    Para ilustrar o paso de Bieito XVI por aquí, eu recomendo a película uruguaia “El baño del Papa” que tamén vai de multiplicaciones de pans e peixes nunha pequena cidade fronteiriza entre Uruguai e Brasil. Aínda que, un momento! Creo que estou a escoitar de fondo unha musiquiña que di “americanos, os recibimos con alegríaaaa”

  4. Xavier Novembro 8, 2010 ás 10:08 PM #

    Mais se o gaño foi cero, daquela as perdas foron masivas. Non estabamos en crise? De onde sacaron os cartos? De presidencia? Da COTOP? Non!!! Da normalización linguística!!! O noxo invádeme as neuronas. Vou ter que vivir 20 anos máis fóra desa cloaca.

  5. Arancha Estévez Novembro 9, 2010 ás 9:15 AM #

    O mellor foi a transmisión en directo do encontro con Rajoy en Raxoi….Estiveron media hora coa cámara enfocada nel e na súa muller mentres esperaban ser recibidos ao final da misa e mentres se intercambiaban estampas…Por iso era tan importante gastar millón e medio de euros na cobertura da tele!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: