‘Retornos’ de Luís Avilés

11 Nov

Ás veces, no cine, a asunción de certos tópicos visuais ou narrativos pode globalizar e estender a mensaxe dunha película. Retornos de Luís Avilés, a primeira longametraxe deste director, é, neste sentido, unha moi digna e cabal produción. Pero nalgún aspecto, alomenos para o espectador galego, é redundante. Un home que regresa á aldea logo de moitos anos, un pasado tráxico por resolver, unha casa no cabo do mundo, un pacto de silencios e unha fera e fermosa natureza que todo o ampara.

Recoñezo que con eses tópicos visuais e do relato son intransixente, poida que unha miga inxusto. De seguro non é algo que lle vaia recriminar a unha película irlandesa ou a unha película francesa, (secretamente agardo ese tópico), quizais porque unha e outra son cinematografías máis instituídas e porque tiveron tempo abondo para desmentiren lugares comúns, volver a eles, reinventalos e fabricalos outra volta cunha ollada nova. Poida tamén que un público non galego asuma con total naturalidade ese imaxinario que, en sendo real, (e aquí o é: a chuvia, a vila pequena, a casa no cabo, as relacións modeladas polo silencio e o rancor…), non me acaba de cadrar coa realidade profunda das cousas.

Avilés engádelle, con todo, ao filme unha subtrama policial que redime a primeira parte da película do mal karma que vai acumulando: unha sucesión de mortes, accidentes e evocacións dorosas que, por un momento, case me fan desistir e berrar: “vale, aquí é así, pero non ten-por-que-ser-así…”. A incursión na trama dos clubes de prostitución achega, ao meu ver, unhas reconfortantes pingas de realidade e relampos de acción que van empurrando a película, soltándoa, outorgándolle outro futuro.

Quitado un flash-back, ao principio, de irregular e desconcertante inserción, salienta do filme unha fotografía e unha ambientación realista que, xunto coa alternancia galego/español nos diálogos, outórganlle unha verosimilitude ao conxunto reconfortante. En canto aos actores, un denominador común: a contención. Ese rasgo, moi galaico e desesperante por outra parte, prexudica creo a actuación equilibrada e rigorosa de Xavier Estévez, o protagonista, e de María Bouzas, non tanto de Manuela Vellés, no papel da filla. A Estévez non lle poden pasar máis cousas e permanece incólume, o tío. Dan ganas de sacudilo e dicirlle: “eh, machiño, que ti vés aquí para removelo todo, espabila..!” Tamén Xosé Manuel Olveira Pico, no seu papel de paisano parco e con trasfondo, excede, para min, os límites da contención. Pola contra, esa contención beneficia a Morris e a Zahera, abocados sempre a papeis de certo histrionismo e que aquí incorporan os personaxes dun garda civil e dun camareiro macarra de puticlub (alguén debería prohibir por lei que Luis Zahera repetira nese rexistro). Gutiérrez Caba, todo oficio, desenvólvese como quer.

Retornos xa digo é unha moi digna produción e amosa a habilidade de Avilés para contar. Agora que xa se desprendeu deses tópicos, que ás veces son obsesións, lastres que é preciso soltar, eu agardo por unha nova película súa, máis libre, menos respetuosa e igualmente intensa. E oxalá chegue axiña.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: