F.C.Cela 10 -F.C.Rosalía 1 (A cultura da fundación e a cultura sen fundamento)

19 Nov

F.C.Cela 10-F.C.Rosalía 1 non é resultado dun encontro entre dúas equipas locais padronesas de fútebol sala. Non é que os de Iria varreran sobre o céspede os da casa da Matanza. Dez a un é a foxa abisal que media entre o investimento que a Xunta de Galicia acaba de realizar na Fundación Cultural Camilo José Cela e na Fundación Cultural Rosalía de Castro; 350.000 euros para os apartahoteis da Casa dos Cóengos e 35.000 euros para a digna e acalada labor da casa da poeta nacional.

Que eu saiba, o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, aínda non puxo un pé na casa de Rosalía. É sintomático pero non polo significado obvio que ten que a máxima autoridade cultural de Galicia non coñeza, alomenos de maneira pública, o lugar por excelencia de peregrinación laica deste país, quitados os bares, as feiras gastronómicas e o Museo do Pobo Galego. Sospeito, e é unha sospeita, que Varela evita sistematicamente aqueles puntos negros do mapa cultural nos que aventa que lle van pedir algo, diñeiro ou apoio, por exemplo. Porque el é o portador dun mantra, o da austeridade, e dunha filosofía da Xunta, segundo a que o sector cultural de Galicia é, en por si, un comecartos e un niño de aproveitadas e aproveitados. Ignoro se Varela comparte esa visión, pero, en todo caso, para o goberno de Feijóo o investimento cultural só é rendibel cando o produto local nos procura unha certa proxección exterior, ben en España ou ben en foros internacionais. Se ese produto, ademais, esquiva a lingua galega con elegancia, moito mellor. A música, sen letra, a danza e a plástica contemporánea, por exemplo, sonche ben acaídas para ese obxectivo. Para o resto está a cultura local en castelán (Cela aí é unha icona irrenunciábel, coa coartada dun Nobel), a importación da excelencia (as grandes figuras de fóra), o fasto e o fume, como xa puidemos comprobar neste tristeiro Xacobeo 2010. Rosalía de Castro, nese pérfido deseño cosmopailanita, non pinta ren e mesmo resulta inoportuna.

Este día, o Observatorio da Cultura Galega divulgaba un estudo sobre o sistema produtivo da cultura en Galicia. Era ben que alguén na Xunta o lera, porque ese informe desmente moitos tópicos sobre a rendibilidade do sector e o peso das subvencións no tecido cultural galego. Fálase alí de como as empresas culturais xeran emprego, de todo o que achegan ao PIB nacional, da cantidade de pasta, digámolo así, que moven. O estudo en cuestión analiza un periodo entre 2001 e 2007. Porén, todo mudou desde o desembarco do PP. Nin sequera o suposto maná do Xacobeo puido evitar a creba en cadea de centos de empresas galegas dedicadas á cultura, focos de innovación, de desenvolvemento, de ideas, de cartos e de postos de traballo.

É por iso que -nun contexto de precarización absoluta, no que os orzamentos para a cultura descenden dramaticamente e no que se lle cortan as pernas a todos os organismos bandeira da cultura galega- resulta tan ominoso o rescate da Xunta á Fundación Cela. Tan inxusto e tan doroso como foi o apoio dos gobernos ás entidades bancarias no medio da fractura económica. Unha fundación esclerótica no seu funcionamento, hiperdotada desde o fraguismo até aquí (“te quiero mucho”, dicíalle Marina Castaño a Don Manuel naquela mítica entrevista no programa Habitación 623 de La Sexta), presa das irregularidades e completamente desactivada no contexto fundacional, non só galego senón do Estado. Cartos para Cela si, cartos para Rosalía non. Cela 10-Rosalia 1. Cartos que non doen, dos que se dan sen mirar. Cultura das fundacións e da privatización. E a outra cultura, a cultura sen fundamento, a nosa, a galega, a acomplexada, a parva de baba, a que non precisa de diñeiro e a que, así confiaban, ilusos, cala a boca por un premio: un diploma e unha escultura dun recoñecido autor galego “aínda por determinar”.

2 Respostas to “F.C.Cela 10 -F.C.Rosalía 1 (A cultura da fundación e a cultura sen fundamento)”

  1. Miguel Tesouro Novembro 22, 2010 ás 7:26 AM #

    Joder que triste. Aínda lembro unha famosas declaracións de Cela sobre Rosalía. Quédome co de “cosmopailanita” para usar eu por aí. Menos mal que aínda temos xente con moita dignidade, como Agustín.

  2. Monte Carmelo Novembro 22, 2010 ás 7:35 PM #

    Temos que preguntarlle ao conselleiro de cultura se se esqueceu de pór un cero máis na conta da F.C. Rosalia, se o fixo a propósito éme moi dificil entender tanta diferenza económica dunha fundación á outra. Será por afinidade politica…?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: