18 comidas (O prodixio da naturalidade)

24 Nov

Caio na sesión de noite do luns para mirar 18 comidas, de Jorge Coira. Temía, sen sabelo, unha película incidental ou daquelas que se deleita visualmente na parafernalia gastronómica. Hai películas dese corte das que gostei, como aquela de 1996, dirixida por Stanley Tucci, Big Night. Tamén Tucci, o gran Tucci, un dos actores de todo tempo e lugar polos que sinto devoción, protagoniza, con Meryl Streep, a meleira Julie & Julia, de Nora Ephron, unha comedia romántica á americana, puída para o novo século, frisante, intemporal e efectiva coma unha Coca Cola. Hai outras mil, pero en todo caso 18 comidas non é unha delas.

O filme de Jorge Coira consegue, para min, o máis difícil no cine, o prodixio da naturalidade, a posta en escena sen imposturas, as liñas fluídas de diálogo. Aínda que os escenarios, as situacións, os contextos e os personaxes son familiares, Coira obra un milagre, que é o de non deixarnos caer no fastío dese recoñecemento. Nas mans doutro director, moi posibelmente, esa proximidade aos retratados banalizaría a película e convertería as tramas nun enredo circunstancial, algo sen alma que só na superficie se parece a nós.

Pero esta película si se parece a nós. E a calquera. Si ten alma e esa alma substánciase nun guión para min impecábel, que o plantel actoral arma sobre as tramas ideadas por Jorge Coira, Diego Ameixeiras e Araceli Gonda. Sobre o guión, ou mellor dito canda o guión, está o reparto. É complicado que unha escolma tan ampla de actrices e actores despregue tal perfección. Dígoo a serio. Ninguén falla. Pero aínda máis difícil semella que froito da improvisación abrollen anacos de realidade coma estes (Reality Bites, chamábase aqueloutra película emblema da xeración X). Todos xustos, no seu punto, nin moi feitos nin moi pasados, co sal que lle cómpre, dándolle vida certa a uns textos en apariencia transparentes, pero que revelan unha contención e unha poesía do cotián que poucas veces se realiza con tan pouca pirotecnia e tanta certeza.

Fican aí, agrandados pola montaxe, Luis Tosar e Esperanza Pedreño, unha sorprendente Camila Bossa con Sergio Peris-Mencheta, Víctor Clavijo e Juan Carlos Vellido (os catro nun dos xantares máis logrados), Fede Pérez, Pedro Alonso, Xosé Barato, Ricardo de Barreiro, María Vázquez ou unha moi grande Nuncy Valcárcel, entre outros.

O tratamento escenográfico reforza esa naturalidade do filme. Hai verdade e parte desa verdade é o humor que eslúe por entre as conversas, nas dúbidas e nos receos de todos. E hai verdade tamén no silencio, no deses dous vellos que almorzan, comen e cean calados, sen máis volta. Pouco máis se lle pode pedir a unha película. Como diriamos en Vigo, hai que ir mirala.

10 Respostas to “18 comidas (O prodixio da naturalidade)”

  1. Irene Novembro 24, 2010 ás 10:48 AM #

    Moi dacordo, Fran. A naturalidade. En todo. No xesto da vella, nas mans en primeiro plano que lle pasan un pano á porta da cociña despois de botar a leña…

    • franplorenzo Novembro 24, 2010 ás 12:44 PM #

      Irene, acabo de ler unha entrevista de 1986 ao poeta brasileiro Joao Cabral de Melo Neto e dicía isto: “Minha luta é esta: tentar botar uma coisa mais complexa numa linguagem mais simples possível. Confesso que geralmente eu fracasso”. Tés razón, ese xesto é mesmo unha frecha no corazón e filmalo desa maneira tan simples é o seu logro. Un bico

  2. xandra Novembro 24, 2010 ás 12:43 PM #

    Unha fermosa crítica para unha fermosa película, si señor. Creo que retrata moi acertadamente unha parte da nosa sociedade, sen grandes alardes, pero sen tópicos cutres, sen “malos será” nin outras palabras baldeiras, que xa abonda. Penso que con esa naturalidade da que ti falas e coa que estou de acordo logra poñer de verdade a Galicia no mapa da filmografía estatal, porque a través de cada historia, que podería ser universal, logra tamén reflectir a nosa cultura e o noso ser, pero dende a modernidade. A ver se hai sorte!

  3. Mary Jo Novembro 24, 2010 ás 6:07 PM #

    Modernísima seguro, pero aburrida un cacho, a vida é en xeral aburrida, para ver a vida dos veciños quedaba na casa. E esa tendencia bilingüística que están collendo os nosos directores encántame, si señor, o galego para os borrachos e os pobres e os apoucados, ah tamén para os túzaros, véxase Retornos. Jóvenes y guays castellano. Iso, e outra cousa, se plasmara tal cal a vida real Tosar e a outra botarían un pó, que non?

    • franplorenzo Novembro 24, 2010 ás 6:22 PM #

      Mary Jo, pois eu creo que nas películas o de Tosar e Pedreño acabaría en pó, como dis, pero non precisamente na vida real, sobre todo se a química de antano non se reedita, como aquí parece que acontece. O do bilingüismo xa nos daba pra outro debate, pero ao meu ver os personaxes de 18 comidas non están connotados polo idioma, ou alomenos non máis que o está a xente na vida real. Unha aperta

  4. Mary Jo Novembro 24, 2010 ás 7:10 PM #

    Vale, e que me dis a que non comeran as nécoras?

  5. pimpante Novembro 24, 2010 ás 10:10 PM #

    A min gustoume a peli. E gustoume tamén o xeito no que se van desenvolvendo as historias.
    A aparición da parella de vellos é maxistral.
    A instauración duns rituais xa litúrxicos vencellados á comida, ás caras varicosas e as unllas con fendas de terra.
    Esta todo tan dito e tan compartido que xa non é preciso nin unha palabra.

  6. Monte Carmelo Novembro 25, 2010 ás 7:08 PM #

    Onte vin a peli, marabilloume a naturalidade dos actores. En moitos momentos sentinme partícipe da história. Os vellos son igualiños aos meus pais, xa se dixeron todo e non necesitan falar. Con mirarse enténdense…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: