Patrimonio da Humanidade, abofé

28 Nov

As hostes do establishment cultural e político español xa conseguiron para o Flamenco o que a falta de apoios e medios non logrou para o vasto legado oral galego-portugués, a súa declaración como Patrimonio Inmaterial da Humanidade por parte da Unesco. Na mesma quenda, ducias de recoñecementos (a cociña francesa era unha delas, para desgusto do chovinismo españolista, que non dubida en gabarse dos seus restauradores bascos e cataláns). E unha outra na que ninguén reparou moito: o festival de loita turca de Kirkpinar, unha tradición que xa vén do Imperio Otomano e que revela potencialidades do aceite de oliva que nada teñen a ver coa dieta mediterránea, distinguida tamén co título da Unesco por riba da nosa moi cardiosaudábel dieta atlántica.

Machos turcos untados en graxa vexetal, pelo por toda parte, músculos e torsos en fero combate, expresións de éxtase, testosterona en acción e sexo sublimado… Todo iso tamén é cultura, circunstancia da que me congratulo poisque vexo ampliadas, así de súpeto, as miñas inquedanzas intelectuais.

Por algún lado desta casa debe andar ese libro de Juan Goytisolo, con fotografías de Isabel Muñoz, titulado Fuerte como un turco. Dígoo por se, quen for, precisa de coartadas librescas, poderá sempre apelar a este gozoso e incorrecto defensor da impureza cultural que é Goytisolo. Para os que simplemente gostan do que ven fica aquí esta mostra patrimonial, pura paixón turca, que rite ti da Catedral de Santiago e de Camarón da Illa (de Arousa), os dous polo xunto. Só unha cousa non acabo de comprender: Patrimonio da Humanidade éo, abofé (ver senón min. 4.05, min. 6.09 ou min. 8.10, por exemplo), e precisa ser difundido pero, pregunto eu: que é o que ten todo isto exactamente de Inmaterial?

Unha resposta to “Patrimonio da Humanidade, abofé”

  1. Miguel de Vigo Decembro 1, 2010 ás 7:23 AM #

    Quen diría co “material” que nos amosas neste vídeo, que isto é Patrimonio “Inmaterial” da Humanidade. Propoño xa solicitar que o próximo ano Charlize Theron reciba a mesma distinción por parte da Unesco, e que galegos e portugueses nos untemos de graxa de porco e pelexemos na lama,a ver se convencemos aos da Unesco de que aquí, na costa atlántica, temos un pedazo patrimonio.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: