6-D: rien à célébrer

6 Dec

Logo de coñecermos inopinadas utilidades da Carta Magna, como desactivar manu militari un paro-chantaxe dos controladores aéreos, a norma coa que se dotou o pobo español -porque outro pobo non recoñece a Constitución de 1978-  cumpre anos, revestida dese halo de infalibilidade e suprema expresión da vontade popular que só convence xa os que gaban a impoluta e modélica Transición, ese relato fantástico que leva a voz en off de Victoria Prego e no que moitas e moitos aínda acreditan.

En 1978, a Carta Magna só recibiu o 27,7% dos votos afirmativos do censo galego na altura. Todos os cidadáns que naceron depois de 1960 non puideron concorrer a aquelas eleccións, nada sabemos da súa (miña, nosa) vontade. Penso en Vigo, a miña cidade, que aumentou a súa poboación en máis de 113.000 habitantes entre 1960 e 1981. No período entre 1970 e 1981, máis en concreto, a medra foi de 61.580 habitantes, o maior crecemento absoluto de todo o século.

Todo, a monarquía, a organización territorial e administrativa, o deseño das liñas mestras da política económica e social, a negación das nacións, a hexemonía do español como lingua única, o sexismo, a proscrición do dereito á autodeterminación… Todo está convenientemente atado nese sacrosanto texto, que contempla, como aconteceu no caso dos controladores aéreos, a posibilidade de intervención militar no caso de que unha comunidade autónoma -as mesmas que agora a reacción españolista tenta aldraxar e boicotear, porque viraron nun símbolo supremo do gasto público e da fracción da Nación Única- decida decidir sobre o seu destino e o seu vínculo con España. Todo o marco no que nos desenvolvemos, os nosos dereitos e deberes, o noso futuro posíbel, supedítase a ese texto imperfecto e sobrevalorado, votado só por algúns dos cidadáns maiores de cincuenta anos, co alento da ditadura na caluga, e que ten, entre os seus pais, a Fraga Iribarne, ministro do franquismo. Rien à célébrer, pois, neste 6-D.

Unha resposta to “6-D: rien à célébrer”

  1. Xosé Grandío Decembro 8, 2010 ás 10:32 AM #

    E o paradóxico de toda esta cuestión non é só o que di o autor. O realmente paradóxico é que aprobándose esa Constitución baixo a presión ambiental dun fascismo armado -ditadura ou “democracia”- que aínda segaba vidas, e unha poboación infantilizada por 40 anos de represión, o paradóxico, dicía, é que “eles” sexan “os democratas”, así, con artigo determinado de exclusividade, e “nós”, que reivindicamos o dereito de autodeterminación e liberdades plenas, que non queremos conflitos laborais “solucionados” a punta de metralleta e cárcere, que non queremos xefes de Estado “por obra y gracia de Dios”, que queremos como mínimo equiparación de direitos e deberes entre galego e español, que queremos a propiedade social da produción e servizos sociais públicos, etc., o paradóxico, dicía, é que “nós” sexamos os “radicais”, os “antidemocratas”, etc., etc.

    Pódese imaxinar mellor obra de enxeñería política e engano masivo que a Transición española? A verdade é que véndoa non me extraña que en América Latina os antiguos ditadores soliciten asesoramento a España para faceren as súas “transicións”…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: