“¿Me guardas el secreto..?” (ou o delirio mental como marca turística de Galicia)

18 Dec

NONO DIGHAS. Este día a Xunta de Galicia presentou na Coruña a nova marca que, ao parecer, vai visualizar a oferta turística galega fóra das nosas fronteiras, querse dicir en España. O mundo, para Feijóo & Co., é España, a liña do seu horizonte, o omega de todas as súas travesías. Fica atrás aquel Galicia Calidade, de resonancias fraguianas. Depois, en 2007, o lema da campaña de Turgalicia, esplendidamente locutada por Luís Tosar, foi Galicia, ¿la sientes?, e aínda en 2009 ecoou aquel Galicia. Ven y siéntela. O ton de todos eles era moi similar, unha voz en off incitadora sobre paraxes idílicas das que agora, emerxe este delirante e flipante episodio de confusión mental, titulado Galicia, ¿me guardas el secreto?, a marca turística deste país. (!!!!)

Malia á interrogación, ¿me guardas el secreto? ou gárdasme o segredo? é, definitivamente, unha frase pouco galega.  Ningún galego di ¿me guardas el secreto?, nun contexto habitual. Como moito: “mira.., isto case que non o dighas…”. Ese sería o subtexto real da marca: “Mellor  nono dighas”, aserto ben problemático e contraditorio cando do que se trata é de difundir unha paisaxe, unha gastronomía ou unha oferta de balnearios, poño por caso. O asunto ficaría, pois, desta maneira: “Galicia, mellor nono dighas“, ou “Galicia, mellor tá calada“. Xusto o contrario da campaña turística do goberno de Asturias: “Asturias, lo dice todo el mundo”, ou do goberno basco: “Euskadi, ven y cuéntalo”. Nós non, nós gardamos segredos e somos tan misteriosos como o paradoiro de Jesús Pérez Varela, aquel conspicuo valedor da Terra e dos seus produtos turísticos e gastronómicos, conselleiro de Cultura, Turismo e Medios de Comunicación do PP, que certo día marchou co botín, por entre os fantasmagóricos corredores da Cidade da Cultura.

“A la pregunta, ¿Me guardas el secreto? el gallego ha respondido: “Ghardo ho, non cho vou ghardar…, y el polígrafo determina… que dice la verdad”. De calar e gardar sabemos un mundo. Vexo á secretaria xeral de Turismo, Carmen Pardo, moi acaída nese papel de presentadora de La hora de la verdad. A vella Galicia sentada no plató, co pano negro sobre a cabeza, descontextualizada e indefensa, cegada polos focos, tentando cantarlle a verdade á dominatrix xeral no seu galego irredento.

Pasamos ao segundo nivel. “¿Es cierto, Galicia, que tienes un enorme valor emocional para los visitantes?”, pregunta Carmen Pardo coa fusta na man. Galicia encolle os ombreiros, e, polo baixo, rosma un fatal e sentido: “pois non che sei…”, dúbida metódica que activa as alarmas do polígrafo e que a expulsa ipso facto do concurso, para abraio e consternación da súa envellecida parentela. “Lo siento mucho, Galicia, pero no has dicho la verdad/I’m sorry Galicia, but you’re not telling the truth”, remata Carmen Pardo con indisimulado aceno de satisfacción.

GALICIA ES UNA MUJER. Como nesa infamante campaña de Vivamos como galegos, agora con supergaiteira en coiros, ¿Me guardas el secreto? asume e deglute os tópicos sobre nós cunha alegría que estarrece. Galicia é unha muller, misteriosa, que evoca intimidade, unha muller que atendendo ao texto dos anuncios televisivos e ao flipe dos creativos publicitarios que pariron esta promoción, presenta un importante transtorno mental. Aquí, no vídeo que vén, fica a versión estendida da campaña, o magma que alimenta as outras pezas de 20 e 40 segundos para a súa inserción publicitaria en radio, prensa e televisión. Son seis minutos, coidado. Quen entenda algo que levante a man. E reparen, por favor, nas frases que, con voz en off, perpetra no spot esa muller chamada Galicia, que me fai acordar á perturbada Kimberly Shaw, a mala de Melrose Place, en plena enchenta de psicofármacos:

– “A veces me dejo llevar tanto por mis sentimientos, que soy peligrosa hasta para quien más quiero” (jarl!!!)

-“Tengo el alma tan grande que a veces me desborda…, soy así (Lo siento)”  (!!!)

-“No hablo el idioma de la realidad, porque amo lo auténtico” (!!!)// (Esta vai dedicada ao conselleiro de Educación e a Anxo -exterminador- Lorenzo).

-“Sé que necesito a la gente para soñarme compartida” (!!!)

-“¿Sabes? Hay noches que hago fiestas con los ojos cerrados… (!!!) (Drogas non, eh?)

-“Lo confieso, cada cierto tiempo te necesito cerca…” (Correeeee!!!)

-E a máis incríbel de todas, por incomprensíbel e descojonante. “He vivido tanto la libertad en mi posibilidad de aislamiento que, a veces, casi he llegado a sentir que compartirme no era necesario…”. Faltoulle dicir: “¿Sabes? en ocasiones, veo muertos…”

“Pero hoy no, hoy voy a dejarme ver…”, conclúe o vídeo. En resumo, Galicia é unha muller, necesitada de tratamento psiquiátrico, unha tipa rara, de discurso confuso, e que, supomos que esa é a Idea, agarda estimular co seu pretendido misterio unha relación estábel co visitante. Non hai cousa que me meta máis medo, confésoo, que un tipo ou unha tipa que considera que as súas paranoias son sedutoras e que emprega olladas profundas e parlamentos esotéricos, ou inconexos, para me conquistar. “¿Y tú, que signo eres? Sagitario, ummm… Lo sabía, lo vi en tus ojos…”

E COMO É ESA MULLER? Nunha cousa poida que leven razón ou acertaran os que crearon e aprobaron esta campaña (súa é, ao cabo, a responsabilidade deste gasto millonario) que pagamos todas. Galicia é unha muller, seguramente si, que cala e agarda. Galicia é máxica porque fai cousas inexplicábeis, como non abrir a boca cando baten nela ou como ser fiel aos poemas que a retratan (aran os bois e chove…). É unha muller, porque vive en precario, porque cobra menos que un home e traballa máis, porque ten que aturar puteos cotiáns, porque soporta unha violencia institucionalizada e moi antiga. Porque ten que tragar con todo ese paternalismo e todo ese desprezo, por iso Galiza/Galicia é unha muller… pero unha muller maltratada.

¿Me guardas el secreto? é, ao meu ver, unha campaña fallida, confusa, e que apela sobre todo á percepción que os visitantes de fin de semana, como destino accesíbel, xa teñen de nós: a dun lugar mítico, misterioso, virxe, un paraíso barato, no que mercar en primeira liña de praia, unha reserva non masificada, arcaizante e fermosa na que os paisanos aínda visten de negro, falan un romance case perdido e onde todas as casas levan camiño de seren casas de turismo rural. Un país onde chove seguido, aínda que tire un mes sen chover. O que magoa, con todo, é ver como ese tópico se insire á perfección no debuxo que de Galiza/Galicia ten a xente que nos goberna. Somos, para elas e eles, unha filial de Madrid, ese sitio no que desconectar pero non, desde logo, no que vivir ou ficar; unha terra que se visita con abraio, coma quen ten un affaire, pero que non move a unha relación duradeira, moito menos agora que sabemos que Galicia/Galiza está chalada. Unha excusa, con forma de comunidade autónoma, para afirmar a súa mítica idea de España. Unha muller, si, poida que si, pero unha muller vítima de malos tratos que, inexplicabelmente, aínda hoxe, perdoa e xustifica todas as humillacións que recebe e que, aí acertaron, pecha a boca e garda o segredo da súa dor.

24 Respostas to ““¿Me guardas el secreto..?” (ou o delirio mental como marca turística de Galicia)”

  1. Ramón Nicolás Decembro 19, 2010 ás 9:05 AM #

    Parabéns polo teu texto. Magnífico coma sempre.
    Ramón

    • Manuel Decembro 19, 2010 ás 10:23 PM #

      O autor do texto descoñece tolmente a mensaxe da marca, que por certo, esta é a primeira vez que a temos en Galicia (o que se fixo anteriormente eran “campañas”, non existía marca…).Pedírialle que ante un traballo excelente, deixase de politizar, ahhhh claro, se a voz en off fose de Luís Tosar outro galo cantaría, ¿non si?.

  2. zeltia Decembro 19, 2010 ás 9:51 AM #

    Gustoume moito o ton sarcástico desta entrada, creo que é o que precisa unha campaña tan pastelosa.

    [ainda que eu son tamén algo cursi en ocasións]

    hei facer (hoxe ou mañán) un resumo no meu blog deste artigo teu, se permites

  3. José Valderas Decembro 19, 2010 ás 3:06 PM #

    A mi tampoco me apasiona la campaña pero tampoco tu post, siempre con el victimismo por delante que si estamos “asovallados”, que si o “aillamento”, que si os “corruptos”… en fin me parece tan rancio el lema de la campaña como tu post.

    • alberto Decembro 19, 2010 ás 9:14 PM #

      José…”asoVallados” se escribe con “B” de…😉

      • José Valderas Decembro 20, 2010 ás 3:04 PM #

        Cierto, hay un error de ortografía, mis disculpas.

  4. Xoana Decembro 19, 2010 ás 10:32 PM #

    Pero tanto costará respectar e recoñocer un traballo ben feito veña de onde veña????. Esta é a auténtica marca, o resto delirios…

  5. Xoana Decembro 19, 2010 ás 10:40 PM #

    O autor deste artículo descoñece totalmente a mensaxe da excelente Marca, que por certo, é a primeira vez que a temos en Galicia (as anteriores eran “campañas”). Ahhhh, claro, pero se a voz en off do spot fora de Luís Tosar outro galo cantaría, ¿non sí?.
    Xoana

  6. Manuel Decembro 19, 2010 ás 10:59 PM #

    ¡Pero se do que estás falando non é o spot promocional!. O vídeo que colgas no artigo e que tanto criticas foi proxectado para presentar a nova marca no pazo da ópera…Hay que falar con propiedade, home, sintoo pero non tés razón en nadiña. Manuel

    • franplorenzo Decembro 19, 2010 ás 11:49 PM #

      Ese vídeo, Xoana/Manuel (pois sodes a mesma persoa), é no que fica a filosofía da marca, a matriz da campaña. E dese vídeo delirante se extraen o resto de clips (máis aptos para todos os públicos)que se irán vendo. O incríbel é que a marca turística dun país poida aceptar, sen revisalos, todos os seus tópicos máis resesos e que invoque o segredo no tempo de Wikileaks. Polo resto, o off de Tosar -Xoana/Manuel- tiña o seu punto icónico/erótico, “séntela?”, pero máis nada. Aí rematan as miñas adhesións. Un saúdo.

  7. xcarlos Decembro 20, 2010 ás 11:07 AM #

    sei que isto vén de vello e se cadra xa estamos afeitos, mais dende o momento en que calquera goberno emprega a “marca” para desenvolver unha política, o terreo xa está aboado para a barbarie.
    agora tamén lle recoñezo que a magnitude do caso dá para pensar e mesmo lle faltou comentar a aberración tipográfica do novo logotipo que empregan, outro atentado á intelixencia.

  8. Arancha Estévez Decembro 20, 2010 ás 1:08 PM #

    xenial! lévomo para facebook…

  9. O que "guarda el secreto" Decembro 20, 2010 ás 4:10 PM #

    No 1:59 di “soy pazos” e sae a imaxe dun castelo. Isto é coñecemento da realidade e o demais son coñas. Alomejó es que para los de Madrí los pazos no son suficientemente espectaculares. Vaia campaña máis absurda.
    Non teño nada en contra das marcas, pero unha que teña algo de xeito, por favor.

  10. RAQUEL Decembro 20, 2010 ás 5:41 PM #

    Xoana/Manuel gustaríame dicirvos que isto non é unha marca aínda que lle deran ese nome. Isto é un video sen máis que parece que o fixeron fai anos.
    Son seguidora dende fai anos das campañas turísticas de moitos destinos, e durante varios anos participei en campañas turísticas de Galicia.
    Considérome una profesional do sector turístico, polo tanto estou cualificada, aínda que sexa mínimamente, para opinar e pensar o seguinte:
    Segredo non é unha palabra que deba utilizarse en Tº, non é transparente, é un termino que pode resultar negativo, a apreciación da xente non é sempre en positivo, o que temos que vender, polo tanto, son mensaxes positivas, que, por certo, non vexo neste anuncio (vexo lágrimas , vexo tristeza, vexo choiva constante…)
    O slogan ten que ser precisamente o contrario, de aquel “Galicia : Ven y cuentalo” agora resulta que é millor que non o contes, que me gardes o segredo . Parece que se fixo un xogo coas palabras galegas mais fermosas e despois intentaron combinarse todas , sen sentido ningún xa que se alguén entende eso de son peligrosa con los que más quiero (que medo) que por favor, o explique.
    Tantas sensacións mal traídas faime que me lembre de a qué huelen las nubes.
    Ademáis de todo son muller e son galega e non me sinto identificada para nada co que di esta muller e quizá teña tido moita sorte na vida, pero non coñezo galegas perigosas cos que máis queren…
    Gracias Fran unha vez máis pola túa valentía e pola túa elocuencia. Deches no clavo!!

    • franplorenzo Decembro 20, 2010 ás 7:20 PM #

      Concordo contigo, Raquel. Segredo non é un concepto acaído para unha marca, porque oculta máis do que amosa, porque non logra, como supoño que agardaban, estimular a curiosidade do visitante. Xa o de “soy peligrosa con lo que más quiero” é directamente para botar a correr e non poñer o pé nesa Galicia na que, milagrosamente, e segundo esta versión ‘desordenada’ de nós, desapareceron as cidades. Ulas, por certo?

    • Xavier Decembro 20, 2010 ás 7:30 PM #

      Ben, eu creo que hai que distinguir entre a calidade das imaxes e o texto. O texto é empalagosamente cursi e como ben dis altamente alucinatorio (ese desdobramento de personalidade, esas mensaxes contraditorias na mesma frase…)e cae, ben certo tamén en todos os clichés ao uso. As imaxes están na súa maioría ben conseguidas, sobre todo cando non aparecen persoas(pois o país dá para iso e moito máis). Ao se tratar dun video publicitario é natural que agoche as miserias (múltiples tamén nun país de contrastes). Eu daríalle un suspenso alto, un 4 ou así.

  11. TEODOMIRO Decembro 20, 2010 ás 10:01 PM #

    Despois de ler isto paréceme que todo o temos que traducir en clave política, pero dende o enfrontamento duns con outros. Luís Tosar é un magnífico actor galego, independentemente da súa ideoloxía política e como tal un bo expoñente para chamar a atención nunha proxección de captación turística.
    O traballo para a captación e fidelización dos turistas cara a Galicia ten que ser labor de todos os gobernos con independencia de quen estea o fronte nun intre determinado. As críticas a veces delirantes “Galicia é unha muller, necesitada de tratamento psiquiátrico, unha tipa rara” ou “Galiza/Galicia é unha muller… pero unha muller maltratada” identifican a crítica descarnada, desprovista de base científica, estudos de opinión, visión de Galicia por parte de terceiros sexan ou non galegos. En fin, falan en clave de alguén resentido que chuspe lagartos polo seu cabreo profundo.
    Como tal, o seu escrito será replicado sen mais e certamente provocará que unha certa parte da nosa sociedade faga súa unha idea que non axuda en nada o fin que unha marca quere acadar, que é competir nun mercado concreto de persoas que teñen que elixir si se deciden por vir a Galicia ou a Asturias, Andalucía, …
    Sexamos críticos pero construtivos. O mellor chegamos a conseguir cousas interesantes entre todos. “Tamén podería dicirse que o spot de Luís Tosar era triste”.

  12. Montenegro Decembro 21, 2010 ás 10:26 AM #

    Acabo de ver el vídeo promocional y estoy llorando, me identifico mucho con su mensaje. A veces tengo miedo de mí mismo y temo hacerme daño. También a los que más quiero, porque mi alma es tan grande que en ocasiones me desborda y me dejo llevar por mis sentimientos. Sé que necesito a la gente para soñar, pero he vivido tanto tiempo en la insondable libertad de mi aislamiento que he llegado a sentir que compartir no es necesario. Cuando me dicen que no vivo en la realidad, ni hablo su idioma, hago fiesta por la noche. Cierro los ojos y hallo la tranquilidad. Yo soy así. Siempre he vivido escondiéndome, pero estas navidades no. ¡Voy a dejarme ver! Iré a Galicia, siento que la necesito. Comenzaré mi psicotour en la Nochebuena. Guardarme el secreto, gallegos. ¡He vuelto! ¡Os vais a cagar! Mi nombre es Chuki. ¡Feliz Navidad!

  13. Néstor Decembro 22, 2010 ás 9:29 AM #

    A campaña, marca, spot, ou como se chame, xa se cobrou a súa primeira vítima no desdobramento da personalidade de Xoana – Manuel, e eu coa chuvia que cae hoxe estou triste, como Montenegro.

    Con independencia do que penso deste goberno e das súas intencións, estou con Raquel en que a campaña é nefasta. Dá medo. Fran P. Lorenzo, coma sempre, xenial.

  14. leRoi Decembro 23, 2010 ás 3:44 PM #

    Sublime. Eu non descarto que os creadores da campaña fosen conscientes de todo isto e adoptaran a propósito un discurso inspirado no cine de terror, xénero que vende mogollón. Xa postos, eu case preferiría algo do tipo “Galicia, yo te daba”. Psychopailanismo total.

    Relacionado:
    http://minchinela.com/repronto/2008/11/01/capitulo-14-%E2%80%9Cel-cabron-del-campo%E2%80%9D/

    Apertas

  15. Diego (Turgalicia Community Manager) Decembro 23, 2010 ás 7:28 PM #

    Boa tarde. Antes de nada sería bo desprender calquer intento de crítica constructiva -referente neste caso a unha campaña de promoción dunha marca turística- das animosidades puramente políticas, é dicir, desprexuizar a crítica co fin de que sexa obxectiva e auténtica. Que Galicia ten un destacado valor emocional non é algo impositivo tal e como se reflexa no seu texto, senon que é froito dun estudo -efectuado pola empresa Ferreira-Millward Brown na súa orixe- o cal rematou constatando o enorme valor emocional que contén Galicia na percepción dos visitantes e que tal valor non se destaca tanto noutros destiños turísticos. Polo demais redundaría no que argumentou Teodomiro no seu comentario en canto a que a crítica descarnada non constrúe e impide acadar obxectivos importantes entre todos. ¡Boas festas!

  16. Miguel de Vigo Decembro 26, 2010 ás 9:55 PM #

    Vamos, todo o mundo a calar. Nos xornais non podes dicir nada porque se non te botan á rúa, goberno galego mediante, como ao autor deste blog. Se escribes pola túa conta e risco na Internet, vén o Turgalicia Community Manager e pouco menos que che di que te cales que non tes nin puta idea e que non se pode facer este tipo de crítica. Como non estás metido na Ferreira-Millward Brown, es un paquete. En fin, pon a pasta, asinte e cala. Cando prohiben o teu idioma nas escolas cala; cando queren encher a Serra do Galiñeiro de muíños eólicos cala; cando se cargan os postos de investigación do país cala; cando privatizan a sanidade,… Cando fan unha campaña de promoción dun país no que levas vivindo toda a vida, e che parece unha trapallada, cala tamén, a ver se vas impedir “acadar obxectivos importantes entre todos”. Manda carallo o que hai que ler!

    • Diego (Turgalicia Community Manager) Decembro 27, 2010 ás 4:08 PM #

      Non está dentro das tarefas d@ Community Management de Turgalicia acalar críticas senon reportar o de constructivo e obxectivo que poida haber nelas co fin de afinar e mellorar. Sábese de antemán que unha campaña de promoción coma esta que chega a tanta xente, en tanto que a unanimidade tende un pouco á utopía, poida que encante ou non, guste máis ou guste menos. De todas maneiras, da diversidade de gustos e sensibilidades sempre se pode extraer algo positivo ó igual que de calquer crítica desprexuizada e é ese o ánimo que nos acompaña no noso quefacer. Non sei, Miguel de Vigo, de que parte do meu primeiro comentario entresacas o que me atribúes no teu. Agradezo de antemán a publicación dos meus comentarios.

  17. Cuspe Laghartos non atura sermóns Xaneiro 6, 2011 ás 4:03 PM #

    Algúns aínda querrán que os laghartos que cuspimos llos deamos ben mascadiños… espelide, que a nos ninguén nos paga pra seren “construtivos” pero nós si pagamos; e(polo menos)a min sóbranme os sermóns tanto como a este país as malas CAMPAÑAS de comunicación (Cursis, enleadas e fallas de “punch” e posicionamento)
    Que Galicia ten unha grande valor emocional disque dixo algúen…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: