Cidade da Cultura: o esplendor da ruína

10 Jan

Nas primeiras páxinas de Austerlitz, a novela de W. G. Sebald, fálase da paz que habita nesas pequenas construcións situadas por debaixo do tamaño normal da arquitectura doméstica: chousos, alpendres, cabanas, pavillóns… No estremo contrario, os grandes edificios, os palacios. “No mellor dos casos, -di Austerlitz sobre un deses monstros arquitectónicos, o Palacio de Xustiza de Bruxelas- admirábase, e nesa admiración había xa unha forma de espanto porque dalgunha maneira sabiamos naturalmente que os edificios que crecen até o desmesurado proxectan xa a sombra da súa destrución e foron concibidos desde o principio con vistas á súa existencia ulterior como ruínas…“. Foime inevitábel non advertir nesas palabras o diagnóstico certeiro do que o Gaiás significa na última década da cultura e da política galega, e de como a expresión máis triste do pailanismo cobizoso devén nun proxecto nacional, ao que a intelectualidade galega acaba por renderse pola vía da evidencia.

“Creo que ya pasó el momento de tomarla solo como objeto de crítica, a veces como un pañuelo de papel o un juguete del que se puede hablar mal a diestro y siniestro y, sin embargo, beneficiarse a sus expensas”, sinalaba este día Xerardo Estévez, un discreto pero conspicuo valedor do complexo, nun artigo de opinión en El País.

O tempo demostrou que o impúdico investimento da Cidade da Cultura non vai ter como resultado o milagre anunciado por Jesús Pérez Varela -onde está, por certo, o ex conselleiro? irá mañá á apertura oficial?- no que cada euro se había multiplicar por quince. Houbo unha comisión de investigación no Parlamento galego, que figura, Touriño mediante, entre os episodios políticos máis penosos que ten acollido a institución. E non se depuraron nunca as responsabilidades. De nada. Nin dos contratos, nin dos enchufes, nin dos chanchullos, nin da ausencia de proxecto, nin do derroche, nin do engano aos cidadáns. O Bipartito asumiu como propia a carga e quixo rendibilizala. Calculou mal, fatal, porque o Gaiás levaba un temporizador, preparado para rebentarlle na cara aos guapos que adoptaran o marrón, na altura Quintana e Ánxela Bugallo. E rebentoulles. Coa inestimábel axuda da La Voz de Galicia, que lle deu acobillo a unha infamante campaña contra o Gaiás e a xestión do BNG. Fíxoo coa mesma fereza coa que defendía os negocios do patrón no Porto Exterior da Coruña. Sen pudor e, por desgraza, coa concorrencia do medo cerval das súas vítimas, que mesmo lle facilitaron o labor.

Pero cando o PP arribou, outra volta, ao Goberno cesaron os ataques, e a Cidade da Cultura non só volveu ser cousa de todos, asunto de país, senón que desapareceu das preocupacións inmediatas do rotativo. Avanzaban as obras, a ritmo ciclópeo, si; non había cartos, non; a crise esgazaba xa orzamentos e futuros; pero a consigna era outra e imaxino que ese benevolencia para co magno alpendre de Eisenman ía xa incluída nos pactos de goberno que Feijóo e La Voz asinaron logo, ou antes, das eleccións autonómicas.

Moitas e moitos queren ver aínda unha vía de redención na magnitude arquitectónica da construción. Reixa, por exemplo: “Diría que xa só o coñecemento do edificio, aínda que estivese baleiro, xustifica a visita da xente de Galicia e do turismo internacional”, sinalaba nun artigo publicado en Xornal o pasado 29 de novembro. Unha icona, en definitiva, malia que desprovista de sentido; unha catedral laica, en palabras da administración; un absurdo fagocitador, imposíbel de encher senón é como armacén de libros. Quen queira ver na continuación desa sangría un motivo para a esperanza, un revulsivo contra a crise, pode facelo. E quen queira sumarse á ficticia alegría da Xunta, tamén está no seu dereito. Pero o mal non acaba na súa aceptación nin as responsabilidades políticas se deberían sepultar baixo toneladas de granito e cristal.

A inauguración de mañá é a única resposta que á administración galega lle está agora permitida. Trátase dunha fuxida cara adiante nunha data de ecos cabalísticos, 11-1-11, que lembra os temores milenaristas daquela Idade Media na que Deus abondaba como pretexto para a construción dun templo ou para a destrución dunha vida.

Se cadra alguén, un Ken Follet calquera que hoxe estude nalgunha escola galega, terá aínda tempo abondo de escribir un novelón, á maneira d’Os piares da Terra para contar como a avareza, a censura, a miopía e a cativez política alimentaron, durante décadas, a miraxe dunha Cidade que era en si mesma unha catedral do baleiro, na que se veneraba a estupidez humana e o despotismo ilustrado. O título xa llo dou eu: O esplendor da ruína.

13 Respostas to “Cidade da Cultura: o esplendor da ruína”

  1. eSedidió Xaneiro 10, 2011 ás 10:23 PM #

    Parabéns polo artigo, co que concordo por xunto e polo miudo. Só unha cousiña: á vista do nivelasso, creo que a cousa quedarialle pequena ata ao Follet. Eu considero como máis acaído un prospecto de farmacia, e concretamente de antidepresivo. Polo demais, a do señor (Redríguez) Reixa só merece un cualificativo: inefábel.

    Saúdos.

  2. Mary Jo Xaneiro 11, 2011 ás 6:34 PM #

    Ei, a novela xa está escrita, e en galego, Memorial do convento, de Saramago!
    Ta todo inventado, avareza e miopía incluídas, a historia poucas lecións dá, a verdade.
    E igualmente parabéns polo artigo.

  3. Roberto G. Xaneiro 12, 2011 ás 1:11 AM #

    É esta a benevolencia da que falas xusto no día en que La Voz saúda así a inauguración da CdC?

    http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2011/01/11/0003_8958243.htm

  4. Arancha Estévez Xaneiro 12, 2011 ás 5:29 PM #

    Á voz nunca lle gustou á cidade da cultura. É unha cuestión editorial para a empresa; non a unha infraestrutura dese tipo en Santiago de Compostela. Pero non se pode comparar como manifestan esa postura agora que como o fixeron ao longo dos anos do bipartito. Desde o momento de cambio do goberno, o tema xa non é central nas súas páxinas, non abren con reportaxes a dobre páxina, nin promoven eles mesmos a protesta como fixeron antes

  5. Arancha Estévez Xaneiro 12, 2011 ás 5:37 PM #

    Coa inauguración conseguiron cobertura internacional, ainda que non en moi bos termos…

    http://www.guardian.co.uk/artanddesign/2011/jan/11/galicia-city-of-culture-opens

  6. franplorenzo Xaneiro 12, 2011 ás 6:52 PM #

    Concordo con Arancha, e co apelativo de “extravagante” que o Guardian lle outorga ao complexo. A Cidade da Cultura é unha infraestrutura lesiva para os intereses do grupo editorial(son cartos que non se destinan, p.e., ao porto exterior da Coruña e que, alomenos na teoría, reforzan a centralidade de Santiago). Pero o filípica da inauguración é ben suave se se compara coas exclusivas que, baixo a mesma sinatura que eu recorde,abateron día tras día a xestión que o Bipartito fixo do Gaiás.

  7. estíbaliz... Xaneiro 13, 2011 ás 9:40 AM #

    Excelente artigo, a reflexión de Austerlitz na cabeceira, o kenfolletismo final e o xugoso filete de datos políticos no medio.

  8. isabel Xaneiro 13, 2011 ás 10:37 AM #

    Si quieres ver obras faraónicas, pagadas con dinero público que no valen para nada, te invito a Sevilla, vienes a mi casa, que es la tuya, que esta sin estrenar…hacemos un viaje por el Guadalquivir, al sol del lunes o el martes… Anímate que te esperamos. Besos

  9. outro máis Xaneiro 14, 2011 ás 4:11 PM #

    Dicir que Quintana foi “un dos guapos que aguantaron o marrón” é moito tersiverxar. Ou moi pouca perspicacia pola súa banda. Pregúntese por que o ex vicepresidente deixou caer na ignominia a Ánxela Bugallo e xa verá que sorpresa e se cadra se achegue máis ao que sucedeu.

    • franplorenzo Xaneiro 14, 2011 ás 4:31 PM #

      En realidade refírome a que Quintana aguantou o marrón alomenos de forma nominal. El era a cabeza nacionalista do Bipartito, e como tal asumía a xestión das consellerías do BNG. Depois supoño que houbo leas internas, traizóns, putadas, vendidas, etc… que é ao que vosté se refire, pero debo confesar que esa parte non a coñezo porque fica na escuridade interna na que se mexen os asuntos do BNG. De todas maneiras, se vosté sabe máis cousas convídoo a partillalo co resto. Nada máis lonxe da miña vontade que salvarlle a cara a Quin.

  10. outro máis Xaneiro 14, 2011 ás 4:52 PM #

    Sen absolutamente ningún ánimo de defender a ninguén no PSdeG, o honesto sería recoñecer que “o marrón do Gaiás” sufrírono Touriño e Bugallo, a quen Quintana deixou caer como dano colateral e para se librar desa campaña de LaVoz. Tampouco é ningún segredo, abonda con observar polo miúdo, coido.

    Saúde.

    • franplorenzo Xaneiro 14, 2011 ás 5:18 PM #

      A miña impresión é que Touriño, na altura, lavou as mans nese asunto. O BNG, con inxenuidade, asumiu o peso dese marrón, pensando que podería rendibilizar o resultado. Tanto foi así que moita xente chegou a identificar a CdC coma un proxecto dos nacionalistas. Que eu recorde ninguén se acordou de Touriño cando a bomba con temporizador estourou.

  11. outro máis Xaneiro 14, 2011 ás 5:44 PM #

    Pois vivimos en países distintos. Repase ben as hemerotecas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: