‘Alocución a la región gallega’ de Santiago Rey, co mapa de Fontán ao fondo

19 Jan

É un momento epifánico, máxico, da narrativa galega do século XX. Acontece en Arredor de si, a gran novela de Otero Pedrayo. Adrián Solovio regresa á aldea logo do seu periplo castelán porque o seu tío don Bernaldo esmorece. O vello fidalgo pídelle a Solovio que lle achegue un mapa ao seu leito de morte, o mapa de Domingo Fontán, a Carta Xeométrica de Galicia. E alí, á luz dunha candea, olla, por primeira vez, o rosto do seu país, os nomes das aldeíñas, cabo dos ríos, das montañas, dos vales e das ribeiras.  Fontán, que investiu dezasete anos da súa vida na tarefa de cartografar Galicia, que a percorreu enteira, a pé e dacabalo, habita hoxe ese doce limbo propiedade da Igrexa católica que é o Panteón de Galegos Ilustres, en Bonaval. O mapa, a tarefa descomunal e pioneira de Fontán, a carta editada en París en 1845 e que abraiara a Cunqueiro de rapaz no Instituto de Lugo, ten hoxe insignes depositarios: a propia casa de Don Ramón, en Trasalba, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, a Universidade de Santiago, a Fundación Penzol, o Centro Galego de Bos Aires e… o despachito de Santiago Rey Fernández-Latorre, o editor de La Voz de Galicia, o home que máis ama a Galicia, o que lle entregou a súa vida por enteiro, un epígono de Castelao, Bóveda e Del Riego pero con estilazo, o garante da Transición e do Estatuto de Autonomía, a voz dos cidadáns, a conciencia do poder, o editor independente, azoute das inxustizas e valedor do pobo que di: “Galicia es mi único compromiso” ou “Galicia es lo más importante de mi vida”.

ENTRE BALTAR E BERLUSCONI. O despacho de Santiago Rey navega, estilistica e simbolicamente, entre dous polos. Ten máis caché que o dun presidente de Deputación pero é un pouquiño máis austero que o dun mandatario europeo ou iberoamericano. Unha cousa intermedia entre Baltar e Berlusconi. Até alí, até o refuxio deste libertador galaico, se desprazaron este luns as cámaras de V Televisión. Confeso que non lle envexo en absoluto a Fernanda Tabarés o embolado de entrevistar ao mandamáis do Grupo Voz, sobre todo se o feeling que desprende o personaxe coa presentadora estrela, e subdirectora, da súa canle de televisión é o que se deixa ver na retransmisión, ou sexa cero. Nin un aceno de complicidade, nin un motivo de distensión. A distancia entre os dous é parella á dun abismo, pero supoño que iso reforza a súa imaxe presidencial.

Sorpréndeme que a entrevista non teña lugar no plató de V Televisión, a súa canle privada. Sorpréndeme e non. En realidade, a escenografía é unha mostra de poder que acompaña o seu discurso visionario sobre a crise e os males que nos aqueixan os galegos e as galegas. Ao mellor Rey Fernández-Latorre quixo que esta alocución a la región gallega con asistencia xornalística tivera o empaque dunha mensaxe de Nadal desde o Palacio de Sabón.  Só que o autobombo megalómano de Santiago I O Magnánimo, reforzado ao día seguinte cunha dobre páxina no xornal que el mesmo dirixe, casa mal con esa pretendida proximidade á xente, a eficacia xornalística e o savoir faire que predica o tal gentleman defensor de Galicia, que só utiliza o galego que tanto ama para cualificar de “desfeita” a Cidade da Cultura.

UN PAÍS NA CHEPA. “Nadie ayuda”. Ese é o dramático diagnóstico de Santiago Rey-Solo Ante El Peligro-Fernández-Latorre, que en ocasións parece levar o peso deste país nas súas costas, como se o mapa de Fontán que graciosamente –y porque yo lo valgo– pendura na parede da súa casa o levara literalmente no curuto da chepa. Unha circunspecta Tabarés pregúntalle ao chefe que porque o ten alí, o mapa. E Santi Rey, vidroso e engolado respóndelle: “Hay varias razones. Una de ellas es que espero que quien entre en mi despacho se impresione, sobre todo si tiene algo que ver con el poder político…”. Pouco máis que dicir. Só o distante que pode ser a ollada de Solovio/Pedrayo da ollada do editor-mesías sobre esa mesma carta xeográfica. Un milagre, un abraio para un; un trofeo, unha cabeza disecada para o outro.

REDENTOR SEN POBO. “El localismo es exhacerbante (sic), es una vergüenza”, sinala noutro momento da conversa o demiurgo, depois de salientar “la pequeña genialidad” que supuxo a creación das edicións locais de La Voz de Galicia. Incribelmente, atribúelle a esas edicións locais (as que lle permitiron a La Voz de Galicia atomizar a súa liña editorial, segundo os intereses do grupo en cada reino municipal) unha capacidade integradora histórica e decisiva. En realidade, se a Galicia de hoxe existe, vén dicir este señor, é grazas a La Voz de Galicia. Iso sosteno, con todo o seu rosto, máis grande có mapa de Fontán, o mesmo home de estado que afirma que “la ciudadanía está muy acostumbrada a ser subsidiada y no tiene el valor de dar la cara”; o que despreza a lingua pola que recibe axudas e fala da imposición do galego; o subvencionado, defensor da meritocracia; o que proclama a súa independencia do poder pero camiña da súa man, axudándolle a gañar eleccións. O valedor do pobo galego que é, en realidade, un dos máis activos axentes desgaleguizadores e anti-nación que operan neste país. “El último periodista y editor independiente que queda en España”, como se autodenomina: o redentor sen pobo, o estratega esquecido, Napoléon na illa de Elba, o Zola de cuarta do Yo protesto. É todo iso e ademais, agora sabémolo, o dono do mapa de Fontán. E quen ten o mapa, mal que nos pese, ten o tesouro, aínda ten o tesouro.

12 Respostas to “‘Alocución a la región gallega’ de Santiago Rey, co mapa de Fontán ao fondo”

  1. Arancha Estévez Xaneiro 19, 2011 ás 9:29 AM #

    boísimo….copíócho!

  2. franplorenzo Xaneiro 19, 2011 ás 10:44 AM #

    http://elprogreso.galiciae.com/nova/43992.html

    Ao Instituto de Lugo volveu a finais de 2009 outro exemplar do mapa, rescatado nos sotos da Deputación. Ao parecer, dío aquí El Progreso, o orixinal da Carta fica en Madrid, na Fundación Domingo Fontán.

  3. Gonzalo Vilas Xaneiro 19, 2011 ás 12:21 PM #

    Moi bo artigo, e finamente escrito.

  4. Brath Xaneiro 19, 2011 ás 7:33 PM #

    Muito bom artigo!

    Gerou-me curiosidade e vi a entrevista e para alem de certificar o teu artigo e conter o vómito; penso que poderia resumir-se assi:
    “Todo me parece una mierda, menos lo mío!” http://www.youtube.com/watch?v=tOZskBhqUoE

    • franplorenzo Xaneiro 19, 2011 ás 7:52 PM #

      Brath, concordo plenamente contigo. Ese tema de Astrud é un himno impecábel para Santi I O Magnánimo. Mentres escribía, contodo, víñame á cabeza aqueloutro éxito da miña preadolescencia no sotaque mexicano da impar Daniela Romo (pelaso e atitú, abofé), o Mentiras aquel que rezaba: “Dime por qué (lo juro, lo juro) me dises siempre solamente mentiiiraas, dime por que (lo juro, lo juro) no dises nuuuncaa la verdaaad..!”. Fica aquí para solaz da parroquia.😉

  5. carme Xaneiro 19, 2011 ás 8:23 PM #

    Xenial! Non me resistín a ver a entrevista. Alucinadiña quedei. Nivelazo. O que máis me gustou foi a profundidade coa que analiza a clase política. Aquilo de que todos tiñan que ir para casa por incompetentes e que nunha empresa como a súa xa estarían despedidos marabilloume. Así, á brava. O da CdC de oficinas tamén é unha ideaza.Mágoa que chegue tarde. Entrevista para estudar na Facultade, pola forma e o contido. O único grande alí era o impresionante mapa de Fontán! Mira que esa marabilla ir cair aí…

    • B.R. Xaneiro 19, 2011 ás 9:26 PM #

      ¿Falou algo do expediente de regulación de emprego?
      http://www.radiofusion.eu/manager.php?p=FichaNova&ID=8922

    • franplorenzo Xaneiro 20, 2011 ás 9:24 AM #

      Carme, agora que a facultade vai cumprir 20 anos neste 2011 propoño que inauguren as aulas de Xéneros Xornalísticos con esta peza histórica. Tivo moita graza tamén a presentación da conversa na web da Voz: Santiago Rey ‘concédelle’ unha entrevista a V Televisión. Como concédelle? Pero non quedamos que é a súa televisión? Chamárono de improviso? O xesto da entrevistadora tamén é antolóxico: “Joder, si no le gusta me echa…”, parece pensar. Ou “me descabalga” como o propio Santiago Rey lle chama ao despedido.😉

  6. J. Xaneiro 20, 2011 ás 7:12 PM #

    Impresionante artigo. Sabe-se que fazia um grande literato galego arremuinhado com este valedor do povo in pectore há algumhas semanas nas instalaçons da sua empresa? GZ dá para todo.

  7. aser Xaneiro 23, 2011 ás 10:19 AM #

    xenial. non creo que se poda dicer mellor.Só un apunte:é grazas á igrexa que o mapa non está nun Casino.

  8. Gustavo Marzo 2, 2011 ás 9:34 AM #

    Moi bo artigo. Parabéns. A mín este tío paréceme dunha mediocridade intelectual pasmosa. Forrest Gamp tiña unha caixa de bombóns, e este tipo ten un xornal. Polo demais, o paralelismo intelectual entre ambos é total.

    En qué mans estamos!

  9. astrakan Decembro 19, 2015 ás 3:03 PM #

    moi bo e esclarecedor

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: