Demolición da casa-país (Fóra as vosas poutas depredadoras do Galiñeiro!)

24 Jan

O xeógrafo Domingo Fontán, do que falabamos este día, chamouno Corno do Demo na súa histórica Carta Xeométrica de Galicia. Hai dous séculos, de seguro, Fontán subiu ese monte, armado co seu teodolito e o seu nanómetro, botando ángulos imaxinarios sobre o esplendor mineral do val do Louro, as gándaras de Budiño e as pedras cabaleiras de máis alá. O pobo chámalle Galiñeiro e é un pico visíbel desde moitas partes da cidade de Vigo. Acho que é tamén a principal elevación da ría, arredor dos setecentos metros. Poida que nin Feijóo nin Abel Caballero nin Corina Porro –ilustres veciños vigueses-, foran quen, no caso de que ergueran a cabeza un día e detiveran a ollada no que os arrodea, de lle poñeren nome ás corcovas que sobrancean no mar de Vigo. Sequera un nome, só un, de todos os nosos Paõs de Açúcar, dos morros de Cangas, de Moaña, de Candeán, de Valadares ou da serra do Galiñeiro, que vai finar, coma a dorsal dunha besta antiga, no monte Aloia, cabo do ceo fremoso de Rebordáns. Pero moitos de Vigo si somos quen de facelo. Moitos si sabemos o nome dos tesos cumes do Morrazo ou da Garrida. Un por un. E nesa capacidade de nomear habita un primitivo acto de amor, algo da nosa orixe, algo que, definitivamente, non nos pode ser roubado.

UNHA LINGUA E UN TERRITORIO. Ese algo que non nos pode ser roubado é tamén o esquelete da nosa identidade: a lingua e o territorio. Idioma e paisaxe. Dicir Galiñeiro, Arruídos, Gondomar, Morgadáns ou Auga da Laxe, é invocar ese binomio irredutíbel, darlle corpo á maxia da lingua, encarnada nun lugar. Por iso o programa de exterminio da nación, que tan gracilmente desenvolve o goberno de Núñez Feijóo, xa puxo a mira do seu fusil neste dragón de dúas cabezas.

A lingua volveuse un atributo prescindíbel, non é xa un ben, algo prezado, algo que herdar e transmitir senón unha carga, unha excentricidade en tempos de crise. Algo que custa cartos e que cómpre manter restándolle investimentos a outras necesidades máis perentorias. E o mesmo a paisaxe. Hai que buscarlle a rendibilidade, porque o patrimonio natural, así, en bruto, non é rendíbel. Para que queremos o ouro nas veas da montaña se non comerciamos con el? Para que queremos unha braña, unha lagoa, unha serra, un sistema dunar, unha xunqueira se non podemos construír lá ou especular? Para o goberno de Feijóo o binomio idioma-territorio, no que se cifra o ser deste país, é como a vella casa da aldea: é un mundo de bonita, pero está a caer, inzada de silveiras, chóvelle dentro, e custa máis restaurala que tirala e erguer unha nova. E nesas estamos, no proceso de demolición do país-casa-lingua-territorio.

E AGORA O GALIÑEIRO. Contra o final do ano os medios locais lanzaron un globo sonda, que xa tivo na altura unha contundente resposta social. Co visto e prace da Xunta de Galicia, que lle concedeu 39 megawatios á poética empresa Terra de Vento S.L. no concurso eólico de decembro, proxéctase un parque de aeroxeradores na serra do Galiñeiro, máis en concreto na ladeira norte, entre o curuto da serra e Zamáns, o lugar por onde nace o sol de Vigo e onde se pousan os raios do solpor. Alí.

É un anteproxecto, unha biopsia social. Cravan a agulla e se os pacientes -nós, os desafiuzados, os homeless na nosa propia casa- non nos queixamos abondo, decidirán que é precisa a intervención. Pero as voces xa se van erguendo. E ergueranse máis, contra ese fuel mortal na aba do monte, tal que aconteceu naquela xeira de dignidade de Nunca Máis, contra a inopia e o desleixo dos mesmos que agora queren chantar muíños no Galiñeiro.

A MALFERIDA IDENTIDADE. As principais revoltas experimentadas nas últimas décadas neste país, mesmo durante a ditadura, están relacionadas con plans ou accións que vulneran a paisaxe (a loita das Encrobas, contra a expropiación de terras por parte de Fenosa para unha explotación mineira, en 1974; o afundimento do petroleiro Urquiola na Coruña, en 1976; a protesta contra os vertidos de residuos radiactivos na Foxa Atlántica, en 1982; o embarrancamento do Casón, cargado de produtos químicosen 1987 e do petroleiro Mar Exeo, tamén na Coruña en 1992; as minicentrais hidráulicas; a central térmica das Pontes; os encoros; os lumes forestais; os recheos portuarios; os paseos marítimos; as canteiras; as construcións na costa; as industrias contaminantes; os parques eólicos; as depuradoras; as empacadoras de lixo, as gasificadoras…). Esa resposta social conviviu, en todas as ocasións, cunha resposta política que interpreta a paisaxe, nun sentido amplo, como o símbolo supremo e privilexiado da malferida identidade galega. E desta volta, se ousan arruinar o Galiñeiro, acontecerá igual.

O SEU PRIVILEXIO, A NOSA DIVERSIDADE. En realidade é unha clase depredadora esta que nos goberna, inculta, alleada, con dous únicos obxectivos: defensa do seu privilexio e ataque frontal contra a diversidade, xa sexa esta biolóxica, cultural, sexual-afectiva, relixiosa ou lingüística. Ignoran, con todo, que o único que nos resta as galegas e os galegos é a nosa lingua e o noso territorio. Non quixera resultar esencialista nin dramático pero se deixamos que unha clase política de cuarta categoría, humillante e humillada, lastrada por prexuízos e complexos, acabe co idioma e coa paisaxe de Galicia, daquela deixaremos de ser: unha morte colectiva como outra calquera, en todo caso, a demolición total da casa-país.

Hai un poema que non por coñecido deixa de ilustrar con máis firmeza e acerto o que quero eu dicir con esta longa parrafada. É do mexicano José Emilio Pacheco e titúlase Alta traición. Di así:

No amo mi patria./Su fulgor abstracto/ es inasible./Pero (aunque suene mal)/ daría la vida/ por diez lugares suyos,/ cierta gente,/ puertos, bosques de pinos,/ fortalezas,/ una ciudad desecha,/gris, monstruosa,/ varias figuras de su historia,/ montañas/ -y tres o cuatro ríos.

así que FÓRA AS VOSAS POUTAS DEPREDADORAS DO GALIÑEIRO!

(A plataforma social ‘Pola pro­tección da Serra do Galiñei­ro’ confórmana os seguintes grupos: Adega, A Ría non se Ven­de, Asociación de Veciños de Vincios, Asociación ‘A Groba’, Clube de Espeleoloxía ‘Maúxo’, Comunidade de montes de Vincios, Federación galega de montañismo, Instituto de Es­tudos Miñoranos, Montañei­ros Celtas, Plataforma pola defensa da ría de Vigo ‘Cíes’, Salvemos Monteferro, S.O.S Groba, Verdegaia e Asocia­ción de Veciños Casco Vello de Vigo).


4 Respostas to “Demolición da casa-país (Fóra as vosas poutas depredadoras do Galiñeiro!)”

  1. magago Xaneiro 24, 2011 ás 7:00 PM #

    Fran, a cousa é aínda máis grave. No Galiñeiro (non sei se lle afectaría o parque eólico) está ubicado un importantísimo sitio arqueolóxico a penas explorado e que é clave, posiblemente, para alumear unha parte moi importante da Historia de Galicia. O valor do sitio arqueolóxico é altísimo.

    Aquí deixo unha ligazón que publiquei con máis información:

    http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2010/09/20/a-fortaleza-do-galineiro-o-impresionante-refuxio-de-guerras-esquencidas/

    Vou mirar se lle afecta e se tal, eu tamén postearei ao respecto.

    • franplorenzo Xaneiro 24, 2011 ás 8:22 PM #

      Manolo, obrigado pola referencia, que só fai achegarlle máis importancia aínda a un espazo natural-xeolóxico-arquelóxico-etnográfico que debería todo el estar protexido debidamente e non ser obxecto de atentado ningún. Descoñecía, contodo, a orixe desas murallas que lembro desde a infancia, como lembro as bestas selvaxes polas abas do monte abaixo e as fervenzas nos días de inverno. Unha aperta grande e duro cos especuladores.

      • xandra Xaneiro 25, 2011 ás 12:35 PM #

        Grazas Fran por este emocionante artigo. Espero que o proxecto non vaia adiante e que a xente se mobilice, porque é todo unha putada, unha tras outra.

  2. Ho Chi Minh Xaneiro 26, 2011 ás 12:53 AM #

    A pergunta do milhom é, na minha opiniom, o que é que pode fazer um povo historicamente golpeado até no carné, governado por instituiçons inimigas e cujo “nacionalismo” maioritário é mais beligerante com as suas correntes independentistas do que com as autoridades e instituiçons espanholas autoras intelectuais e materiais da desfeita? Por de pronto, paralisar o País no dia 27 e iniciar umha dinámica de confrontamento social e político aberto. É já umha questom de dignidade.

    PD: Anxo Quintana, aquel falso sucedáneo eleitoral de Espartaco galego, gerindo os interesses de Construcciones San José em América Latina. A dirigência “nacionalista” nom lhe chega a este país nem ao nocelho.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: