Anxo Lorenzo e a Lei do pinganillo: “mientras pueda chupo y pillo”

31 Jan

Reducir o debate sobre o emprego das linguas do Estado nunha cámara territorial, como é o Senado, ao gasto que comporta o uso dun pinganillo (verba aborrecedora, dita así en romance castellano) di xa moito da baixeza moral e intelectual do debate político neste país. Para iso está a servir, con todo, a crise económica: para desposuír as cousas do seu valor intrínseco e converter a realidade nunha competición de pesos e medidas. Non existe outra coartada que non sexa o aforro. O aforro xusfitica os ERES, os recortes, a defensa da produtividade a toda costa, o apagamento dos dereitos laborais, a renuncia ás liberdades máis básicas e o proceso de aniquilación dun idioma en perigo como é o noso.

O GALEGO, UN MANIERISMO. Son algo fetichista no uso da linguaxe, e por riba síntome decote preso da vergoña allea. Por iso escoitar a palabra pinganillo en boca dun presidente da Xunta faime arroibar, é inevitábel. É un acceso de pudor extremo e incontrolábel. Cando Feijóo fala do pinganillo non acredito. Non acredito que cifre nesa palabra allea, burlesca, case cómica, o presente da lingua galega; esa lingua tan custosa, tan excéntrica, tan propia de épocas de derroche económico, tan pouco solidaria xa  na súa existencia que debera desaparecer para nos facer un favor a todos.

Se nos guiamos por Núñez Feijóo e pola súa escuadra exterminadora da nación, o idioma que até o de hoxe falamos os galegos, que con razón se chama galego, é un manierismo, un alarde rococó, rechamante pero innecesario. Un vestido de alta costura, que só pode vestir o selecto clube de galegos e galegas de nazón. A tal punto é así que agoran teiman en convencer a xente de que asegurarlle un lugar de relevo á lingua galega, no Senado por exemplo, é tan caro como innecesario.

Sequera empregaran o mesmo argumento co que amparan a estafa da Cidade da Cultura: “agora xa a temos aí e non podemos facer ren”, ou “que imos facer, deixala a monte? un pouco de responsabilidade…”. Por que n0n lle aplicarán tal razoamento á lingua galega? Non é elegante, pero a min valeríame: “Leva séculos sendo o noso vehículo de expresión, fixémolo nós, criámolo, naceu aquí, que vamos facer agora co galego se segue aí, guindalo? bater nel? Nooon, un pouco de responsabilidade…”.

AS VACAS GORDAS. Vívese máis tranquilo sen agardar nada de ninguén, refírome aos políticos, a estes políticos. Ou cargos, chamémolos cargos mellor. Pero ese estoicismo non evita certos picos de indignación e carraxe ao fío dos seus discursos. Este día, nunha entrevista ao ABC recollida por Xornal, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo (Rasputín), sinalaba que é “irresponsábel” usar o galego no Senado “neste momento”. E concluía: “Isto había que facelo na época de vacas gordas; non é o momento oportuno”, aclara.

Para os que nunca coñecemos de preto a época das vacas gordas, pero temos memoria na testa e arquivo na man, énos difícil situar esa época dourada da nosa economía na que os cartos abondaban, mesmo para investir en pinganillos. Sospeito que se referirá, no caso de Galicia, á vella arcadia bipartita, a dos Audis e as mesas de deseño, cando el mesmo cobrou unha pasta por asesorar e comisariar aquela exposición As nosas palabras, os nosos mundos, da secretaría xeral que agora comanda, “sobre a lingua galega na diversidade lingüística”, que itinerou por media España, Europa e América. O deseño, a montaxe, a produción, os gastos de publicidade, o merchandising, o portal web, os transportes, o comisariado… Boto contas do que custou aquela broma e si, é posíbel que a bonanza económica permitira entón investir nunha exposición sobre o galego o que hoxe se lle nega ao galego como idioma, na Cámara Alta. Eu mesmo, en cualidade de xornalista abafado pola calor, asistín, en xullo de 2008, á inauguración daquela mostra en San Martiño Pinario e polo claustro do mosteiro batín, xúroo, con máis dunha vaca gorda. Minto, taba cheo aquilo de vacas gordas pero maiormente de vacas sagradas, prebostes da nosa cultura, cebados na abundancia. Anxo Lorenzo, entre eles.

A LEI DO CARAMBELO/A Lei do Pinganillo. O que daquela parecía un inofensivo profesor universitario, con certo desleixo indumentario, non debeu advertir na altura o brutal gasto que supuña esa mostra. Pero el non era político, cargo digo. E non tiña responsabilidades. Era só un afouto defensor da lingua galega, un entregado valedor do plurilingüismo, que predicaba ese mantra da diversidade, xa fóra en Barcelona, Sevilla, Madrid ou Bilbao, alí onde fora requerido e lle pagaran as dietas. Agora que a lingua galega chega ao Senado, porque así se decidiu, democraticamente, para contrariedade dos senadores populares, a tese que noutrora defendeu con dedicación xa non lle serve a Anxo Lorenzo. A diversidade lingüística non é pois un valor senón un gasto, un investimento pouco fructífero. A diversidade lingüística é só un activo cando a Xunta de Feijóo emprega o inglés como disolvente desde perigoso concentrado 50% galego/50% castelán que se viña practicando nas aulas. Pero no Senado o plurilingüismo é un investimento gravoso e intolerábel. Tremendo investigador, valente científico, reputado curador, abofé.

Remiro no diccionario da RAE e comprobo o que pinganillo é. Un anaco de xeo, un carámbano en castellano. Alédame ese desacordo da Real Academia Española cos usos cotiáns do español, porque poetiza e eleva esa verba a outro estadío que non é o puramente televisivo. E en galego? O que é un carámbano? Pois un carambo, un carambelo, ou mesmo un caramelo. Poida que sen querelo, Anxo Lorenzo, coas súas vergoñentas declaracións, viñera a formular unha nova lei da sociolingüística, un achado filolóxico que incorporar ao seu vasto currículo: a Lei do Carambelo segundo a cal o relevo dun idioma e o apoio que debe recibir por parte da administración é directamente proporcional á coxuntura económica que atravesa o país. Vacas gordas, idiomas gordos, rebordantes de saúde, normalizados. Vacas famélicas, idiomas doentes e exsangües, cun pé na UCI. A aplicación desta lei en castelán é ben mais sinxela. Chamaríamola Lei do Pinganillo e redúcese a un aserto, que leva impreso o rosto do noso benquerido Rasputín: “Ley del Pinganillo, mientras pueda, chupo y pillo”. Non demostra moito rigor, pero funciona. It works!/¡Funciona!/Vai!

9 Respostas to “Anxo Lorenzo e a Lei do pinganillo: “mientras pueda chupo y pillo””

  1. Peret Xaneiro 31, 2011 ás 11:34 PM #

    En España ante todo el español, es de película de los hermanos Marx el tener que hacer todo un despliegue de traducción entre un grupo de gente que sabe entenderse en su idioma oficial solo para que los cuatro de siempre que quieren dar la nota no lloren. Por suerte y gracias a dios son minoría. Un saludo.

    • Antón Febreiro 1, 2011 ás 8:30 AM #

      Vése que Peret, como bo espaÑiol, é máis de Pajares e Fernando Esteso…

  2. Carlos Callón Febreiro 1, 2011 ás 11:02 AM #

    Eu o que non entendo é por que os eurodeputados do PP, que saben inglés e/ou francés, insisten en expresarse en español no Parlamento europeo e as súas comisións, aínda sabendo que supoñen un malgasto de tanto diñeiro.

    Obviamente, dígoo con ironía. Eu vexo ben que se use o español. E tamén vexo ben que se use o galego. O que non entendo é por que se di que o galego é un malgasto e o español non. Será que o galego é unha lingua inferior? Se ese é o problema, que se diga.

    Moitas grazas por esta excelente entrada.

  3. Carme Adán Febreiro 1, 2011 ás 2:34 PM #

    Estupendo!

  4. Montenegro Febreiro 1, 2011 ás 3:37 PM #

    Va por ti Peret!

    Borriquito como tú, tururú… Que no sabes ni la u, tururú… Borriquito como tú, tururú… Yo sé más que tú.

  5. Paio Gomes Charinho Febreiro 1, 2011 ás 4:19 PM #

    Vaia, vaia, sr. Peret (Ou o de “señor” quédalle moi grande?), resulta que eu son un deses que pertencemos a esa “Por suerte y gracias a Dios”, minoría.
    Só podo facer unha análise das súas palabras, breve, curta, sucinta: vostede é un cabeza de croio. Nótaselle no xeito de escribir e no mote, apodo (perdón, de seguro que vostede emprega “nick”, en lugar dos sinónimos CORRECTOS que dou eu en castelán) que é vostede un trasnoitado da dereita máis insufrible: creente, pepero, “sobrao” e, por descontado, lingüófobo (si,invento verbas, algún problema?).
    Todo o que cheire a “non españolista” dalle noxo… Pois nada, siga vostede coa súa rumba que ben lle canta Montenegro, e non se esquenza de rezar ó seu dios, non vaia a ser que incluamos o tagalo no Senado, como ex-colonia que foi…

  6. J. Febreiro 1, 2011 ás 6:12 PM #

    Magistral, P. É umha descriçom do refugalho que admiistra este pais quase tam boa como o post de Fernández-Latorre.

    Quem tivemos a desgraça de conhecer Anxo quando jovem sabiamos do seu temperao afám de protagonismo, da sua indisposiçom crónica para ir além das palavras no compromisso com a militáncia nacionalista preferindo sempre certo divismo esquerdista e do seu radicalismo de opereta.

    No entanto, reconheço que nunca pensaria que Anxo chegaria ao extremo de lamber-lhe o “pinganillo” -claro, em espanhol- à ultradireita hispana. D. E. P.

  7. Francisco Leira Febreiro 1, 2011 ás 6:23 PM #

    Postos a buscar cousas para as que “non é o momento” habería que citar o xuízo a celebrar en Vigo o 3 e i 4, no que se pide cárcere (5 anos) a dous nacionalistas por se movilizaren contra a campaña de manipulacións de Galicia Bilingüe. Aquí as “vítimas” cortan cabezas.

  8. Euner Febreiro 2, 2011 ás 1:14 PM #

    Necesaria lectura para acompañar o boliño e leite da mañá. Haberíamos de lle lembrar ao Peret que o Español non é unha das tres linguas oficiais da UE. E xa que nos venden a falacia do inglés nas escolas como idioma internacional e forte aposta polo futuro profesional e relacional dos nosos fillos, pois deberían comezar eles a dar uso porque pagar tradutores de español formados nas distintas universidades espalladas ao longo do seu país é un gasto innecesario. Mais na realidade ben saben que o tradutor de por medio garante a performance da súa identidade nacional tan ben construída; ou aínda pensen que lla deu Dios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: