Ex Ovo Omnia (Lady Gaga vs. Madonna)

14 Feb

É un debate irrelevante, aínda que non tanto como o da confección de listas para as eleccións municipais. Porén xa produciu máis contidos culturais e reflexións nunha semana do que o monstro do Gaiás leva producido en dez anos. Estoura na rede e ten a súa orixe nunha industria discográfica en franca decadencia, necesitada, eu creo, de big-bangs coma este, que aseguren unha transición exitosa cara á era da dixitalización plena. O título da película é Lady Gaga vs. Madonna, e como todo o que arrodea as dúas megaestrelas do pop global (con permiso de Britney, Kylie e Christina), ten que ver coa grandilocuencia e o exceso paródico propios dun final de ciclo histórico como o que atravesamos. Imos aos feitos logho:

1. Lady Gaga publica, urbi et orbe, o primeiro single do seu novo traballo, un tema titulado Born this way, trallazo uptempo que presentou, por primeira vez ao vivo, na gala dos Grammy, hoxe mesmo. Fica aquí:

As comparacións son inevitábeis poisque medio mundo (literal) cre advertir nos acordes dese himno-disco desprexuiciado e libertario os acordes do Express yourself (1989) de Madonna. Miúdo polo!, que diría X.

2. Son en realidade tan parecidos? Amén de que a revista Rolling Stone o diga a verdade é que si. Lady Gaga realiza unha cita ampla do hit de Madonna, pero a semellanza non está só na melodía. Está sobre todo na harmonía: Express en Do maior/Born unha quinta por riba, Sol maior, con volta para o Do maior, as dúas tonalidades máis euforizantes e positivas. Está na rítmica, no fraseo, por moito que o tema de Gaga sexa máis rápido (124 bpm) que o de Madonna (116 bpm). Na actitude, na coreografía, visto o visto onte nos Grammy, pero sobre todo no espírito. Pura intertextualidade. Fica aquí unha montaxe (nin sequera un mix) que sobrepón unha canción e a outra. É difícil diferencialas.

3. Non lle fai falta a Lady Gaga pero a polémica sobre o suposto plaxio estoura nas redes sociais e convértese en trending topic de twitter en cuestión de horas. Youtube rexistra millóns de visitas ao Born this way. Desátase unha batalla de fans, na que os de Gaga teñen máis que gañar. Obviamente non van recoñecer a copia/cita/homenaxe, porque Gaga-é-a-máis-grande e Madonna está acabada. A vella estrela de brillo caduco e o meteorito fulgurante, tanto ten os anos que dure, é un mantra xa clásico e moi efectivo, que soergueu o ascenso imparábel de Britney Spears (princesa do pop, chamada), e que refrendou a raíña do pop (Madonna, of course), con aquel morreo lingual medio falso que se marcaron nos MTV. A típica movida escandalosísima para os ianquis e que, coma sempre, deriva no proveito comercial/icónico das dúas implicadas.

O caso é que Lady Gaga nisto de citar/homenaxear non ten moito parada. Que me maten se a capa do seu Born this way non está fusilada do Hearts de Kylie Minogue.

a capa do Hearts de Kylie Minogue

4.  Dito isto, e como madonnista irredento, debo recoñecer as cualidades de Gaga, que radican na virtude de copiar/citar con graza e aproveitamento, cousa que non todo mundo sabe facer ben (que llo digan a Lucía Etxebarria). Neste Born this way, por exemplo, hai tamén unha cita escandalosísima de Kelly Rowland (When love takes over) e paréceme advertir que de Christina Aguilera. O título, por outra parte, é o mesmo do Born this way, da gran Dusty Springfield. E se me poño exquisito, o recitado é puro Vogue/Madonna. Os vimbios son os que hai e Lady Gaga é un produto alucinante polo que ten de superposición de capas arqueolóxicas estético-musicais. Aspira a ser TODAS elas para ser ELA, a raíña, como ben di na letra do seu sinxelo: Don’t be a drag, just be a queen. A Christina Aguieira, por exemplo, tena frita, porque lle samplea TODOS os estilismos, época por época. E a moi burra da Aguieira vai e copia a Lady Gaga para resituarse na pomada modernuqui. ¿Como se lle chama a iso, copia con efecto retroactivo, a copiada copiona? De todas maneiras, como ben lles dixo aos seus fanáticos a afectada/plaxiada Aguieira, “hai lugar para todas nós nos vosos Ipods”. Iso seguro.

5. A que estea libre de culpa que tire a primeira pedra, iso tamén é verdá. Madonna por exemplo copieteou o Express yourself, agora re-copiado por Gaga, dun temazo de The Staples Singers, Respect yourself, editado en 1972. Acelerouno, produciuno á maneira de 1989 e púxolle aires de Metrópole de Fritz Lang meets Jean Paul Gaultier. Et voilá! Velaquí o orixinal, o auténtico tema, a mai de todas as fotocopias. O son da Stax, o soul co puño ergueito, o orgullo, a negritude, a alborada do funk!

6. A polémica dá froitos singulares. De todos os mash-up (remexidos) que circulan por aí vou quedar con este: un pouco de Born this way, un pouco de Express Yourself, un pouco do Jump de Madonna e unhas liñas de Better than today, de Kylie Minogue, feito na casa por este rapaz kuwaití/xordano, Omar Afuni, que acaba de editar un disco cos seus propios medios de gravación e que nesta semana, grazas ao suposto rip-off de Lady Gaga, converteuse nun dos vídeos máis vistos de Youtube. Rocks!

7. O éxito, con todo, de Born this way vai ser imparábel e irá medrando até a publicación do disco, en marzo. The Guardian xa saudou a canción como o novo himno gay, neste fantástico artigo de Jon Savage. Persoalmente un dos logros de Lady Gaga, alén da súa extravaganza, é o de bombardear o espazo global de mensaxes de tolerancia e amor transxénero, dun xeito moito máis obvio e radical do que o fixo Madonna ou calquera outra diva. A letra deste sinxelo xa o di: No matter gay, straight or bi/Lesbian, transgendered life/I’m on the right track, baby /I was born to survive. O que noutras divas do pop eran provocacións subtís en Lady Gaga é pura mensaxe.

8. Na gala dos Grammy, celebrada por certo no Staples Centre de Los Angeles, Lady Gaga apareceu incubada nun ovo. Non houbo alfombra vermella para ela, nin falta que lle fai. Si unha performance na que varias danzarinas e danzarinos portaban a ovalada forma, supoñemos que con ela no seu interior. Ex Ovo Omnia, dicían os latinos. Todo parte do ovo. Non sei se esa era a súa idea. De todas maneiras, a posta en escena evoca un sepelio. E o que se enterra, eu creo, é a cultura da orixinalidade, ese prestixio xa absurdo na era tecnolóxica e das redes sociais. Lady Gaga non é orixinal. Non é a súa aspiración. En realidade reinventa os mitos, que é o que se vén facendo desde Homero. A súa autenticidade procede do paroxismo da copia: pura intertextualidade. Saber o que hai detrás dese construto, coñecer as fontes, o texto orixinal, é só unha satisfacción individual, máis nada. Para algúns de nós ese saber conleva un extra de dopamina, a que che percorre o corpo ao ver recompensadas as túas intuicións intelectuais. Un subidón que che fai dicir polo adentro: “que puta a Lady Gaga, mira de onde o sacou…”. E depois: “como se atreverá a copiar a Madonna..!”. E por fin: “joder, que temazo Born this way…”.😉

11 Respostas to “Ex Ovo Omnia (Lady Gaga vs. Madonna)”

  1. Miguel de Vigo Febreiro 14, 2011 ás 6:08 PM #

    Excelente artigo Fran. Todo o novo vén dun ovo que xa foi novo, lembras? Do sepelio que escenifica a Gaga, das cinzas da música do pasado, nace a música do presente. E sempre foi así. Madonna morreu! Viva Lady Gaga!

  2. franplorenzo Febreiro 14, 2011 ás 6:41 PM #

    Síntoo Miguel, pero corriches moito para dar por morta a Madonna😉 Eu agardo unha resurreción (xa a tivo con Confessions on the dancefloor)e daquela, que trema Lady Gaga.😉

  3. Ham Tyler Febreiro 15, 2011 ás 8:56 AM #

    Too many whities Fran. I gotta say I’m more into the Beyoncé’s Universe. Remember her moves in Crazy in Love… man… that freakin’ dress was just awesome, u know… the orange and pink one. And how about Single Ladies? That’s called Dancing! And the Broken-Hearted Girl vid with Bey standing at the edge of the ocean? Dude, think for a sec of the moment when she says “I don’t wanna play that paaaaart”, doing the Whitney thing and shaking her finger as if saying no. Remember the first dance with Barack and Michelle. That’ll be in the books of History (the American and only one). Remember how sweet/cool she was when K West ruined what was supposed to be Taylor’s big night! Remember Listen, Halo, If I were a boy (remember that cop!), Irreplaceable, Telephone and so many pretty damn good songs… Bey is the chose one!

    Anyways, regarding your post I totally agree with you and Jon Savage, this is nothing less than a contemporary LGBT call-to-arms. Gaga Rules!!!

    Love you Bey! You’re the Queen of R&B, Soul and Pop!
    Hate you Jay-Z!

    • franplorenzo Febreiro 15, 2011 ás 9:25 AM #

      Ham, if you love Beyoncé in that way, im sure you will love the Lady Antebelumm ‘Need you now’ Grammy awarded too ;- The country face of Beyoncé’s mood jajajaja😉 You’re on the right track baby!

      • Ham Tyler Febreiro 15, 2011 ás 10:03 AM #

        That’s a heart-touching song Fran…😉

  4. Arancha Estévez Febreiro 15, 2011 ás 10:10 AM #

    Eu que son un pouco profana no tema divas e música actual, o que entendo despois de ler o post é que aguieira de capa caída, non fran?

    • franplorenzo Febreiro 15, 2011 ás 10:21 AM #

      Pois un pouco de capa caída si, Aran. En todo caso, non hai que esquecer que todas as divas teñen un remanente enerxético e que abonda un hit ou unha campaña viral para resitualas. Tamén a Britney a deron por morta e arrasou con Circus e agora vai sacar un novo disco, que competirá co de Lady Gaga. De todas maneiras Cristina Aguieira ándache un pouco desprazada. Trabucouse co himno nacional (ianqui) na final da SuperBowl e este día nos Grammy a pouco máis e esfurrica. Cando un empeza a copiar a quen o copia, proba de que algo vai mal.

  5. Xavier Febreiro 15, 2011 ás 5:43 PM #

    Fran, parabens. Descomunal escrito. Fico admirado. Grazas.

    • Araceli Queiruga Febreiro 18, 2011 ás 9:19 PM #

      Moi bo o artigo, aínda que teño que recoñecer que me perdo un pouco con tanta información. Eu non son nin madonnista nin gagaísta (e moito menos seguidora de calquera das outras nomeadas no artigo). Eu reivindico por encima destas loiras á autentica “blondie”, á auténtica raíña do pop,a miña amadísima Debbie Harry. Unha muller que, aos seus 65 anos, segue gravando e actuando en directo, tanto en solitario como coa banda coa que empezou nos setenta. Unha muller mil veces máis fermosa, sofisticada e sensual que calquera das outras dúas loiras que nunca estarán á súa altura, por moito que queiran imitala ou imitarse. Ela é o verdadeiro ovo!!!!

      • franplorenzo Febreiro 18, 2011 ás 11:34 PM #

        Araceli, se me amentas a Blondie daquela xa non digo nada. Moi grande moi grande ;-)Un bico

  6. Araceli Queiruga Febreiro 19, 2011 ás 10:50 AM #

    Graciñas polo vídeo, Fran. Esta canción, que xa ten máis de trinta anos, ségueme facendo bailar e gozar bailando, quizais máis que cando eu era nova. Un biquiño.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: