Vigo e todos os seus nomes

17 Feb

Quitado que Mar de Vigo evoca o nome dun mercante de altura, semella que ao final algo de sentidiño si houbo na elección da denominación oficial do auditorio vigués por parte do comité de expertos (vaia nome..!). En verdade o trobadorismo medieval, aquela vizosa lírica do amigo (que ecoa aínda hoxe en poemarios tan altos como Fóra do sagrado de Anxo Angueira), segue a ser a máis única, internacional e poderosa das marcas viguesas. Martin Codax, Mendinho e Xohan de Cangas. Os Tres da Ría habíanse chamar, se os collera o tempo da música lixeira ou dos grupos de gaitas.

Mar de Vigo, tirado do verso Ondas do mar de Vigo/se vistes ao meu amigo, é unha homenaxe acaída a Codax e a ese legado, se cadra o máis universal da cultura galega. Pero sobre todo logra eludir a tentación antroponímica, esa necesidade compulsiva de bautizar TODO (rúas, prazas, auditorios, pazos de congresos), co nome dunha persoa/literato/preboste/autoridade/político. Ningún problema se che toca vivir en José Ángel Valente (fóra de que te chames igual có poeta e confundas os carteiros), ou en Rosalía de Castro, ou  en Pucho Boedo esquina Eduardo Pondal, gloriosa confluenza do rueiro de Touro. Máis problemas terás, con todo, se a túa praza ou avenida é de caste franquista: Generalísimo Franco, Juan Canalejo, Primo de Rivera, Capitán Patatín ou Juan Carlos I.

No proceso de selección houbo propostas de acreditada dignidade e rigor, coma o VPA de Bragado. Pero cheguei a tremer en escoitando a restra de suxestións cidadás, que incluían Corina Porro, Barack Obama e Abel Caballero na listaxe. Persoalmente, Auditorio de Beiramar ou Auditorio Casa Mar, eran as miñas opcións, por aquilo de situar a dotación no seu locus e no seu contexto histórico. Beiramar (castelanizado no moi alucinante Orillamar), porque é na beira do mar onde fica e así se chama esa avenida, e Casa Mar, porque o soar no que hoxe se ergue a obra de César-único-arquitecto-galego-Portela foi noutrora a sede da empresa Casa M.A.R. (Motopesqueros de Altura Reunidos), propiedade de Javier Sensat Curbera, industrial vigués que chegou en cabeza a esta final democrático-eurovisiva local. Por certo, é dicir soar e vénme á cabeza aquel video inefábel da campaña electoral de 2009, no que Núñez Feijóo, chantado diante dos cascallos de Casa MAR promete o futuro espléndido, “de moita ilusión e traballo”, que agora, en 2011, atravesamos. ;-( A peza podería titularse “ESTE SOLAR ÍMOLO ENCHER, OÉ OÉ OÉ OÉ” e dá pra rir.

Para limpar un pouquiño o espazo virtual depois de palabras tan preclaras, traio aquí unha cita de Cunqueiro da que gosto especialmente. É dun artigo publicado en 1955 en Vida Gallega, recollido por Alvarellos no libro Viajes y yantares por Galicia, editado en 2005, un libro para min imprescindíbel ao que agora, no centenario do escritor, se lle sumou o Viaje a Lugo, na mesma colección Rescate.

Cuando Vigo tenga tiempo -una soleada tarde de Otoño- para mirar hacia atrás, se encontrará con que el primer capítulo de su historia, en su primera línea, dice así: “Vigo fue fundada a la orilla de un verso de Martín Codax”. Una polis griega no hubiera olvidado esto jamás, aunque tuviera que llevar Mayor y Diario… Cuando yo viajo a Vigo, aunque prefiera, por razones de mi sentimental y anticuaria memoria, los poetas y los héroes, líbreme Dios de reprocharle a Vigo juventud, insolencia, riqueza. Lo que pasa es que a mí me ha tocado hoy recordarte, recordar. Cuanto más que en Vigo se está haciendo en estos momentos una gran parte del presente y una gran parte del mejor futuro del país gallego: lo que, incluso para un poeta, vale tanto como una romería de Xohán de Cangas, una cantiga de Martín Codax o la desesperada soledad de Mendiño. Tanto también como el cañón de madera tronando en Pontesampaio, o Cachamuíña en puertas, apretándole al francés con aturuxos y pólvora negra.”

Hai, contra o que dixen arriba, casos singulares nos que os espazos públicos levan inscrito no seu rosto o nome dunha persoa. E cando ese nome é removido sente un indignación e certa sensación de atraco. En Vigo ocorre, e agora sería o momento de solucionalo de vez, co Teatro García Barbón e co Teatro Rosalía de Castro, o un e o outro históricas salas, xunto co Fraga, nas que se escribiron as páxinas máis senlleiras da música, do cine e do teatro non só da cidade de Vigo senón deste país. O caso é que as dúas salas reciben hoxe os moi compostos nomes de Centro Cultural Novacaixagalicia (García Barbón) e Auditorio do Centro Cultural Novacaixagalicia (Rosalía de Castro), unha denominación ortopédica e irrespetuosa que, por riba, contribúe á confusión cando tercia na programación cultural o Centro Social Novacaixagalicia, a chamada Casa Bárcena.

Sospeito, ademais, que a denominación do principal teatro vigués ao que todos os de Vigo seguiremos chamando García Barbón, podería derivar, nun futuro inmediato, en Centro Cultural NovaCaixaGalicia/Bancaja/Cajasur, ou un horror parello. Así que por respeito aos que aturamos e subvencionamos o proceso de fusión das caixas, restituír os nomes que nos pertencen, xa que os cartos non os devolven, é o menos que podían facer Gayoso & Co.. Digo eu. A risco de que o primeiro que se faga co pack financeiro teime en rebautizar, outra volta, o García Barbón cun novo atentado contra a nosa memoria.

2 Respostas to “Vigo e todos os seus nomes”

  1. Miguel de Vigo Febreiro 17, 2011 ás 9:06 PM #

    Aínda pasei hoxe correndo por diante do Mar de Vigo, que como case todas as obras da cidade estará para inaugurar en abril, por que será? O nome gústame, pero o meu preferido era Beiramar, nome que seguro lle acabaremos dando nós: “hai un concerto no auditorio, o de beiramar”. O hotel adxunto ao auditorio si que escolleu este nome. Eu aínda así, cos nomes das rúas que me tocan non me podo queixar. Vivo en Rosalía de Castro, e desde a miña ventá vexo a rúa Heraclio Botana, o líder socialista fusilado no 36 en Pereiró. Se houbese un pouco de sensibilidade o primeiro que debería soar no Mar de Vigo é a célebre cantiga de Martín Codax.

  2. Ramón Nicolás Febreiro 18, 2011 ás 9:03 PM #

    Subscribo todos os extremos do teu interesante post, prezado amigo, tamén o meu preferido ben sería Beiramar,sinxelo e sen perda. En fin. Unha aperta.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: