Beatriz Ma-to!, Manquiña e Perlita de Huelva

22 Feb

O pior que lle pode acontecer a un actor é que acabe un por non distinguilo dos seus personaxes. Se eu fose experto en crítica teatral, que non o son, chamaríalle simbiose paródica a ese fenómeno polo cal o personaxe contamina o persoeiro e viceversa. Son actores que fan deles mesmos. Depositan os seus tics no papel, os seus engolamentos e é imposíbel non velos a toda hora, hiperpresentes. En realidade non encarnan o personaxe, senón que se interpoñen entre o rol e o público. Impiden a abstracción.

Manquiña é, ao meu ver, un deses casos. Volvino pensar nada máis picar neste vídeo da nova campaña da Consellería de Traballo e Benestar, a de Beatriz Ma-To!, na que varios famosetes galaicos (maiormente xente do cine, da televisión, da música e do deporte) advirten dos perigos da condución irresponsábel. Velaí vai:

Vídeo de Manquiña “mañana ya te tomarás otra copa más” (picar aquí, poisque o usuario decidiu eliminar o vídeo de Youtube)

Parece de coña, sobre todo porque brinda con sangría por unha condución segura, pero o vídeo é serio. Brindemos con alcol por unha condución sen alcol!. Pertence á devandita campaña de Xuventude, Libre, que difunde as vantaxes do condutor alternativo. É un papel ou é o propio Manquiña? Para min é imposíbel sabelo. Sospeito que algo de realidade hai poisque Manquiña é, co cantante Iván Ferreiro, o único que fala en castelán dos quince testimonios (sic) que presenta a Xunta na súa web. E é sabido o compromiso persoal do actor con esa lingua minorizada e desprezada en Galicia que é o español.

Máis cousas que parecen de coña nesta campaña, sen meterme a valorar a cualidade artística do vídeo de Jabon Blue, protagonizado polo propio Manquiña no papel da morte a perseguir os mozos irresponsábeis:

-A participación de Luis Cobos nos arranxos orquestrais (!!!)

-Que de verdade pensen que tal canción, Flores en la carretera, pode mover os rapaces á reflexión e conciencialos de algo.

-Que a Xunta de Galicia empregue un tema en castelán nunha campaña de ámbito autonómico.

-Que Beatriz Ma-To!, a defensora dos cigotos e da muller como recipiente, diga que van asinar un convenio cos hostaleiros para emitir o vídeo como tema de despedida nos locais de copas, xusto cando a taxa de alcol é máis alta na concorrencia e o seu poder decisorio máis baixo.

-Que editen 10.000 cds dun vídeo que o público obxectivo da campaña vai ver, si ou si, na Rede.

-Que a consellería gaste 100.000 euros nesta campaña.

Postos a pechar locais con temas en español nas discotecas de Galicia eu optaría por este clásico de Perlita de Huelva. Paréceme que  mobiliza máis: “Precaución amigo condutooo, la senda e peligrosaaa…” e “No corras mucho, papá…”. Fica aí cun lema xa clásico das campañas de Traballo e Benestar. Despois de “¡yo por mi cigoto Ma-to!” vén este “¡yo por la seguridad vial Ma-to!”

5 Respostas to “Beatriz Ma-to!, Manquiña e Perlita de Huelva”

  1. Brath Febreiro 22, 2011 ás 12:34 PM #

    XDDDDD O patetismo destes ppighos do caralho é súper engraçado, destruir tudo o que fizera o bipartito, noitebús incluido é muito facil, mas claro quando há que fazer algo, qualquer cousa, mas algo, pois da vergonha alheia.

    Quanto vam investir para vigiar que os DJs galegos ponhem essa bosta de canção no peche?

    Menos mal que tenhem todos os medios comprados, que senom…

  2. Montenegro Febreiro 23, 2011 ás 7:25 AM #

    A mí, en sintonía con la campaña, se me ocurre que podían poner de fondo aquella canción de Los Ilegales: “soy un macarra, soy un hortera, voy a toda hostia por la carretera”. No hay que sorprenderse de nada, ya lo dijo Rajoy: ¡Viva el vino!

  3. Carlos Febreiro 23, 2011 ás 9:13 AM #

    Inda lembro aquela frase de “Por mucho que les joda a algunos Galicia es muy bilingüe”. O tempo porá a cada quen non seu sitio.

  4. xandra Febreiro 23, 2011 ás 9:38 AM #

    “Soy un yonki del tocino”… con ese inicio de canción eu non teño dúbida de que o índice de accidentes baixará notablemente.

  5. J. Febreiro 24, 2011 ás 6:31 PM #

    Patético indivíduo Manquiña. Contodo, na sua miséria, parece mais real que a Y. Castaño vendendo-se de benéfica chofera de amigas bébedas.

    Por certo: o faro é o de Corrubedo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: