Os #espadasfacts e a exquisita progresía galega

16 Mar

Quen agardara algún acto de contrición por parte do xa ex concelleiro do Partido Popular de Santiago, Ángel Espadas, vai ter que botar man do smartphone, de o ter, porque, como as estrelas do rock e os presidentes das academias (non falo da RAG, of course), Espadas diríxise ao seu público vía Twitter. “Gracias a tod@s, familia, amigos, partido, siento mucho lo ocurrido”, é o que tuitea Espadas, retratado no seu avatar canda Mariano -¡Viva el vino!- Rajoy. Non está mal. Supoño que os cidadáns de Santiago preferirían asistir á versión real do seu mutis e ouvilo dicir, diante dos micrófonos: “Fixen isto, non se debe facer, é un erro, son político, debo dar exemplo, nunca bebades se logo ides conducir, etc, etc…”. Ocorre que, onte á noite, viña Espadas por unha céntrica rúa da cidade (Montero Ríos), falando polo mesmo móbil polo que seguramente tuitea, e axuntaba nunha mesma frase a palabra atestado e o verbo zafar, algo así como “si no es por el atestado me zafo…”, o que dá idea de que abandonar o cargo non era, desde logo, unha das súas obsesións na altura.

A ASCESE MORAL POLA VÍA DA DEMISIÓN. Temos xa que logo a evidencia de que a filtración do incidente etílico do edil foi o que forzou a súa saída da corporación. O alucinante do tema é que esa demisión, obrigada pola difusión dos feitos, parece situar a Espadas nun estadío moral superior, ascético, teresiano, pois Espadas demitiu e dimitir converte ao plebeo en duque, o pecador en santo, o Tres de Espadas en Rei de Copas. Dimitir é un salvoconduto de integridade, a aceptación suprema de culpa, e, polo visto, a última opción que contempla un cargo público. Daquela Espadas demitiu, e non só. Aínda máis. Aceptou as penas que lle impuxo o xuíz (gustaríame saber se a eliminación do sufraxio pasivo tamén concorrería no fallo por esta falta grave, o cal invalidaría definitivamente o seu heroico acto demisionario, pois sería o propio maxistrado quen lle impediría presentarse ás eleccións) e, como se di vulgarmente, en canto cumpra os dez meses, está pra outra. Así lle parece ao seu compañeiro de partido e number one do PP de Santiago, Gerardo Conde Roa, indignado co proceso paralelo (ulo?) que se lle está montando ao chaval.

É aquí onde aparece a exquisitez e a elegancia da progresía galega da que falo arriba. Non quixera saber eu o que acontecería se un edil do BNG ou unha edil do PSdeG no concello de Santiago, poñamos por caso, incorreran no mesmo delito que Espadas: conducir bébedos e botar unha soneca ao volante no medio da calzada. Estou certo de que non acharían esa morna reacción no seo da cuadrilla popular. O PP utilizaría con rabia e con inquina o que é un cúmulo de feitos reprobábeis e indignos, máxime nun representante político. E farían ben. Porque quen agarra un coche, cheo coma unha abrótegha, triplicando a taxa de alcol permitida, pon en perigo a vida dos seus votantes e concidadáns. E alguén que pon en perigo a vida dos cidadáns non pode ser o seu representante electo.

EGO TE ABSOLVO. A indulxencia, con todo, sobrevoa por entre o discurso da clase política progre. “Nós non somos coma eles, nós non imos utilizar isto…”. Gustaríame de verdade que tanta elegancia e exquisitez a reservaran para os seus estilismos (que falta fai) e abandonaran de vez esa pose de impoluto distanciamento que aplican, seguido, sobre as accións políticas da dereita ultra que aturamos. No concello e na Xunta de Galicia. Gustaríame saber que hai alguén que vai lanzar artillería pesada, que se vai enlamar por min, que vai remover o que haxa que remover. Pero iso non existe, hoxe por hoxe. Os políticos progres galegos (porque a esquerda eu xa a perdín de vista) queren participar en Sálvame sen pisar os contertulios na quenda de intervencións e preferen citar a Descartes cando reciben insultos e ameazas. O poderoso imperio da razón e as boas formas. E así nos vai. Hai un ring de boxeo, no que case todo vale, e eles, quen sabe se por medo ou precaución, deciden pegar saltiños, esquivaren os golpes e nunca, nunca bater onde deben, na mandíbula ou na boca do estómago. Quen asiste ao combate só sente frustración: “pero dálle, jodeeerrrr!!!”

A min, persoalmente, gustaríame escoitarlle a un edil progre de Santiago: “Señoras e señores, non se deixen embobar con filtracións e debates éticos inexistentes. Isto non ten nada que ver coa intimidade. Fora quen fora quen filtrou esta penosa actuación do señor Espadas logrou forzar unha demisión que, de non se facer públicos os feitos, nunca se produciría. Porque un concelleiro que fai isto non é digno de representar a cidadanía. Aceptamos, como non, as súas desculpas vía Twitter e recoñecemos que un erro o pode ter calquera. Pero hai erros que non se lle deben permitir a un político, e estamos encantados de que se filtrara o atestado”. Algo así.

Gustaríame que algún edil progre fixera sangue co ridículo moralismo de Ángel Espadas, infiltrado de excepción no botellón adolescente. Que se cachondearan e desacreditaran a súa intrépida e peripatética incursión entre os mociños bebedores, como fai a cidadanía compostelana e os programas de humor de todo o Estado, con puro gozo, durante estes días. Que lle recordaran que os actos dun político teñen sempre consecuencias e que as hemerotecas están aí, sempre, para llo lembrar.

Gustaríame que os votantes do PSdeG e do BNG tuiteran co hashtag #turismoespadas, e emularan a cagada de Bisbal, en plan: “Nunca he visto San Lázaro tan poco transitado, espero que pronto acabe este mal sueño”; ou un #espadasfacts, do tipo: “Cuando abrió los ojos en San Lázaro vio que un agente de la local le decía: Espadas, levántate y anda…”. Por desgraza consúmenos a elegancia e o saber estar e nada diso vai acontecer. Pola contra, e ingresado Espadas no nirvana dos demitidos honrosos, a pelota está agora no tellado do Goberno municipal, que mornamente segue respondendo os ataques de Conde Roa, batendo con outra indulxencia, a dunha poboación narcotizada, empática co infractor que-ao-fin-e-ao-cabo-fixo-o-que-fago-eu e que pensa: “xa paghou ho, que máis queren agora..?”,

SOBRE O PÚBLICO E O PRIVADO. Este día Esperanza Aguirre fixo público, en rolda de prensa, que é vítima dunha grave doenza. Non hai nada máis privado cá saúde (aspecto este que ignora Pedro J.) e, con todo, percibiuse o xesto da presidenta popular madrileña como un valioso apoio á loita contra o cancro de mama. Teima o PP de Santiago en cualificar de intimidade o sucedido na noite de autos (nunca mellor dito), pero non é así. Eu, alomenos, non considero privado nin íntimo a actitude infractora dun representante público, que eludiría as consecuencias políticas dos seus actos se non fose porque alguén tirou da manta. Como non considero, tampouco, os malos tratos un asunto privado, por moito que teñan lugar na intimidade do fogar. Que ocorre? Pois que a privacidade e a intimidade poden ser vulneradas cando esa vulneración comporta algún rédito electoral, como no caso de Esperanza Aguirre. E esa é a tese do PP. Os grandes hipócritas, os mestres da dobre moral, os  mesmos que claman por boca de Aznar: “a mí me vas a decir tú  lo que yo puedo o no puedo beber…” logran revirar, unha vez máis, o relato dos feitos e conseguen que o affaire Espadas pareza unha conspiración e un trato abusivo e non o delito que realmente é. O peor é que non hai ninguén enfronte -ou eu non o vexo- para dicirlles a estes señores, con rotundidade e firmeza, que menten, que enganan, que eluden as súas responsabilidades, que son uns cínicos e que o máis digno, neste caso, sería recoñecer o seu erro flagrante e facer pedagoxía social co sucedido.

6 Respostas to “Os #espadasfacts e a exquisita progresía galega”

  1. Arancha Estévez Marzo 16, 2011 ás 6:09 PM #

    O artigo paréceme estupendo, fran, pero como xa non é novo vou subliñar aspectos secundarios: “Gustaríame de verdade que tanta elegancia e exquisitez a reservaran para os seus estilismos (que falta fai…”. Malo, malo, eres….hahaha!

  2. willy Marzo 16, 2011 ás 6:29 PM #

    Magnífico!

    (Esa foto do perfil de twitter lembroume un verso de Emilio Jose de “Sta. Uxía”: “cando os Rolling viñeron a Vigo, Rajoy bailaba contigo contigo, e non comigo…” )

  3. Xulio Abollo Marzo 16, 2011 ás 7:20 PM #

    Ola Fran. Vou pasar de Espadas. Sobre a filtración dun documento sobre o que hai obriga de custodia e reserva só direi que me repuna que un “poder”, calquera que sexa, se salte certos límites e certos dereitos por moitas gañas que lle teñas ao contrario. Repúnanme eses fiscais que fabrican causas que non levan a nada, repúname vivir nun pseudo estado de dereito onde non sabes cando vas ter garantidos os teus máis básicos. Debemos equipararnos por abaixo? Creo que non. É necesaria máis contundencia? Seguramente.

    • franplorenzo Marzo 16, 2011 ás 8:02 PM #

      Xulio, ao meu ver a filtración do atestado policial dun incidente que ten lugar en plena vía pública e á vista de testemuños non ten a categoría de segredo de estado que o PP lle quer outorgar agora. Diariamente chegan ás redaccións dos xornais e das radios documentos desa caste, cos que se elaboran as noticias de sucesos. Ademais non creo que ninguén vulnerara a presunción de inocencia deste señor, cousa que o PP, e os seus medios de comunicación afíns, si fan sistematicamente. En todo caso, do que estou bastante seguro é de que non hai substancia penal abondo para tanto circo. Que a gravidade real dos feitos é a da conducción en estado de embriaguez dun cargo público e non este cutreleak local, máis aínda sabendo que foi precisamente a filtración a que, en realidade, forzou a saída do señor Espadas. Sen filtración non hai renuncia, así son as cousas. Ignoro quen filtrou o documento (deduzo polas túas palabras que un ‘poder’ que lle ten ganas ao seu contrario) pero fora quen fora, así fora Julian Assange, logrou que o infractor tomara a única decisión que debe tomar alguén na súa posición. Equipararnos por abaixo? Para equiparnos por abaixo deberiamos cometer un delito peor, con resultado de danos nun terceiro, por exemplo. Máis contudencia? Seguramente non, estou certo de que si.

      • willy Marzo 17, 2011 ás 5:43 PM #

        mola o de cutreleak! eu engadiría frikileak para este caso concreto

  4. franplorenzo Marzo 16, 2011 ás 7:20 PM #

    Arancha, ben sabemos que o asunto estilismos merece un post propio. Pero ese vouno reposar. En canto á banda sonora, Willy, que non che estrañe que Rajoy a acabe utilizando en campaña. Son capaces de fagocitalo todo, até o que os parodia😉

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: