A Lei de Rande

21 Mar

Para Arancha, Xandra e Marián

En só dous días subo e baixo a AP-9 en catro ocasións. Santiago-Vigo-Santiago-Vigo-Santiago. A 110 quilómetros/hora. O meu Seat Ibiza, mancado e rebelde como é, agradece ese novo límite, desfrútao diría eu. Porque o límite acouta as súas capacidades e esíxelle só o que pode dar, non máis. E descárgao de responsabilidades e esixencias. O límite de 110 é un maná de xustiza que cae do ceo e que alimenta a autoestima das viaturas vellas e derramadas como a miña. Circulan nun esplendor sen ruídos, ombro con ombro con Audis de amputado orgullo e Mercedes encapsulados neste novo e lento tempo. Sei que esa paridade é unha miraxe e que só durará o que a escaseza de petróleo. Pero os gama baixa,  os proletarios do transporte privado, esprememos hoxe, con avidez, este soño de liberdade, igualdade e fraternidade motora.

A Autoestrada do Atlántico, a AP-9, é o destino compartido de moitos de nós, o meu non-lugar predilecto, o pensadoiro móbil, a vértebra. Hai un momento epifánico, sublime en días luminosos como foi o sábado, que se concreta na derradeira curva de Vilaboa. Pasa un o desvío para o Morrazo á dereita, pasa o sinal de 100, o de 80 e vén Rande, a ponte. Teño unha teoría sobre os accidentes en Rande. A beleza distrae os sentidos. Creo que son efectos colaterais da emoción e creo, por iso, que nunca a poesía fixo tanto dano; que nunca foi tan útil, en suma. Miro a corcova xurásica das Cíes, alá no precipicio do horizonte, abenzoada polo sol da mediodía, e baixo a fiestra do coche, coma nun ritual. Respiro.

Sempre hai música, unha música. Unha canción que acompaña ese milagre. Como iso xa sucedeu en innumerábeis ocasións, permítome formular aquí unha lei que recolle esa percepción, entre humana e sublime, que nos asalta aos viaxeiros do estreito: a Lei de Rande, empiricamente comprobada depois de moitos anos. Unha lei segundo a cal unha música calquera, unha canción, a que for, a que ecoa no coche nese momento, convértese na única banda sonora posíbel dese instante. Que dá igual o xénero, o ritmo, a voz, a letra, o idioma, o soporte, a comercialidade ou independencia dese grupo ou solista… porque no 90% das ocasións ese tema superponse, cunha exactitude alucinante, á paisaxe e ao ánimo da condutora ou condutor como un anuncio do que vén un par de quilómetros máis alá, pasada a caeira de Teis. E o que vén é Vigo.

Esta confabulación astral, a da paisaxe, a música e o espírito, con Vigo ao fondo; esta consagración da luz ollada desde o volante dun automóbil, chámoa eu Lei de Rande, pero é un nome máis, un calquera, co que torpemente designar a felicidade.

9 Respostas to “A Lei de Rande”

  1. Arancha Estévez Marzo 21, 2011 ás 7:20 PM #

    Teño varios puntos que tratar:
    -De acordo, case completamente. No meu caso eu sempre escollía a canción favorita daquel momento e a reservaba para cruzar Rande, non me valía calquera…
    -Cando lin a lei de Rande pensei que ias tratar aquela que di que o tempo nunca é o mesmo dun lado e doutro da ponte. Entendo que é unha lei que non se debe cumprir sempre, pero os venres desde logo se cumpría…En todo caso, esta lei en realidade é un regulamento derivado da que ti explicas…
    -Pasaches entón catro veces pero hai máis de un mes que non se te ve o cabelo…
    -A arancha da dedicatoria son eu? Si, non? Danme ganas de saudar, podo? Hoxe xustamente o teu post sentoume de marabilla….perdón polo rollo

    • franplorenzo Marzo 21, 2011 ás 7:46 PM #

      Aran:
      -en realidade eu tamén fago este tipo de trampas (reservar a canción ad hoc).😉
      -concordo co que dis sobre o tempo atmosférico, pero como ben apuntas trátase dunha disposición transitoria da Lei de Rande. Eu axustaría un pouco máis. De Pontevedra para o sur todo mellora.
      -resérvoche o meu tempo de ERE que é o máis pleno. Convido eu
      -e claro que es ti😉

  2. carme Marzo 21, 2011 ás 8:26 PM #

    Aran e Fran, co voso cruce de correos estou imaxinando un encontro en tenso abrazo no medio da ponte unha vindo de Vigo e o outro indo para Vigo con banda sonora de fondo!!En fin, que tedes razón, que Rande é grande pero eu comezo a sobrecollerme sempre cando albisco a Illa de San Simón, tan evocadora de memoria. De aí a Chapela sen respirar. A 110 está óptimo pero desde o tren é magnífico. Bicos aos dous.

  3. franplorenzo Marzo 21, 2011 ás 9:07 PM #

    carmiña, anque non sexas viguesa de nación, como as arriba citadas, considerámoste patrimonio da cidade, así que quedas convidada a un choque múltiple no medio da ponte, San Simón a un lado e as Cíes ao outro. Bicos

  4. Montenegro Marzo 22, 2011 ás 3:41 PM #

    ¡Cómo no va a haber tanto accidente y tanto choque en Rande si os ponéis todos tan poéticos a dar abrazos y escuchar música! Mi tío Manolo, que es más práctico, me dijo un día que había que levantar unas paredes de dos o tres metros a ambos los lados del puente para evitar que la gente se distraiga. ¿Cómo es posible que en una recta a 80, se concentren más accidentes que en toda la AP-9? Esa es la “lei de Rande”: “quien se emociona, colisiona”.

    • franplorenzo Marzo 22, 2011 ás 3:46 PM #

      subscribo: “quen se emociona, colisiona”, na ponte e na vida😉

  5. Ana Estévez Marzo 22, 2011 ás 3:52 PM #

    Viva a lei de Rande!

  6. xandra Abril 5, 2011 ás 1:17 PM #

    Ando a mil historias e non vin o teu blog hai días. Moitos polo que vexo que publicaches. Agora si, mirareino seguido, e vouche roubar moitos para o curso. Este xa vai de primeiro, este binomio das leis e a poesía, da sociedade e o individuo, darame a min para moito, e a eles que remedio!
    Grazas Fran

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: