Yesterday in America (Experiencias co Failbook)

25 Mar

Quería colgar aquí esta soberbia fotografía sobre todo para que alguén me confirme que pode vela, que non se trata dunha alucinación miña e que, en realidade, existe. Para a miña desgraza. Vouno explicar e de paso desafogo.

A primeiros desta semana decidín entrar en Facebook. A necesidade de administrar un perfil non persoal nese portal obrigoume a loguear cun perfil propio e vencer, non sei cantos anos depois, a un pouco parva reticencia miña ao portal das caras e dos libros. Total, que a medida que me ía familiarizando co contorno fun facendo amigos, como supoño que se adoita facer, e colgando mensaxes aquí e acolá, sentíndome un pouco como o home desactualizado ese do anuncio de televisión. Todo ben até que empecei a sospeitar que a miña proverbial impericia nos contornos virtuais non podía ser a única explicación do que estaba a pasar na aplicación, de todo o malo que estaba a pasar. Mensaxes que aparecían e desaparecían, amigos que teimaban en ser amigos cando xa o eran, textos que se volatilizaban e reaparecían aos dous días, borrados globais do muro, e sobre todo a incómoda sensación de estar interactuando cun organismo vivo, que tomaba decisións propias e do que empezaba a ser amargamente dependente, na tentativa inútil de descifrar os seus vaivéns e a súa desmadrada personalidade psicótica.

ADEUS CERTEZA. Para sobrevivir precisa un de determinadas certezas (que ao outro lado da mesma porta estea sempre o mesmo cuarto e non un abismo; que ao abrir a billa saia auga máis ou menos contaminada e non un denso líquido negro ou sangue, etc.) e asegúrovos que os diabólicos algoritmos da miña conta de Facebook son o menos semellante a unha certeza. Agora que o penso, as películas de terror van, precisamente, diso, da eliminación das certezas cotiás e da súa substitución por sinais alarmantes de que algo non vai como debera. E isto é unha puta película de terror.

Todo ía relativamente mal no meu desencontro con Facebook até que decidín abrir un álbume de fotos (coitado de min) no que deitar algunhas imaxes singulares ou atraentes por algunha razón. Unha delas é a que fica alá arriba. Fai parte dunha serie fotográfica de Matt Hoyle, que me recorda un pouco ao ademirado Philip Lorca di Corcia, titulada Yesterday in America e que retrata unha Norteamérica inmorrente, de dinners, gasolineiras, estacións de autobuses Greyhound e tipos e tipas humanos que só se poderían achar nese país.

Seleccionei unha das fotos, a desa dama provecta que sorbe con delectación o fume do seu cigarro nalgún clube privado de, sabediós, Alabama ou Iowa, ou nunha ignota cafetaría do Upper East Side de Nova York. Pensei que esa imaxe levaba consigo un relato dentro e non sabía até que punto era portadora dunha historia, porque era a miña historia. Subín máis fotos pero, por algunha razón, foi esa a que substituíu o meu perfil (a que usurpou a miña personalidade) para non abandonarme máis.

Por moito que tentei eliminala e reemprazala polo meu careto orixinal (o mesmo que figura no EU/ME deste blog) non o conseguín. Ninguén o conseguiu. Aparece e desaparece cando quer. Quéroa facer rotar (a fotografía) e non se move. Impertérrita, allea ao mundo das redes sociais, infrinxindo a Lei do Tabaco, con esa estirada e calculada elegancia coa que posa. Quero eliminala e non me deixa. Un día vaise e respiro aliviado, pero ás dúas horas reaparece. Un pesadelo. Como resultado, no meu perfil de Facebook (ao que rebauticei como Failbook) aparecen indistintamente a miña face, a da vella fumadora, e un significativo baleiro, unha nada desacougante que é a única resposta alternativa que permite a dama xurásica, a miña sombra, o meu sexto sentido, quen sabe se unha reencarnación futura ou pasada de min mesmo ou un avatar de Zuckerberg. Raúl di que o que me pasa con Failbook é o castigo por demorar tanto o meu ingreso no portal e Marcos apunta unha suxestiva hipótese: que o meu nome signifique algo prohibido ou pornográfico -como teta en malaio- e que iso sexa o que me trae os problemas.

Acabo de entrar outra vez no Failbook. Ao primeiro non estaba ela, doume unha volta, comprobo a desfeita á que xa estou afeito e volvo ao perfil. E aí está , hierática, indomábel, diante do seu copo de café americano, agardando a que eu lle prema no polegar que ten debaixo e que lle diga, estou seguro de que iso é o que espera, aquilo de Gústame. Vai lista! Agora vou tentar deixar este texto en Facebook para que os meus 35 amigos o lean e coñezan que caste de elementa é a que se fai pasar por min. E para advertirlle ao resto de que ELA non son EU, e de que ese oco que, día si, día non, suplanta o rostro do meu profile é a bandeira branca deste combate contra Mrs. X.

8 Respostas to “Yesterday in America (Experiencias co Failbook)”

  1. Mrs X Marzo 25, 2011 ás 3:15 PM #

    You insolent little bastard! Don’t think for a sec you’re gonna get rid of me so easily. I have full access to your profile, I know where you live, I know where you work, I know all your moves… this is just the beginning of your nightmare…

  2. Montenegro Marzo 25, 2011 ás 3:18 PM #

    Joder… pues así, de perfil… tiene un aire contigo.

  3. olloparabolico Marzo 26, 2011 ás 3:59 PM #

    Ola,Fran! primeiro, parabéns polo teu blogue, que descubrín hai pouco e que case sempre me arranca un sorriso. Eu abrín un tamén, e quixen facer unha páxina no Caralibro, por aquilo da interconectividade e tal, xa que o blogue é meu proxecto de fin de máster. Pensei que sería unha boa idea. Nada máis lonxe da realidade. É o CAOS. Ánimo e que non te derroten as tolemias das redes sociais!

  4. Ana Estévez Marzo 28, 2011 ás 10:19 AM #

    Pois se che digo a verdade, narrado así ata dan gañas de ter unha desas “incertezas”. Podía ser peor e que a fotografía que usurpa a do teu perfil fóra a de algún político inaugurando unha boblioteca de aspiracións nacionais sen libros ou un aeroporto sen avións…

    • franplorenzo Marzo 28, 2011 ás 11:26 AM #

      Ana, tés razón, prefíroche ben mellor esta personalidade que non a outra😉

  5. ARACELI QUEIRUGA Abril 7, 2011 ás 6:31 PM #

    Pois debe haber un desdobramento da personalidade porque tes dous perfís, jajaja.Si que che pasan cousas raras a ti…E esta fiel seguidora de “Un país en lata” pode mandar solicitude de amizade a “la elegante señora americana”?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: