Abel e Corina, un ‘Sálvame’ municipal

5 Apr

Vía Arancha bato con este vídeo que cifra moi ben as ansias megalómanas do que (se a carcundia viguesa -que é moi extensa, activa e selecta- non o impide), será o vindeiro alcalde de Vigo. Alén das desfeitas lingüísticas que o señor Caballero foi deitando nos valados da cidade -aquel xa proverbial “e o fixéchedes”- non menos atacante resulta o seu populismo exhacerbado, que reproduce modelos electoralmente rendíbeis pero que ao tempo avergoña os contribuentes en todos os seus discursos/soflamas. Non importa a vergoña. El convive comodamente con ela. Porque Abel Caballero (aka Alcaldía) provén da estirpe dos cosmopailanitas. O seu desprezo polo galego, por exemplo, é parello ao que amosa Corina Porro en cada unha das súas intervencións públicas. A súa concepción da política é moi similar. A utilización dos cargos públicos para a proxección da súa persoa é ben parella. Distíngueos só unha cousa: a afabilidade e o rollo polite dela e o despotismo extremo del, un non-saber-estar arraiano da mala educación. Abel e Corina, Corina e Abel. Semella o nome dunha noveliña romántica do XIX. Ogallá. Porque a narrativa que eles concitan, e na que por desgraza nos implican a todos como desasistidos espectadores, é ben máis ruín. Puro espectáculo televisivo de sobremesa. Un Sálvame municipal de dous candidatos maioritarios, incompatíbel co peso político, simbólico e económico que lle corresponde á principal cidade deste país, motor do seu futuro. Non sei por que pero por algunha razón os vigueses estamos xa afeitos a que a palabra aristocracia, aquí ao pé da oliveira, manteña a súa esencia pero signifique xustamente o contrario do que debería significar: o goberno dos piores. Velaí vai o vídeo. Titúlase Ave va a Avér, diríxeo Cachocentollo, e dá pra rir.

5 Respostas to “Abel e Corina, un ‘Sálvame’ municipal”

  1. Arancha Estévez Abril 5, 2011 ás 9:19 AM #

    “ni molino ni molina”….supoño que só nos fará gracia aos de vigo, pero ten moita coña…”cada palacio se alzará en medio de un lago….”

  2. willy Abril 7, 2011 ás 11:10 AM #

    cosmopailanitas, toda a Xunta actual cabe nesa palabra!!!

    E Abel e Corina son coma eses dúos cómicos dos vellos slapsticks: zóupanse durante toda a película, pero todos sabemos que é de coña…

  3. franplorenzo Abril 7, 2011 ás 12:10 PM #

    Willy, acabo de ler por Efe a crónica dunha intervención de Zizek en Bilbao. Di que no panorama actual de crise e globalización falta unha peza fundamental: o discurso da esquerda, que perdeu a súa enerxía crítica de antano en favor da extrema dereita. E di tamén que, de non impulsar esa nova esquerda, “o futuro que nos agarda é Berlusconi; é dicir, líderes que aínda que se poñan en ridículo, exercen o poder de forma autoritaria”. E por aí lle imos…

  4. alvarez Abril 9, 2011 ás 1:36 PM #

    Eu daríache un Oscar a mellor adaptación.

  5. willy Abril 11, 2011 ás 4:14 PM #

    Utilizando un socorrido símil físico: a esquerda -ademáis da súa enerxía crítica- creo que perdeu a súa enerxía cinética, isto é, a súa capacidade de movilizar e sacar á rúa ás partes da sociedade que están excluídas desta, invisibilizadas, desrepresentadas e que deben ser recoñecidas coma parte constituínte que pon en escea o antagonismo de clase inherente a toda constitución social. E por aí, penso, debe empezar a súa reconstrución: traballadores sen contratos nen dereitos, inmigrantes ilegais, persoas no límite da exclusión social, marxinados por todas as razóns imaxinabeis, etc. O seu programa forte é a emancipación e a igualdade (o que Etienne Balibar chamou “egaliberte”). Pois hai que empezar a aplicalo a outros que non sexan funcionarios públicos cos salarios reducidos un 5% e semellantes!!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: