O soño da República, oitenta anos depois

12 Apr

14 de abril. La República, a serie que os luns emite TVE, é, por riba de todo, unha produción para o gran público, un folletín ben redixido, con máis acertos ca desacertos, con mellores e peores interpretacións, cun protagonista moi guapo, Félix Gómez, e cun loábel propósito didáctico: filtrar entre as leas amorosas dos seus personaxes un retrato cabal da II República española. Non é Berlin Alexanderplatz de Fassbinder, nin creo que o pretenda. Pero o que si consegue esta produción televisiva é transmitir, 80 anos depois, o poder icónico e o capital de entusiasmo que perdura no legado daquela controvertida aventura política.

O entusiasmo, como unha corrente de enerxía rebordante que traspasara os corpos e as ideas, foi o gran patrimonio da República, o epicentro da súa acción. E esa alegría e esa confianza no futuro vestiuse de muller. Ao primeiro como alegoría, envolvida na bandeira tricolor e nun peplo, tocada cun gorro frixio, balanza na man e símbolos do progreso, como a Marianne francesa. E despois -desprovista dos corsés que secularmente a ataran e das tutelas do matrimonio e do confesionario-, con traxe de funcionaria, toga de avogada, con bata de médica ou de investigadora, mallas de deportista, uniforme de alumna ou de miliciana.

Nas tribunas parlamentarias, nas alcaldías, nos órganos de goberno, á cabeza dos sindicatos, de escolas, liceos e ateneos, no agro e na fábrica, na universidade, nos xornais, nas editoras, nos teatros, no cine, nas orquestras e ballets, nos cabarets, como actrices, pintoras ou escritoras, as mulleres foron as principais depositarias do legado republicano de igualdade e xustiza, rachando, a través do acceso ao voto, cunha ominosa e histórica discriminación: por fin cidadás e non súbditas, nin servas nin musas, donas orgullosas dun corpo en plena conquista da súa sexualidade.

Elas, aínda que nuns modelos se cadra estereotípicos pero ben efectivos na trama desta serie, protagonizaron o capítulo central desa viraxe do destino que supuxo a II República española. E dous foron os valores supremos que presidiron esa posta ao día: a educación e a cultura, o acceso ao saber e aos bens culturais como instrumento de liberación e de dignificación individual e colectiva.

UN PAÍS FEUDAL. Cando se proclamou a II República  España era un país lastrado polas súas estruturas feudais, sedento de terra e de escola, vibrante de nacións, cativo das elites militares e eclesiásticas e vítima das imposicións dunha moral esclerótica e xa anacrónica naquela Europa de entreguerras. Iso déixase ver na serie, como tamén se advirte con claridade que o estourido da barbarie fascista, en 1936, provén dunha continuidade conspirativa, alentada polo exército, a curia e os terratenentes, representados todos eles polos devanceiros ideolóxicos do Partido Popular. Unha análise dese período en Galicia fica na excelente monografía de Emilio Grandío, A Segunda República en Galicia. Memoria, mito e historia, editada por Nigratrea. 

Pero hai un outro libro, que recomendo vivamente polo seu relato da experiencia republicana, dos seus antecedentes sociais e políticos, da guerra e do exilio, que é o volume biográfico que inclúe os tres títulos Memorabilia. Drama patrio. Los días están contados, de Juan Gil-Albert (Tusquets, 2004).  Unha reflexión sucinta e pedagóxica, marabillosamente escrita, do quinquenio republicano en España, un texto imprescindíbel para comprender o núcleo e as aforas dese transo de loita e de promesas que foi a II República. Deixo aquí unha cita sobre a proclamación, un 14 de abril de 1931, da II República.

“Fue uno de los acontecimientos más puros a que nos ha sido dado asistir; y no propiamente político; sus dimensiones sobrepasaban lo político y adquirían la proporción de un acto de espontaneidad soberana de la voluntad nacional” (…) “Los periódicos lanzaban ediciones extraordinarias cuyos ejemplares, en manos del público, por la calle, a la salida de los comercios, de los cafés, de las oficinas, hacían el efecto, por su profusión, al abrirse, al cerrarse, repasados con estupor sin ser leídos a fondo, de bandadas de palomas que se hubieran abalanzado sobre la ciudad: había sido proclamada la República. Unos, los más, no se atrevían a creerlo, otros no querían creer. De pronto, la monarquía centenaria se había derrumbado, se había, más bien, evaporado. Permanecían sus insignias, sus símbolos, sus atributos, pero ella no estaba ya, no era ya nada. Fue necesario que en el aire se oyeran los acordes del viejo himno de Riego, que se conservaba tan trivial como jacarandoso, y que los aclamantes no vieran desembocar por alguna esquina a la Guardia Civil, dando cargas con sus sables desenvainados, para que el español se diera cuenta efectiva de lo que acababa de pasar”.

Ninguén agardaba por ela, pola República, pero a República chegou. Poucos esperaban que dunhas eleccións municipais, puramente administrativas, abrollara, no medio dunha espontánea e cívica celebración popular, a mudanza de réxime. E o entusiasmo…

Este día soñei co entusiasmo. Imaxinei que das eleccións municipais de maio, as que veñen aí, as do desencanto e a corrupción, podería surxir tamén un novo período republicano. Non estou por mitificar aquela etapa nin ocultar os seus erros, froito, en moitos casos, da división política e sindical e da vertixe que provocou en certos estamentos o saber que un país enteiro estaba ás portas dunha verdadeira revolución, que xa nunca volveu estar tan perto. Pero en moitos aspectos vivimos unha regresión hoxe dos valores que a República contribuíu a instaurar. Somos menos libres, menos cidadáns, máis súbditos. A República… O soño da República, da xustiza, da igualdade, a III República española, a I República Galega… un soño ao que moitos, oitenta anos depois, non renunciamos. Porque é verdade o que dicía Fassbinder, do que falei ao principio: “non é a realidade senón os soños os que amplían o horizonte da vida”. E porque é abril, abril sempre, cómpre brindar por ese soño: Saúde e República!

6 Respostas to “O soño da República, oitenta anos depois”

  1. casalonso Abril 12, 2011 ás 3:46 PM #

    Abril, cando florece o xazmín!
    En vésperas de aniversarios tan sinalados, cómpre lembrar.
    Coma sempre, moi atinado.
    ¡Viva a República!

    • franplorenzo Abril 12, 2011 ás 4:24 PM #

      Eu síntoo por Elliot pero abril non é o mes máis cruel. É o mes do xasmín, da República e dos caraveis vermellos. Bicos republicanos😉

  2. marián Abril 12, 2011 ás 5:08 PM #

    República ou república. Venceremos.
    Síntoo pola infanta Leonor -tan riquiña ela cos seus riziños dourados- pero ogallá lle toque traballar e consigamos rachar por fin co ‘dolce far niente per tutta la vita’ ao que se dedican os da súa estirpe.

  3. isabel Abril 15, 2011 ás 9:53 AM #

    ¿Qué bonito todo lo que dices! gracias en nombre de las mujeres, que siempre somos un poco más víctimas de casi todo. ¡Salud y República!. bicos

  4. Carlos Maio 5, 2011 ás 11:22 AM #

    A I República galega si que sería un soño do que non me gustaría espertar.

    http://carlosduranblog.wordpress.com/2011/04/15/republica-por-suposto-grazas/

  5. aser mendez Maio 21, 2011 ás 9:02 AM #

    Victoria Kent estaba contra o voto da muller.

    Non entendo por que Galiza ten que mesturarse en asuntos estranxeiros: Eu saudo,por caso, a república irlandesa,pero ainda non me prendeu a sindrome madrileña de estocolmo.A espanhola mandou a Castelao a Badajoz e a Bóveda a Cádiz.Tivo o Estatuto no conxelador.O amor republicano español ao idioma,ulo? Galiza deulle moito á rep.espanhola.Que ademais,non era federal.

    NIn galega, que é o único que me interesa.

    Arredismo,meus.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: