A ostentación católica nas rúas galegas

21 Apr

Ocórreme todos os anos por estas datas. Saio de traballar, descendo polo eixo do mal (Preguntoiro-Caldeirería-Orfas), esa cóbrega de pedra que engole os horizontes todos da cidade, o corredor dos condanados á humidade e ao radón, e en chegando ao cantón do Toural unha barreira humana impide o paso cara á Praza de Galicia. Recuar é unha posibilidade (volver por Cardenal Payá até Mazarelos e arrodear a muralla pola Virxe da Cerca) pero niso aínda se invirte un tempiño. Sobordar a xente e internarse coma un piloto suicida contra as hostes-cucurucho do kukuxklan é asumir riscos de máis. E por iso o cidadán laico, eu, decide agardar, pacientemente, ao paso da procesión. Ese cidadán que, en silencio se ben maldicindo polo adentro, con blasfema pacencia, agarda o vaivén dunha manifa relixiosa autorizada, cargada de símbolos e imprecacións moralizantes -aínda no seu silencio- é a parábola máis certa do que os non crentes temos que aturar, día si, día tamén, no espazo público das nosas vilas e urbes. Falo da ostentación da fe católica, da súa desconsiderada imposición, da censura activa de calquera resposta non relixiosa e dunha imposición abusiva, que en aras da tolerancia, contamina de dor, pecado e mensaxes de padecemento a ágora civil que todos habitamos e que a todos, non só aos cregos e fregueses, nos pertence.

Este día asistín en Santiago á presentación para a prensa do libro Cuando las derrotas otorgan la victoria, de Xosé Fortes, unhas interesantes memorias de guerra do pontevedrés que fora capitán da UMD e alentara, contra 1975, a democratización do esclerótico e profascista Exército español. Ao ver de Fortes, dos tres piares fundamentais do franquismo (o Exército, a Igrexa e a Xustiza) só as Forzas Armadas deron algún paso cara adiante, a Xudicatura ficou onde estaba (e polo tanto desfasada) e a Igrexa deu varios pasos para atrás. Máis aínda. Fortes cualificaba de bochornosa a celebración de oficios relixiosos na Praza de Colón de Madrid á par dos festexos militares e puña a Francia como exemplo da ‘separación de poderes’.

É en Francia onde o Goberno acaba de anunciar que prohibirá as pregarias de calquera relixión nas rúas de París e Marsella. Esta medida quere, claramente, atallar a práctica cotiá do rezo musulmán fóra das mesquitas, pero a orde vai acompañada dun moi reconfortante código sobre o  laicismo e a liberdade relixiosa, ademais do reforzo do ensino destes principios nas escolas públicas.

Mentres, entre nós, os crucifixos seguen presidindo as aulas (e os colexios electorais). Un Tribunal Superior de Xustiza, o de Madrid, desautoriza, este día ocorreu, unha manifestación atea, porque a marcha discorre por varias parroquias e rúas con nomes de santos (!!!). Unha provocación. O Constitucional ampara, dez anos depois, a unha profesora de relixión que foi expulsada dun colexio polo Bispado de Huelva ao casar civilmente cun home divorciado e o Bispado elude as súas responsabilidades. Onde están os culpábeis dese despido? A Igrexa mantén intactos os seus privilexios, as súas exencións, as súas propiedades. Arrepaña cartos a moreas das rendas dos incautos, e segue a inocular o virus da culpa e da infelicidade nas lexións de cativos que, para a súa desgraza, e en varios sentidos, caen nas súas mans en calquera colexio católico que, queirámolo ou non, contribuímos a subvencionar.

Son intolerantes, soberbios, impoñen o seu dogma, desprezan todo o que non lle acae á súa fe. Compran canles de televisión e lixan o ring mediático con diatribas ultraordoxas e veleno intolerante. Piden cabezas e, ás veces, cóbranse esas cabezas. Insultan os que non participamos na súa cruzada natalicia e ultraconservadora. Cospen sobre a memoria dos mortos e homenaxean, de maneira permanente, o franquismo redentor, o ditador ao que cubriron co palio e pasearon polas rúas como hoxe, mañá, un ano máis, pasean as súas iconas apolilladas.

Falar en alto da súa ostentación e soberbia, da súa ansia desmedida de poder, condenar o seu sempiterno afán intervencionista nos asuntos da sociedade civil considérase agora un ataque contra a súa liberdade relixiosa. Madia leva! Pero é necesario. Cómpre proclamalo. Porque son eles, arcebispos, bispos, cóengos e cregos de toda caste, amantilladas e encopetadas lexións extraídas do formol dos tempos, os que non respetan liberdade ningunha, os que, realmente, deostan a liberdade, co seu Papa á cabeza: a liberdade soberana e suprema dos que non cremos ou a dos que cren doutra maneira, inclusiva e piadosa, sen hipocrisías nin dobre moral. En Semana Santa acada a Santa Madre a súa cimeira de poder. E esa ostentación católica nas rúas galegas -os cabodanos catedralicios, os pasos torturados e barrocos, o decreto do xúbilo e da dor- é o que converte estes días en días tristes para os que odiamos a inquisición, a censura e a extorsión, aínda viva, desta tétrica institución eclesiástica.

5 Respostas to “A ostentación católica nas rúas galegas”

  1. Ham Tyler Abril 21, 2011 ás 2:33 PM #

    The church that illuminates is a burning one

  2. marián Abril 22, 2011 ás 9:44 PM #

    curas metidos a mafiosos na italia de berlusconi, curas estafadores que fuxen cos seus cartos emporcallados a paradisos fiscais, curas que sacan proveito ás donacións -obtidas de xeito dubidoso entre as beatas galegas- montando un balneario tras outro na provincia de ourense… todos mercaderes no templo. se existise xesús cristo habíavos queimar vivos para darvos a probar a vosa propia medicina. pero antes, aínda vos había facer firmar un testamento que rite ti da desamortización de mendizábal…

  3. Montenegro Abril 26, 2011 ás 7:45 PM #

    El papa, los curas y las monjas, chupan como esponjas.

  4. Kim Jong-il Abril 27, 2011 ás 10:54 AM #

    내가 악의 축이 버전의 사랑. 감사합니다 프랜. 난 당신의 블로그를 사랑 해요.

  5. aser mendez Maio 21, 2011 ás 8:41 AM #

    Non se pode impoñer un dogma.As crenzas fican á marxe da coacción.Mesmo coa tortura é imposíbel non pensar que duas mais duas son catro.O pensar é libre.O que non é libre é a superstición-sexa pseudorrelixiosa ou civil.
    Fran,tu confundes relixión e maxia.Se queres criticar á Igrexa con fundamento,le o evanxelio.O dos carapuchos morados é anécdota—ruidosa.
    O problema do laicismo,Fran,é que marca as cartas.Tan relixioso é o minuto de silencio como o rosario.Tan democráticas son as procesións como os botellóns.O gosto
    privado non pode erixirse en xuiz e parte.
    Unha última cousa: o catolicismo non é o “xúbilo da dor”.Ao revés: é a celebración do amor sobre a dor.A dor non é o último,senon o penúltimo.Non debes confundir catolicismo e masoquismo.Repítocho: le o evanxelio para criticar con fundamento.Salvando as distancias, é como se criticases as matemáticas aludindo ao bingo;ou criticases a Marx citando os gulags,ao xeito dun neocom.
    Recomendoche as Leccións sobre a filosofia da relixion,de Hegel-e un Novo Testamento.
    E,a poder ser, non deixes que a progresía espanhola mude en superstición o teu pensar.Igual fascismo é matar comunistas como matar curas-queimar libros ou conventos.
    Na Hespanha están acostumados a iso.Nós non temos que ver con iso.
    A raíz do fascio é a ignorancia(os roxos teñen rabo,os católicos cornos).Loita nobremente contra ela.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: