Falou Varela e falou en castelán (ou os desprezos da brigada galegófoba de Núñez Feijóo)

27 Apr

Teño os ollos inchados de tanto fregalos coa man. Danos colaterais da incredulidade. Explícome. Acabo de ler na versión web de El País (Galicia) un artigo (absolutamente irrelevante, por outra parte) sobre o presente e futuro do libro dixital, a típica prosa celebratoria propia dun suplemento especial pagado pola Xunta. Desde logo nada que ninguén vaia gardar en papel nunha gaveta nin colgar no seu Facebook para partillalo cos amigos. Asínao o conselleiro de Cultura, Roberto Varela. E escribe en castelán, el mesmo ou algún dos seus ghostwriters. O conselleiro de Cultura de Galicia escribe en castelán nun medio galego. Si, meus. Sen complexos. El será que os leitores e leitoras da edición galega de El País, os que mercan o xornal para leren os artigos e reportaxes de Manuel Rivas, de Óscar Iglesias, de Suso de Toro ou de Daniel Salgado, non comprenden o idioma do país/del país no que viven, o único idioma propio de Galicia, por outra parte?.  Di Varela:

“Para la lengua gallega la era digital es una oportunidad,  ya que el primer efecto de las tecnologías radica en abaratar los productos y facilitar el acceso a diferentes soportes”. (!!!)

En primeiro lugar, dubido moito que El País lle impuxera a Roberto Varela a obriga de escribir en español, non a el polo menos. Por que o fai daquela? E sobre todo, como se atreve a falar das “oportunidades para la lengua gallega” cando é el o primeiro en negar a viabilidade da lingua galega nun medio editado en Galicia? Non figura no seu contrato coa cidadanía a obriga de valer o idioma e a cultura deste país? Por que non exerce ese mandado en calquera oportunidade que ten e con orgullo? Por que ninguén denuncia aos galegófobos de Feijóo por incumprimento de contrato? 

Máis cousas. Por que razón para a lingua galega, e non para o tagalo, o español, o inglés ou o finés, a era dixital é unha oportunidade? Suponse que o abaratamento dos produtos e a facilidade de acceso aos diferentes soportes benefician a todos por igual, non si? Por que a lingua galega debe choutar de ledicia por ese transo á era dixital? 

Ao meu ver, o que latexa nesa afirmación do conselleiro é a idea, amplamente propulsada polo Partido Popular e a xentalla de G.ran B.osta, de que o galego é un gasto suntuario, un extra inasumíbel en tempos de crise. Que se consume moito carto en imprimir as cousas en galego, en tradutores e correctores lingüísticos, en equipas de normalización. Que hai moita xente que vive do galego, das subvencións… Este argumento noxento -así, empaquetado e listo para cuspir- aínda o tiven que aturar este día, na boca dun redactor do meu xornal. E por iso a dixitalización, cunha pouca de sorte, varrerá os efectivos da única industria normalizada que opera en Galicia, que é a industria editorial. O que quere dicir Varela é que o galego, en dixitalizándoo, sairá máis barato, máis rendíbel, e deixará de ser unha carga para a administración, obrigada, por algunha absurda lei que teiman en derogar, a normalizalo e a garantir a súa presenza no espazo público.

Confirma esa tese o propio Varela, unhas liñas máis abaixo cando di:

Y por eso invito a todos aquellos que tienen que ver con el libro, bien sea en términos creativos o empresariales, a que dejen a un lado el pesimismo propio de una crisis doble, que afecta, por una parte, a la producción y al consumo y, por otra, a la creación y la elaboración de contenidos

U-la crise de creación e elaboración de contidos en Galicia? Aínda non se decatou Roberto Varela, depois de dous anos, que o único que non ten este país é crise creativa e de contidos? Non ve que hai máis poetas que fresadores? Non mirou para o audiovisual, para o teatro, para a música? Non sabe que editamos e escribimos ben máis do que podemos ler (como corresponde ao noso contexto capitalista occidental)? Non se decata de que a xente escribe novelas en galego porque quer e non para se enriquecer? Acórdase de que temos un Día das Letras Galegas? Ignora acaso que temos un sistema literario propio, sustentado nunha lingua propia? Non sabe que iso existe desde Meendinho, moito antes do PPdeG? Descoñece tamén que esa fidelidade, en continuum histórico, ao idioma de Galicia é a nosa marca, o que nos identifica e internacionaliza? Non ve que o galego é o magma da cultura galega? Que non hai cultura galega sen lingua? E non repara en que Galicia non é unha idea do nacionalismo que haxa que exterminar para asegurarse un triunfo electoral? Iso non o saben?

Só hai un pesimismo nas industrias culturais e editoriais galegas, ás que Varela se dirixe en cervantino romance e con olímpica chulería: o que devén da frustración de ver como todo un Goberno, con Feijóo á cabeza, se aplica con tanta afouteza en aniquilar os rastros da nación, as pegadas da cultura e da lingua deste país. Pesimistas si, claro, por ver como o galego é confinado nunha reserva antropolóxica, sen aire nin recursos para a sobrevivencia: deostado, puteado, masacrado. Nas aulas e nas tribunas, sempre con mentiras e con raiba destrutiva. Que esa extorsión se ampare na coartada do voto e da vontade cidadá é motivo abondo para cair no pesimismo, claro que si. Pero tamén na indignación.

Grazas á retransmisión en streaming da web da Aula Castelao, onte á noite puiden seguir a intervención de Gustavo Luca de Tena na Semana Galega de Filosofía, en Pontevedra. Alén da sabedoría, da ironía e da crítica activa que transmiten as palabras deste modelo xornalístico que é Luca de Tena (eu quixera un Indignez-vous! asinado por el), o ponente deitou unha cuestión ao fío do que aquí veño falando: “Pode un ser demócrata negando o idioma deste país?”. Escoitalo a el é saber mesmo que non. E pregúntome eu: Pode un fato de non demócratas, que arrenega do galego, ostentar cargo ningún nunha administración galega? Miro para a brigada galegófaga e galegófoba de Núñez Feijóo e con indignado pesimismo dígome: si, si se pode, velaí os tés…

3 Respostas to “Falou Varela e falou en castelán (ou os desprezos da brigada galegófoba de Núñez Feijóo)”

  1. omouchoasexante Abril 27, 2011 ás 6:08 PM #

    Vese que hoxe o gabinete de prensa de Cultura estaba traballador. O mesmo artigo, iso si, en galego en Xornal de Galicia http://www.xornal.com/opinions/2011/04/27/Opinion/era-dixital-futuro-libro/2011042621243600670.html

  2. Arancha Estévez Abril 28, 2011 ás 8:48 AM #

    Lévomo para o facebook….

  3. carme Maio 3, 2011 ás 10:26 AM #

    Parabéns polos artigos! son un refresco

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: