Matar a Ben Laden (O paradoxo da violencia)

4 May

“Resistiu pero non ía armado”, aseguraba onte o The Washington Post. Nobre epitafio para un señor da guerra, se non fora porque Ben Laden non tivo cadaleito no que gravalo. O premio Nobel da Paz, Barack Obama, mandouno matar (atención ao paradoxo) nunha tobeira de Paquistán, para logo guindalo ao mar, segundo unha descoñecida tradición islámica. Unanimemente o mundo occidental e civilizado aplaudiu ese xeito extremo e sumarísimo de xustiza. Unha fatwa, unha condena a morte decretada polas autoridades norteamericanas. Como as que lanzaba o Aiatola Jomeini, só que aquelas eran pactadas e discutidas por consenso e estoutra emana da superioridade moral dunha nación-imperio que nestes momentos, en Libia por exemplo, participa, cos aliados europeos, no masacre da poboación civil. Tamén España, un país que esixe condenar a violencia para concorrer a unhas eleccións pero que, ao tempo, vende armamento e minas antipersoas, non dubidou en aplaudir a máis expeditiva e inxusta das execucións, invasión territorial incluída. Esta violencia, malia todo, non contamina. Éche ben boa e procede da xusta indignación e da sede de vinganza.

Quitada a fachenda e a impunidade coa que se relata e ficcionaliza un asasinato coma o de Ben Laden, líder ultraconservador ao que os Estados Unidos adestraron e alimentaron durante anos no seu beneficio, non parece que as cousas mudaran moito no modus operandi ianqui. En Chile e Arxentina, nos anos setenta, cando EE.UU amparou e subvencionou os golpes militares e derrocou os seus gobernos lexítimos, tamén guindaban a xente desde os avións e desde os barcos ao mar. E cando aquela xente perigosa, terroristas tamén, subversivos, ingresaba na seo da corrente oceánica adquiría a escura e inhumana categoría de desaparecidos. Aquel fato de revolucionarios e extremistas foran torturados con métodos de privación sensorial, como en Guantánamo. E quen sabe se da morte de miles de inocentes non sairía unha pista decisiva para algunha futura operación da CIA. É posíbel. Como a pista que conduciu a Ben Laden, un ser maléfico que ameazaba o planeta aínda levando seis anos incomunicado co exterior do seu alpendre-mansión.

Cando iso ocorreu en Chile, cando a United Fruit, os Chicago Boys de Milton Friedman, Kissinger e a nai que os pareu deseñaron o establecemento dunha nova orde política e económica no Chile socialista e nacionalizado de Allende, un xeneral, Augusto Pinochet, comandou o exterminio dos cidadáns e ordenou o bombardeo do palacio presidencial. Era un 11 de setembro, 11-s de 1973. 11-s, como en Manhattan. Anos máis tarde, o hoxe beato Xoán Paulo II -axiña santo pola súpeta vontade dos golpistas eclesiásticos do Opus Dei e dos Lexionarios de Cristo-, outorgáballe a súa benzón a Pinochet, o anxo exterminador, o asasino despiadado dos chilenos. A foto dese encontro, desgarradora para calquera crente, intolerábel, non invalidará a santidade de Wojtyla. Como a foto de Ben Laden morto, que acabará por aparecer, non animará, de seguro, o xuiz Garzón a imputarlles ao goberno estadounidense e os seus outros gobernos amigos, contaminados pola extrema violencia dos seus actos, un delito de crimes contra a humanidade. Por Chile, por Iraq, por Afganistán, por Libia…

3 Respostas to “Matar a Ben Laden (O paradoxo da violencia)”

  1. Montenegro Maio 4, 2011 ás 6:12 AM #

    Obama y Kissinger, Premio Nobel da Paz, Juan Pablo Godzilla, SANTO…
    ¿Para cuándo un Premio de Cooperación Internacional entre los Pueblos para Bin Laden? O uno de la Concordia para Mourinho.

    !!Injusticia para los malos, YA!!

  2. cocó Maio 4, 2011 ás 3:20 PM #

    Hoxe un xornal titula unha páxina con ‘La decisión más difícil de Obama’, como se tivese dubidado un instante. Como debeu dubidar tamén ao mudar de opinión sobre a práctica da técnica persuasoria da asfixia simulada. Ese nobel….

  3. Carlos Maio 5, 2011 ás 11:19 AM #

    É que non hai diferencia entre os terroristas e a que din é a maior democracia do mundo. Non saben que ata os nazis foron xulgados??

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: