Lois Pereiro e as bestas bravas no vento deste país

11 May

É só unha metáfora, pero a min ben me vale. Miro unha besta brava no monte, que corre entre fentos, penas cabaleiras e alecríns, e miro o retrato da miña lingua, do idioma deste país, que é o galego. Miro o cabalo ceibo, prendido polo vento no cimo da serra, ou nun cantil sobre o mar, e igual… Os mesmos que cren que poden domear as bestas fóra dun curro e con microchip son tamén os que queren repartir o vento entre os seus amigos, chantando muíños alí onde hai hoxe eguas en liberdade, poldros e rexos garañóns, laxes sen confín, torrenteiras de auga…

Doméase o que non se ama, o que non se quer. Quen ama non somete. E a vida, cómpre sabelo dunha vez, é “amar e ser amado”, escribiu Lois Pereiro. A Xunta de Feijóo odia o idioma de Galicia, o que nel hai de irredutíbel, de besta brava, de vento. E porque odia o idioma odia tamén o país que o ergue aínda en silencio. E quer domealo, abatelo sen curro, na distancia, con noxo, coa pericia de técnicos expertos que chegaran onda nós logo de xeolocalizar, nun mapa descoñecido, a nosa posición exacta no mundo. Para iso tecen leis, de fasquía demócrata e participativa, a última esa inefábel Lei de Convivencia, que aseguran unha Galicia sen galego, unha Galicia sen Galicia, máis ente administrativo, menos nación, máis reserva de emigrantes e náufragos, menos cantón orgulloso, máis desprovista de todo o que despraza a súa idea de España, máis pobre e colonizada, en definitiva.

Coma o vento e a besta no monte é a poesía de Lois Pereiro. Irredutíbel, ceiba, selvaxe. Volvina ler agora, anos depois, á luz de achegas biográficas, excursos e discursos, edicións críticas, espectáculos, e eventos institucionais co gallo do Día das Letras Galegas. E puiden comprobar que non hai muíño nin microchip nin vara de abeleira que poida meter no curro das academias nin das consellerías os versos de Lois Pereiro. Paradoxalmente el, o poeta que máis lle fixo as beiras á morte, é o que máis lonxe está dela. A almiñas da estadea do 17 de maio non o levaron, non puideron con el. Nin lle tocaron a camisa. Ben por Lois! Por iso, cando sinto os inimigos da lingua deste país gabaren a obra de Pereiro e a súa figura neboenta non sinto a carraxe nin o desprezo que me provocaría a prédica amorosa dun maltratador, como sería o caso. Máis ben experimento unha nobre sensación de triunfo, de superioridade, diría que un alustro de esperanza e de dignidade colectiva en sabendo que hai algo, aínda, que non se pode domear: a poesía de Lois, coma as bestas bravas no vento deste país.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: