Pode a RAG ser o salón de actos/quiosque de La Voz?

16 May

Lois Pereiro pasará á  historia do 17 de maio como o primeiro autor do Día das Letras Galegas que estourou nas redes sociais, un síntoma máis, acho eu, da súa radical e verdecente contemporaneidade. Tal presenza, a que non acadaron nin Ramón Piñeiro nin Uxío Novoneyra nas anteriores edicións, di moito da singularidade de Pereiro pois esa reputación online non fica na man da Real Academia Galega nin sequera do propio escritor, senón que é unha construción colectiva, un produto das conversas, das ligazóns, das achegas, da interacción e das adhesións externas que esperta a persoa, o pensamento e a obra de Lois. Trasladar esa ubicuidade virtual e facela extensiva ao mundo real, á rúa rúa, semella algo máis complexo e inexacto. Pero Lois, con todo, move, remove e conmove, é evidente. Porque quitados os tópicos e as disquisicións, a maneira de encaralo ou de contalo, a etiqueta que se lle dea en poñer, case sempre aproximativa, o certo é que a poesía de Pereiro é inmensa na súa brevidade, indómita, eterna. Un clásico sen ferruxe, un trallazo no corazón, no estómago e na cabeza. É ouro incandescente.

Fálase estes días da valentía e audacia da Real Academia Galega pola escolla de Lois Pereiro como figura central deste 17 de maio. En realidade é ao revés. A RAG, nun proceso continuado pero aínda inconcluso de renovación e apertura á sociedade, consegue, grazas a Lois, resituar a súa propia reputación, magoada por un sexismo declarado e por escleróticas dinámicas xeracionais, o normal das academias, non é unha excepción. A Academia débelle por iso moito a Lois Pereiro, e non á contra. Pero hai xestos da rúa Tabernas que estragan ese capital de esplendor e modernidade que tan xenerosamente lle cedeu este ano o autor de Conversa ultramarina. Refírome á presentación, este venres, na sede da institución, dun libro conmemorativo, Lois Pereiro en 17 voces, editado por La Voz de Galicia.

O episodio ten lugar cando aínda estabamos engolindo o parlamento de Méndez Ferrín nos premios Fernández-Latorre, en Sabónville. Alí, o presidente da RAG, á beira de Santi –J’accuse– Rey (o redentor sen pobo ao que redimir), fixo unhas loas ao grupo editorial coruñés que, amabelmente, cualificaría eu de nocivas. Obrigas do cargo, quero pensar. En todo caso, peaxes ben dolorosas pois Ferrín recibía o recoñecemento para a RAG de mans dun dos máis activos axentes desgaleguizadores e anti-nación que operan neste país.

O caso é que este día, La Voz de Galicia, co estímulo desa excelente relación xa consagrada polo Premio Fernández-Latorre, tomou os salóns de Tabernas para lanzar un dos seus ofertóns, e non me refiro aos reloxos, nin aos tupperwares, nin aos lentes de sol, nin aos aneis, nin as pulseiras, nin aos cupóns para o sorteo dun Mercedes. La Voz chantou o seu gótico V nos estrados académicos para presentar un libro –Lois Pereiro en 17 voces, estou certo que magnífico- que sairá á venda este martes en todos os quioscos por só 1 euro + cupón do lombo. Si, habéis oído bien, chicos, por sólo un euro+cupón. E a miña pregunta é: Pode a Real Academia Galega converterse no salón de actos/quiosque de La Voz de Galicia? Non había un auditorio en Sabónville? De verdade que era indispensábel ceder o espazo dunha alta institución nacional para divulgar un produto comercial? Calculou a RAG, por exemplo, as subvencións millonarias que percibe La Voz polo seu exiguo apoio diario á lingua deste país e pola súa contribución ao infecto discurso da imposición do galego? En resumo, era necesaria tal demostración de forza, con circo político incluído..?

Teño entre as mans o magnífico especial de Xornal de Galicia das Letras Galegas. Merqueino este domingo (2 euros o periódico+Contexto) pero tamén se pode descargar en pdf na rede. De balde. É moi bo (os meus parabéns a Alberto Ramos e Iago Martínez) e considero que é merecedor dunha presentación na RAG. Tamén o resto de produtos que vaia publicar até o martes a prensa galega. Todos teñen o nobre propósito de divulgaren a obra de Lois Pereiro. De feito, propoño unha semana fantástica da RAG na que os medios de comunicación, como fixo La Voz de Galicia, poidan publicitar os seus packs culturais e accederen á súa clientela potencial co aval da centenaria institución. Afortunadamente, Pereiro sobreponse a estas miserias e sairá do 17 de maio coa mesma silandeira grandeza coa que entrou. Igualiño, igualiño só que cunha parroquia de loisistas, iso é o mellor, máis nutrida e máis consciente do futuro que nos lega.

18 Respostas to “Pode a RAG ser o salón de actos/quiosque de La Voz?”

  1. Pablo Maio 16, 2011 ás 8:10 AM #

    Home, claro que pode. Do mesmo xeito que un premio literario dunha editorial, o Planeta, acada cada ano páxinas e páxinas en todos os lugares e os parabéns e presenzas do ministro de Cultura de turno e demais “autoridades académicas”. E sábese dende o primeiro que é un premio para maior gloria da editorial dos Lara, onde hai xente que participa de boa fe pero que nunca é lida, pois está dado de antemán. Non espere vostede da RAG, unha institución obsoleta, xerontocrática, machista e estrambótica, demasiado.

  2. caramba Maio 16, 2011 ás 12:29 PM #

    Está claro que o artigo parte da premisa previa de que a RAG é unha institución “xerontocrática, machista e estrambótica” , como amablemente glosa o glosador, que escolleu a candidatura de Lois unicamente para se beneficiar dos efectos rexuvenecedores e amplitude de banda mediática do tal suxeito. Ben, se fose certa esta premisa, entón: por que non decidiron darlle antes un día das letras? ou tamén, por que houbo debate o día da súa elección? Alguén debería explicar mellor esta parte.

    Segundo, sostén o autor do artigo que unha maré popular arrebatou a icona de Lois das suxas mans da Academia para converter a súa festividade nunha auténtica romaría popular e pagá, fóra dos ritos oficiais do do culto oficial. Ben, se alguén quere pensar que a presenza de numerosos personaxes da cultura oficial, concelleiros de cultura nos eventos celebrados en lugares como o antigo cárcere da coruña (que non foi okupado violentamente, senón cedido graciosamente polas institucións municipais para usufruto dos asistentes), se alguén quer pensar que todo isto se debe unicamente á espida iniciativa popular transgresora e alternativa, oye, pois moi ben, pero en fin, hai tempo que non somos tan inocentes.

    Unha cousa si me interesou do teu artigo que plantexa, aliás, unha pregunta interesante: por que a figura de Lois atopou máis amigos institucionais que a de Novoneyra? Porque a institución viste máis roupas que as da mera RAG, como nos lembra sempre Bourdieu.ç

    Un saúdo

    • franplorenzo Maio 16, 2011 ás 12:47 PM #

      Caramba: creo que vostede conclúe máis cousas das que eu digo no meu comentario, en primeiro lugar unha cita que me atribúe “xerontocrática, machista e estrambótica” sobre a RAG e que nin dixen nin fica no texto. As Academias son resesas por definición, a galega como a francesa ou a española. Dito isto, hai académicos que torceron por Lois e outros que non, non digo que o único motivo da elección fora aproveitar o brillo da súa estrela. Pero é un feito, só constato iso. Creo que é mais o que a RAG recibe de Lois que o que Lois recibe da RAG.

      Non falei de ningunha maré popular. O pobo seguramente marche mañá á praia e ignore nun 60% dos casos quen é Lois Pereiro. Falo de quen logra espertar adhesións e de quen non, sobre todo por unha obra vibrante como é a súa e porque conecta con capas máis amplas das que, por exemplo, Ramón Piñeiro. Os amigos institucionais dos que vostede fala tanto lles ten Pereiro que Piñeiro, Laxeiro que Lodeiro. Estarán aí o dia que toca estar e logo a outra cousa.E por certo, os centros culturais non son das institucións, son da xente, como Lois Pereiro. Un saúdo

  3. manoel Maio 16, 2011 ás 5:54 PM #

    Pois a min paréceme unha análise cuasixenial… parabéns. Hai cousas que hai que dicir…

  4. xos Maio 16, 2011 ás 8:46 PM #

    La Voz de Galicia é o que é, un xornal repudiable en múltiples aspectos, e manipulador. Ben, como a maioría. Basta con non mercalo, con non lelo na rede. Punto. Non hai que demonizar a todo aquel que saia nel, ou que colabore nel. Parece que se sae nel calquera persoeiro galego de prestixio no galeguismo, ou no nacionalismo, xa entón parece que é un traidor, ou un vendepatrias. Cada un que faga o que lle pete, e un representante institucional, se ten que saír na Voz, ou no ABC, pois non vexo que problema hai. Iso de pedir a pureza é tremendo. Eu xa non mercaba nin lía a Voz moito antes do 2009, e desde logo desde moito antes do boicot. Pero non censuro a quen sae nela
    No fondo disto persiste unha certa inmadurez propia dunha actitude de resistencia (non nego que lóxica) do mundo nacionalista

    “Mira que non hai caciques como para ilos buscar á Academia” Manuel Rivas http://www.xornal.com/artigo/2011/05/14/suplementos/contexto/hai-mais-autoridades-no-cocido-lalin-ca-no-dia-das-letras-manuel-rivas/2011051321082800715.html

    • franplorenzo Maio 16, 2011 ás 9:06 PM #

      O último que se me ocorre a min é demonizar nin criticar a quen publica ou traballa na Voz. Moito menos a un cargo institucional que apareza nas súas páxinas polo mero feito de aparecer. Ninguén pide pureza só coherencia e non poñerlle a alfombra aos inimigos do galego (Santiago Rey o é) na casa da lingua que é a RAG.

  5. xos Maio 17, 2011 ás 9:42 AM #

    Ben, é certo, o artigo non é tan crítico como eu dou a entender, e despois de todo, ao título poslle un interrogante, o que é todo o contrario ao fanatismo.

    Quizáis eu fale dunha actitude presente en moita xente. O que quero dicir é que non se lle ten que dar tanta importancia ao que suceda coa Voz de Galicia, un xornal, si, líder en Galicia, pero en realidade bastante limitado xeográficamente á provincia e á cidade da Coruña. Non é hexemónico no resto das provincias galegas.

    Diferenciemos unha cousa, con respecto ao galego, fixo máis dano o Faro de Vigo, que pareceu nalgúns momentos voceiro de Galicia Bilingüe, con respecto ao nacionalismo, fixo máis dano La Voz de Galicia.

    Saúdos

    • franplorenzo Maio 17, 2011 ás 3:39 PM #

      Xos, a min o malo da VOz non me parece a difusión que teña ou non teña senón o influxo que si ten, e ten moito, na nosa clase política, na capacidade de presión (por dicilo finamente) que ten como grupo e na imposición dun discurso disgregador e antigalego de xeito sibilino e subrepticio. Logo o do Faro co galego si tés razón que é moi sangrante. Saúdos

  6. Imeneo cretense Maio 17, 2011 ás 10:37 AM #

    Home, non sei eu quen recibe máis, se a RAG ou Pereiro (herdeiros, no caso), non teño unha balanza de medir para concluír iso tan tallantemente, quizais vostede si.

    O da presentación do libro de LVG na RAG non é algo que me agrade, mais é algo habitual, e seguramente os outros medios non pediron presentar os seus “extras” na RAG. Indagou vostede, como sagaz xornalista que é, se fixeron tal solicitude?

    Comparar Piñeiro con Pereiro (dúas árbores: que curioso!) é moi forzado, por canto as “obras” de ambos teñen dimensións abondo diferentes.

    Cae outravolta o sagaz xornalistas na magnificación da rede na súa relación con Pereiro. Non é que non houbese algo do que di, senón que, por pouco, non o pon á altura das revoltas árabes: unha “parroquía de loísistas máis nutrida e máis consciente do futuro que nos lega”. Formarán estes a nova vangarda revolucionaria segundo o seu legado revolucionario?

    En fin, bonito e fácil texto, mais moi pouco rigoroso, ao meu entender.

    • franplorenzo Maio 17, 2011 ás 2:14 PM #

      Imeneo: acho que tende vostede un pouco á confusión, empezando polo seu nome xa. Por sagaz e por xornalista sei que Imeneo era un mozo ateniense, que cativara a Apolo pola súa beleza, e logo estaba Idomeneo, o rei de Creta, o da ópera de Mozart. Dáme que mesturou os dous. En todo caso, e falando xa sobre Lois, trátase de opinións, as miñas. Non de sagaz xornalista senón de leitor, de cidadán. Agora resulta que La Voz presenta os seus produtos comerciais na RAG porque o pediu e o resto de medios non. Tanto ten, tamén eu podo pedir unha sala do Consello da Cultura para celebrar un akelarre e non por iso mo teñen que ceder.
      Non comparo Piñeiro con Pereiro, só poño á par a recepción social que tivo unha e outra homenaxe. E é obvio, sen entrar nas razóns, quen xerou máis adhesións. Iso envorcouse tamén na rede. A rede non é unha panacea, simplemente un indicador, nin sempre exacto, do que ocorre no mundo real. Pero Pereiro medrou na rede, ampliouse, difundiuse como non o fixo antes ningún autor. Sinto se lle proe tal entusiasmo pero é o que hai, tá aí.
      Para rematar agradézolle que diga que é un “bonito e fácil texto”. Nunca teño outra aspiración que facer textos fáciles e bonitos. O do rigor gárdoo para as noticias, non para as miñas opinións, que son só rigorosas comigo mesmo e co que penso. Saúdos

  7. Brath Maio 17, 2011 ás 4:58 PM #

    Fran, Fran,

    Se não gostas de La Voz por escuras razões, simplesmente deixa a cousa no livre mercado ( http://www.xornal.com/artigo/2011/05/16/galicia/xunta-entrega-000-euros-voz-facer-novo-dog-dixital/2011051622381000251.html ) e não merques esse jornal, que tem nas vendas o seu modelo de negócio.

    Falando a serio, pode a RAG ser o salón de actos da Voz? Pode e eu acho que deve, pois é uma ferramenta para espalhar a figura de Lois e a cultura galega em geral. O que me incomoda profundamente, é que à vez que utilizam essa potente ferramenta não utilizem outras potentes e potenciais ferramentas que estão a fazer um duro (e solitário) trabalho. E o que é pior, essa sensação de comodidade tratando com o inimigo (da lingua).

    Brincando um bocado, se o divino Ferrín em vez de vir da FPG, vinhera do Bloco, presentaria-se o livro de Lois do El Mundo; e se vinhera do PSOE do ABC ou La Razón.

    G es una M

  8. caramba Maio 18, 2011 ás 11:14 AM #

    Apuntamentos para unha breve semiótica do texto:

    – “todas as academias son resesas”

    Aserto dun pensamento de esquerdas/altermundista ou libertario, de raíz deleuziano-foucaultiana no mellor dos casos, que finalmente non deixa de facer xogo ou de coincidir de maneira sospeitosa e casual co aserto clásico do neoliberalismo: “o estado é innecesario” ou “as institucións púbicas son un gasto innecesario”. Leit-motiv recorrente dun esquerdismo brando e populista que, no entanto, conta co aplauso máis ou menos entusiasta do seu target.

    – Sobre a condena da presentación dun libro sobre o autor homenaxeado o día das letras na instalacións da propia institución que promove o día das letras.

    Ben, aquí non hai moito máis que partidismo bloqueiro de toda la vida e un chisco de cainismo anti-ferrín (ese vendido!).

    O texto, concordo con Himeneo, máis doado que bonito.

    • franplorenzo Maio 18, 2011 ás 11:33 AM #

      Caramba, sr. Caramba (gustaríame dirixirme a vostede polo seu nome, síntoo). Asegúrolle que a última persoa na que penso cando escribo é en Deleuze, pero bueno… xa hai expertos como vosté para facer análises semióticas. Que as academias son resesas non é un aserto altermundista, é unha evidencia, o que non significa que non as precisemos. Ninguén vai defender máis a Academia Galega ca min, e por iso a miña vontade de afastala do que a pode lixar ou desautorizar. O libro, e dálle co libro… Non é un libro, é un produto comercial que ese día se vende por 1 euro + cupón. Da mesma maneira que La Voz vén de recibir 600.000 euros pola edición dixital do DOG, pois tamén recibe cartos polo seu ‘apoio ao galego’ con libros coma este. O perverso do asunto é que logo La Voz queira por riba utilizar a RAG para gañar o crédito de defensores do galego que non teñen. E que a RAG se preste a ese xogo. Partidismo bloqueiro dificilmente en non sendo eu do Bloque. Cainismo anti-ferrín, non sei o que é iso. O texto doado, si, para min doadísimo, sinxelo ao extremo. Bonito non, por desgraza non é nada bonito.

  9. Imeneo cretense Maio 18, 2011 ás 1:38 PM #

    Querido Fran:

    Non se decatou da retranta do meu nome mesturado adrede, pero si que deixou patente que debería chamarse Vicente. Indo ao gran, non indagou no asunto e vexo como sigue coa trécola de chamarlle “produto comercial” a un libro que se vende a 1 euro. Pois vale, seguro que don Zola se fixo rico coa operación.

    A propósito, concordo co de esquerdismo brando tal como o define Caramba, só que cunha salvidade: agora é Zizek o que mola e o que toca citar para facer ver que se está à la page.

    • franplorenzo Maio 18, 2011 ás 2:00 PM #

      Sr. cretense: en realidade non entendo iso de Vicente, non sei o que quere dicir… Indo ao grao, non creo que teña nada que indagar eu sobre a protocolo de cesión das instalacións da RAG, simplemente critico, e vouno seguir facendo, que un libro/produto comercial, tanto ten que custe 1 euro + xornal ou catro euros, poida ter acollida na rúa Tabernas. E que as axencias informativas divulguen logo ese acto publicitario como noticia considerando o visto e prace da institución e a presenza de toda a camarilla política no evento. Iso é o que digo, todo iso é o que me parece mal. Se á miña opinión lle quer chamar esquerdismo brando, pois nada. Se resulta que ten que ver algo o que eu digo con Zizek, Deleuze, etc… pois non sei en qué, pero bueno, en realidade encántame que a xente ache nos meus textos tan insignes argumentos, sen eu buscalo nin sabelo.

  10. Miguel Tesouro Maio 18, 2011 ás 9:03 PM #

    A cousa é máis simple. Para os que nos dedicamos ao ensino e vemos como La Voz de Galicia é o altavoz de asociacións de ultradereita como Galicia Bilingüe que ataca o noso labor de defensa dunha lingua que, non o neguemos, desaparece entre a xuventude nas cidades, non nos senta nada ben que a Academia que debía defender o galego, lle limpe a cara a este xornal. Non se trata de ir contra Ferrín nin nada diso, é un problema de coherencia. Non vale todo.

  11. Montenegro Maio 18, 2011 ás 9:10 PM #

    Caramba! no entiendo nada. Menudo meneo, o imeneo mental. Voy a analizar esto con mi psicólogo, fue él quien me aconsejó que utilizara mi apellido para firmar. Montenegro, Juan Montenegro.

  12. Brath Maio 19, 2011 ás 12:22 AM #

    Estou a flipar com o ataque do pessoal ao autor, com malinterpretações e com ad-hominems que não vêm ao caso. Está claro que opinar sobre La Voz é um desporto de risco neste caralho de sal. Até o novo grupo musical do PP se chama Sabón Blue; não mais a dizer.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: