#galicianrevolution (Unha reflexión sobre o 15-M)

21 May

Vou salvar todas as distancias e pido xa desculpas polo feble e tópico do símil, pero, ante as protestas do 15-M, experimento eu un algo parecido ao que sentín cando o triunfo da selección española no Mundial de Fútbol. Había alí xogo limpo, valores, pericia, equipo e futbolistas aos que admiro. Había entusiasmo e eu, debo recoñecelo, entusiásmome co entusiasmo dos demais. Alegreime da súa vitoria. Pero mesmo así non conseguín ser arrastrado pola onda de La Roja. Non é que fora eu a axitar unha bandeira española, porque iso xa non entraba nos meus plans, pero por algunha razón non conseguín participar no que era un estourido de xúbilo e solidaridade mecánica, mediaticamente conducido, e con boas doses de vitalidade, tan necesaria, tan osixenante.

Aquí o asunto é ben máis serio. O que está en discusión non é unha final de balompé senón un modelo político e a cuestión de se ese modelo político pode ser mudado extramuros do propio sistema. Non teño respostas a iso, só preguntas e dúbidas. Pero o primeiro que me afastou das acampadas do 15-M foi, precisamente, a indefinición política dunha meritoria e necesaria listaxe de obxectivos, que na súa universal xustiza, poderían ser compartidos por un votante de UPyD ou por un benintencionado e/ou desideoloxizado votante do PP.  Iso fala de min como unha persoa dogmática, partidista sen partido, pode ser, pero aí, na apropiación ou non que deste movemento fixeron as forzas e conglomerados políticos tradicionais, radica outro dos eixes do meu shakespeariano estado de contemplación.

Malia a inconcreta mensaxe do 15-M, observo que é unicamente a esquerda quen pode abeirarse a ese discurso de xustiza social e de ecoloxía política, á denuncia da crise como elemento de extorsión. Debería estar nos seus programas, de maneira activa. Da dereita nada agardo, e abofé que hai esquerdas e dereitas, sempre haberá esquerda e dereita. Para min si.

Pero por algunha razón a esquerda, a que está representada nos parlamentos e órganos de goberno, demostrou, fóra das lóxicas adhesións que suscita a liberdade de expresión e de asemblea na rúa neste 15-M, certa desafección co fenómeno. Esa desafección é, acho eu, a constatación dunha imposibilidade: a de atraer eses votantes cara a opcións máis ‘políticas’, integradas no sistema e que aposten por mudar as cousas ‘desde dentro’, se é que iso é aínda posíbel. A outra lección do 15-M para os partidos de esquerda é a da permeabilidade, a de camiñar cara organizacións máis porosas, máis abertas e integradoras, cos ollos máis abertos á complexidade dun mundo a cada volta máis interconectado e mutábel e no que certos mantras políticos deben ser reformulados.

Cando este día lin un artigo de Carlos Luis Rodríguez que rebordaba paternalismo até a náusea cara ao 15-M, e que tentaba asimilar este movemento á trampa mortal que, segundo el, foi a xeira de dignidade do Nunca Máis, souben que debía desterrar o meu propio paternalismo e suficiencia cara aos acampados. Non pensar coma el é, para moitos, un elemento de inspiración, un guieiro moral. Ler nel ten esa vantaxe. 

Así que desterrado o paternalismo, que é dos sentimentos que máis me anoxa, en sabendo que xa non son un mozo sobradamente preparado (aínda que si en paro intermitente), compartindo moitos dos supostos que de maneira aínda por definir se erguen nesas protestas, e tendo en conta que nunca votei eu aos de sempre e que sempre votei aos de nunca, quixen destecer os meus apriorismos e tentei ollar de novo cara á experiencia do maio español. (Abráiame que ninguén acudira á simplona denominación d’O Maio español ou do Maio do 2011).

E que concluín? Algunhas cousas, que non son teses senon conclusións moi persoais sobre este movemento:

1) que o papanatismo dos medios de comunicación tradicional cara ás redes sociais é só a cristalización da súa propia impotencia. Os medios tradicionais, os que un día tiveron o poder para convocar e dirixir, tentan agora emular os mecanismos dese poder en rede das mozas e mozos e van a rebufo del. No 15-M explicítase unha nova linguaxe, afiánzase un novo xeito de relación, e esa evidencia será quizais a principal conclusión desta vaga de protestas.

2) que a xornada de reflexión, como a coñeciamos até agora, non ten sentido neste contexto no que as redes sociais non dormen nin sequera por unhas horas.

3) que o 15-M débelle o que é a ese contexto global da sociedade-rede e que se trata dunha resposta lóxica, anque de signo diferente, ás mobilizacións árabes, á de Portugal ou á de Islandia.

4) que, persoalmente, a adhesión que xera en min a acampada de Sol é a mesma que me provoca o protesto da Geração á rasca portuguesa, ou dos insubmisos islandeses, e que a translación mimética a Galicia dese movemento tropeza, ao meu ver, cun outro conflito político aínda por resolver. E que da mesma maneira que Túnez non ten nada a ver con Islandia, tampouco Madrid é A Coruña nin Santiago, e non me refiro ás cuestións idiomáticas, tamén importantes. Nese centralismo reinterpretado da mobilización, no hashtag #spanishrevolution, nesa virar os ollos cara ao Quilómetro Cero e na escolta mediática de cada paso que dá o 15-M aniñan algúns dos meus receos.

5) que os meus receos non me impiden un acto reflexo de simpatía cara esta nova maneira de facer as cousas, cara esta exaltación da cidadanía tan vivificante e nova e da que se poden, creo sinceiramente, aprender moitas cousas. E que seguramente deberei revisar varios preconceitos que levo no lombo, como os referidos á nación galega, ao colonialismo español e á arela dun país-país, non unha reserva de emigrantes e de náufragos -que iso somos, desde moito antes do 15-M.

6) Que eses preconceitos dos que falo, con rasgos de marxismo do vello e nacionalismo galego de manual, con trazas de independentismo estupefacto, ao mellor non son outra cousa que ideoloxía, e que, porén, nunca a ideoloxía me pareceu tan actual, e nunca a visión política dos acontecementos tan necesaria. E que nese país-país co que soño decote é onde me gustaría tuitear, con pleno sentido, orgullo cidadán e o san escepticismo que me dá saber os aniños que xa teño, ese hashtag poético-político, pura rebeldía, que é #galicianrevolution.

6 Respostas to “#galicianrevolution (Unha reflexión sobre o 15-M)”

  1. Carravilar Maio 21, 2011 ás 11:01 PM #

    Chapeau! Estou igual de entusiasmado/esperanzado e igual de desconcertado/desconfiado. Diría meu pai: entre as que ne van e as que me veñen, eu entremedias.

    • franplorenzo Maio 21, 2011 ás 11:07 PM #

      esa frase de teu pai é para encabezar unha antoloxía do pensamento galego haha😉 unha aperta

  2. #galicianrevolution Maio 22, 2011 ás 12:16 AM #

    Grupo de discusión no facebook: #galicianrevolution

  3. Arancha Estévez Maio 23, 2011 ás 10:43 AM #

    que ben expresado o que sinto tamén…

  4. Mamba negra Maio 28, 2011 ás 2:03 PM #

    Se ben é certo que esta non é a nosa revolución soñada, a que nos liberte do xugo opresor do estado, é unha revolución, e “prefiro unha mala revolución a ningunha revolución”.

    Saudos!

    • franplorenzo Maio 28, 2011 ás 3:14 PM #

      o 15M é ao meu ver un movemento mutante, unha nebulosa dificil de definir, algo borroso, como adoita ser agora todo. Non creo que, na súa esencia,mudara de xeito radical desde que escribín estas liñas (o día antes das eleccións) pero a represión sobre os indignados na Praça de Catalunya fainos pasar a outro estadío. Cando os medios de comunicación esquezan ademais a empatía cos acampados, e xa imos camiño diso, entraremos aínda nunha outra fase. Ao mellor non é unha revolución pero si alimento para unha revolta. Ogallá. Saúdos!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: