Unha canción de amor contra a Galicia en ‘modo Sísifo’

25 May

Hai ese verso do poeta peruano que di: “Hoy no sufro como César Vallejo. Hoy sufro solamente”. Eis o meu sentimento. Hoxe non sufro como votante nacionalista, nin sequera como galego, sufro soamente. Sen “moderada satisfacción”, síntoo. E para sair do déjà-vu, do modo Sísifo no que andamos os galegos, da síndrome de Penélope, para afastarse desta nova oportunidade perdida e do bucle amolador de sempre non teño solucións. Minto, teño algunhas pero son persoais e relaciónanse, decote, con verbos como mudar, reinventar, seducir, revoltar…

Por algunha razón, os galegos somos adictos á versión oficial que de nós se dá. E a versión oficial, sempre tópica até a exasperación, di: “é o país que temos”, “non hai nada que facer”, “pase o que pase sempre é igual…”. Pero iso non é verdade. Haberá mil argumentos para asumir o mantra sen rechistar pero todos sabemos que as versións oficiais sempre agochan unha mentira ou teiman en limar os ángulos máis complexos dunha historia. E a única saída dunha forza política galega hoxe é desmontar esa versión oficial, mudar o relato, propiciar o orgullo, o entusiasmo, ofertar algo no que confiar e polo que avanzar. Só así, só así.

Nin de política, nin de resultados electorais. Ou tamén. En realidade viña falar de música. Brasil é esa versión ultramarina deste pobo noso que xa habita decididamente no futuro. Partillamos o mesmo idioma, aquí recluído, abafado, alí vehículo de comunicación do país máis conectado a Internet e ás redes sociais do mundo. A Banda Mais Bonita da Cidade (ABMBDC) é un grupo de Curitiba que mestura rock, pop e MPB (música popular brasileira) nun tonificante e gorentoso cóctel de referencias. Están a rebentar a rede e viraron febre co seu novo tema, Oração (máis de 2 millóns de visitas en Youtube nunha semana), un clipe caseiro que se imita moito, a homenaxe é expresa, a aqueloutro que o grupo Beirut gravara para o seu tema Nantes. Ocorre que o vídeo de A Banda Mais Bonita da Cidade (un longuísimo plano secuencia ateigado de músicos, aos que vai dando paso Leo Fressato, compositor e intérprete da canción), desprende tal enerxía, naturalidade e -non me gusta dicilo pero vouno dicir-, boas vibracións que é imposíbel non ficar apegado a el. O vídeo de Beirut está ben, pero fica escurecido polo brillo deste. É o auténtico pero non ten este pulo. A iso me refería dous parágrafos máis atrás. Á necesidade dunha versión mellorada, superior á oficial. Unha versión diferente de nós mesmos que reflicta entusiasmo e non apesarada queixa nin resignación. Algo máis grande, algo á nosa altura, algo do que sentirse orgullosos. Os materiais están, igual que están as oito notas dunha escala musical. Só hai que rachar a partitura que levamos tantos anos interpretando, mudar o ton, mudalo de verdade, abandonar as ladaíñas, os prantos e ollar para adiante. Esta canción paréceme, mesmo, un bo comezo. Fala de amor así que vén moito ao caso😉

8 Respostas to “Unha canción de amor contra a Galicia en ‘modo Sísifo’”

  1. cossimo Maio 25, 2011 ás 8:43 PM #

    Si, é un bo comezo para un final nunha sala de hemodiálese. Qué lle pasa? Quere ver o país convertido nun campamento de catequistas?

    • franplorenzo Maio 25, 2011 ás 11:54 PM #

      nunca fun a catequese a si que non sei como é, pero se for así gosto😉 prefírolle un país de flipados que un país de tristes e doentes

      • cossimo Maio 26, 2011 ás 2:16 PM #

  2. Moi Maio 26, 2011 ás 8:01 AM #

    Gustame moito a reflexión e encántame o vídeo! Enerxía positiva, que boa falta fai.

  3. xandra Maio 26, 2011 ás 3:25 PM #

    Estábache a agardar. Grazas polo artigo, porque o ánimo non é moito.

  4. Miguel de Vigo Maio 26, 2011 ás 9:27 PM #

    Hai moitas causas, que pese ás derrotas continuas, son invencibles. Unha é o amor. A canción transmite esa forza que necesitamos hoxe, mañá e sempre, para resistir e reexistir, que non é pouco. Que fariamos da vida sen a música?

  5. xavier Xuño 3, 2011 ás 8:31 PM #

    Habera que repensar o pais (desculpa mais este teclado non ten til, ou eu non a atopo)eb clave de desenho, combinando unhas pingas de transparencia, un moito de inspiracion, unha chisca de transformacion nos modos de actuar, reinventando xeitos de participacion e procurando solucions contextuais (colaborando e incluindo peroas ata agora afastadas de toda implicacion e desenvolvendo xeitos de informacion innovativos (confeso que estou alterado polo sol de primavera) Unha aperta e grazas por seguir dando guerra. O video unha descuberta, by the way

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: