O BNG quer os nenos galegos fóra das touradas españolas

2 Jun

Sinceramente e no momento político no que nos achamos, o debate das touradas é creo, a última preocupación do eleitorado nacionalista e dos cidadáns galegos en xeral. Acabo de coñecer unha iniciativa do BNG na que se lle pide á Xunta que “prohiba” o acceso dos menores de doce anos ás touradas. Si, amigos/as. Considerando que neste país, en recintos pechados, só hai touros unha semana ao ano na Coruña e Pontevedra, que son feiras de segunda categoría e en franca decadencia, e que normalmente os nenos prefiren ficar na casa coa play no canto de ver como se esfola un animal, a medida pode ‘salvar’ do violento espectáculo a unha ducia de pequenos galicianos, como moito, e a un cento deles, xa nun plan moi hipotético.

Para Bieito Lobeira, leo en El País, constitúe un debate “necesario” e engade que en Galicia nunca as corridas “gozaron de respaldo ou sustento” popular. E ten razón. Máis desprezo que aborrecemento porque o 80% da poboación galega, ou máis se cadra, nunca asistíu a unha tourada, eu o primeiro.

Pero non é iso o que centra a miña atención. As touradas en Galicia só perviven alí onde hai un apoio económico expreso. Quitados catro afeccionados de manual, os touros son un escenario social, máis que un foro de afeccionados á tauromaquia. É un ir por ir, e que cada quen lle poña as adxectivacións políticas e de estatus social que desexe. A Lobeira próelle a filiación españoleira da Festa. E é lícito. Pero en todo caso, nin os moi adeptos seareiros do PP levan os seus fillos ás touradas -nunca vimos os vástagos de Rajoy nin de Louzán na praza de Pontevedra- porque para eles os touros son unha reunión de traballo. Así que, por favor, que alguén me diga por que é tan “necesario” o debate sobre o influxo da violencia nos cousos galegos nun público infantil, sobreexposto xa na súa vida cotiá, vía televisiva, íntima ou escolar, a outras violencias igual ou máis sangrantes cá da Festa española. E de paso que alguén confirme, tamén, se o fútbol ao vivo é apto para menores, considerando os brotes de ira física e verbal, xenofobia, sexismo e malas praxes que, decote, amparan as bancadas dun estadio. Debería o BNG, de paso, ampliar esta iniciativa ás veladas de boxeo (un deporte con maior implantación cás touradas en Galicia)?

Non vai na miña idea desprezar a proposta nin cuestionar o seu fondo de xustiza. Todas as iniciativas para defender os cativos son necesarias. Esta, desde logo, moito menos que outras. Pero terá o BNG que ‘afinar’ un pouco na urxencia dos debates, priorizar o verdadeiramente ‘necesario’ e afastarse un pouco da anécdota para ocuparse do que agora lle esixe o seu electorado. Ao electorado do BNG, o que se perdeu polo camiño, o que votou con resignada entrega e o que no futuro o votará se algo muda para mellor, impórtalle ben pouco este “necesario” debate da protección do menor nas touradas. Todo se volveu ben máis esencial, todo máis sinxelo. Moita xente quer recuperar o entusiasmo e precisa outra postura, unha actitude proactiva, e non reactiva. Menos víscera e máis cabeza. Algo no que envorcar a enerxía e non esa sensación de non estar no mundo, na realidade, nin nas preocupacións reais da xente que vota e decide.

6 Respostas to “O BNG quer os nenos galegos fóra das touradas españolas”

  1. Rubén Xuño 2, 2011 ás 10:49 AM #

    Penso que non é unha cuestión de prioridades. Os partidos presentan moitas iniciativas no Parlamento, e esta, sobre as touradas, é interesante no canto promove un debate que non se dera, pero entendo que esta proposición non de lei non ten o peso necesario como para marca unha liña de prioridades.

  2. Brath Xuño 2, 2011 ás 10:50 AM #

    O pior de perder o norte é nom querer atopa-lo.

  3. Xoán Xuño 2, 2011 ás 10:01 PM #

    (Hoxe montaron en Ferrol unha praza de touros portátil, non sei se te parece anecdótico, a min paréceme sintomático)

    A iniciativa semella unha máis da multitude de iniciativas que se presentan. Seguramente o enfoque do problema está mal prantexado: non estamos a discutir unha prioridade do BNG, senón unha prioridade (informativa?) de El País… seguramente este diario préstase máis a ceder as súas páxinas a dar conta de “excentricidades” antes que a permitir que as ocupen temas de maior trascendencia sobre os que o bng seguramente ten posicionamentos ben definidos… mais non interesan.

    Este tipo de cuestións só son prioritarios para os grupos mediaticos que as adoptan para abandeirar un posicionamento de desgaste ou de influencia, segundo o que lles interese en cada momento. A consecuencia é que esta entrada que escribes hoxe sobre a coerencia do bng seguramente non existiría se a prioridade informativa de El País coincidira cos problemas principais dos galegos… mais non interesa (non ao bng, senón a El País)… abonda con usar o buscador da edición dixital para ver que noticias publican (e cales non) da actividade que xenera o bng.

    Outro exemplo sonado: nunha asemblea do bng aprobouse o tema da adopción do huso horario máis axeitado para Galiza. O que era unha cuestión anecdótica e residual dentro do que se debatiu e aprobou na asemblea, mediáticamente foi o centro informativo que explotaron os medios eclipsando calquer outro tipo de contido de verdadeira entidade… é un problema do bng? ou quizáis o pecado está nos ollos do que mira? non deberiamos ser máis esixentes como lectores sobre a calidade da información que nos ofrecen os medios?

    • franplorenzo Xuño 3, 2011 ás 12:16 AM #

      Xoán, estou dacordo contigo en que os medios fican en moitas ocasións na face máis anecdótica dunha información. De todas maneiras esta noticia tamén foi transmitida polas axencias e creo que se publicou nalgún outro xornal. Fóra do tratamento que se lle dera nun ou noutro lugar, non creo que se lles poida botar aos medios a culpa do argumentario concreto do BNG ao respeito deste tema. Que os medios poñan o foco no que lle interesa destacar tampouco non cho discuto. Pero se eu dou unha rolda de prensa para comunicar unha iniciativa parlamentaira non podo logo concluír que a plasmación desa información é avesa ou manipuladora polo simple feito de se publicar, creo eu.

  4. Grial Xuño 3, 2011 ás 8:15 AM #

    “Todas as iniciativas para defender os cativos son necesarias”. Máis non, por favor. Todas as iniciativas para defender os cativos son excusas para tranquilizar a conciencia dos pais. O “¿es que nadie piensa en los niños?” lovejoiano.

    • franplorenzo Xuño 3, 2011 ás 8:54 AM #

      tómao como calquera sentenza universal introducida por un Todo, do tipo “todos os homes son iguais ante a lei” ou “todos los españoles tienen derecho a…”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: