As mulleres cántanlle á RAG: “Son eeeu a que segue aquí/ son eeeu dígollo a Ferrín”

6 Jun

Polo significado que ten no apuntalamento do depauperado predio nacional, porque defendeu como debía a lingua galega dos fóbicos ataques do actual Goberno e porque leva canda ela un plus de autoridade inmutábel na defensa da cultura, a Real Academia Galega (RAG) non é unha Academia ao uso. Os galegos/as non estamos afeitos a que se nos defenda desde unha institución e por iso a voz da RAG, como máxima autoridade na materia, adquire sempre un relevo insólito. Logo de que a Xunta emprendera a cruzada de aniquilación da lingua de noso, resultou que só a RAG e os tribunais estaban aí para nos protexer. Del Riego pasáralle o Pronto e Barreiro o pano á mesa de Tabernas. Logo veu a sorpresa de Lois Pereiro 2011. E con Ferrín na presidencia, alguén caeu na tentación de crer que a RAG era unha institución superdinámica, apegada á realidade, unha sorte de milicia progre de elite, empotrada no presente do idioma e da cultura de Galicia. E non.

Hai inercias, prexuízos, prácticas resesas, resaibos de antano e provectos señores como ocorre no común das Academias. O sexismo é unha das máis rechamantes eivas da RAG, porque os tempos que dita a institución son propios doutra época e non dan para impulsar, de vez, a urxente feminización do plenario. Tampouco non creo que haxa moita vontade de facelo, ou só unha vontade parcial. E é por iso que xa se ergueron voces de mulleres, maiormente escritoras, para denunciaren esta situación. Circula un manifesto-blog O xogo das cadeiras no que se urxe a incorporación de novas académicas. Comparto, obviamente, o fondo desa reivindicación e tamén intúo que os señores da pastilla azul levan moi mal ese tipo de presións externas, como ocorreu este ano, outra volta, coa candidatura de Carvalho Calero: Filgueira Valverde, un ano máis, estivo ás portas do seu Día das Letras. O feito de seren autoridade, e de seren homes, e homes machistas moitos deles, invísteos dunha razón que non é permeábel ao protesto das indignadas. Como moito unha ollada displicente ou resignada de quen se arroga o poder e co poder o voto. E sabémolo ben, quen vota decide. Así as cousas, tal mudanza necesaria debe ser impulsada, creo eu, desde dentro da RAG. Un cambio na normativa interna da institución, un compromiso firme da presidencia e unha captación de apoios para rachar a esclerose de xénero na RAG. Propor candidatas, con nomes e apelidos, e erguer os seus méritos, é un xeito de visibilizar a necesidade na Academia desa presenza feminina pero tamén individualiza a contenda, converte o debate nunha cuestión de valía persoal, de currículo e relevo público. E aí é onde os señores académicos sacan a súa daga de amputar. “Esta non, porque este é mellor…”. Eles sempre acharán un home mellor, diso non hai dúbida. É certo que tal abstración comporta unha dose de inxustiza. Por qué mulleres na RAG e non esta muller na RAG? A práctica, porén, demostra que as cotas de participación pactadas institúen a igualdade de xéneros alí onde de xeito natural non se producirá nunca. Os académicos galegos, en todo caso, non van ter problemas. Hai centos de mulleres válidas, non terán dificultades para escoller. De feito hai máis mulleres que homes, aínda que non o pareza. E cando ese plenario non se decline só en masculino se cadra estaremos máis cerca da RAG que, ás veces sen moitas razóns, idealizamos

Mentres iso non acontece considero que é a presidencia da RAG quen debe impulsar a mudanza de estatutos e procurar apoios dentro, que os ten, para impulsar tal revolución. Para animar ao presidente Ferrín nesa ímproba tarefa renovadora -pola que podería pasar á historia da RAG- déixolle este vídeo. Está en castelán, máis a muller que canta, Marta Sánchez, é da Coruña, pasaba os veráns en Sanxenxo e un día en Luar berrou Nunca máis con auténtica raiba e adhesión. Canta desde unha cadeira, como as da RAG, afirma a súa liberdade e independencia, e di (na miña versión):

Son eeeeuuuu a que segue aquí/son eeeuuu dígollo a Ferrín/ Mira pra min e direiche o que ves/ esa muller que perdiche unha vez…

Máis adiante, onde di, “pudiste tenermeeee…” en realidade debe dicirlles aos do plenario de Tabernas: “puidesstees votarmeeee….”

4 Respostas to “As mulleres cántanlle á RAG: “Son eeeu a que segue aquí/ son eeeu dígollo a Ferrín””

  1. cocó Xuño 7, 2011 ás 8:44 AM #

    Máis inaceptable resulta logo de que a Academia cedese nalgo nas súas teimas históricas, abríndolle a porta aos novos, facendo presidente a Ferrín e dándolle as letras a Pereiro. É algo así como “aceptamos todo menos as mulleres”.
    Encántame a imaxe dun concerto de Marta Sánchez na rúa Tabernas

  2. xavier Xuño 13, 2011 ás 10:26 AM #

    Eu estou convencido (ou quero estalo) que os meus ollos van ver a máis académicas das catro que agora temos. Eu propoňo pola miňa banda a Pilar García Negro, María Xosé Queizán e Marilar Aleixandre como as tres primeiras dunha lista maior que me ven á memoria onde tamén deberían de ser consideradas outras que den pulos e dinamismo (máis aínda) a unha academia renovada. Nesa condición expectante vivo, con certa esperanza máis sen baixar a garda.

Trackbacks/Pingbacks

  1. O Real Academio Galego « - Xuño 7, 2011

    […] Xa está confirmado o que moitas sospeitábamos desde hai tempo, que as vacantes na Real Academia Galega ían ser cubertas por homes e non por mulleres e, por tanto, ía consolidarse a exclusión das mulleres da institución. […]

  2. As mulleres cántanlle á RAG: “Son eeeu a que segue aquí/ son eeeu dígollo a Ferrín”, por Fran P. Lorenzo | O xogo das cadeiras - Decembro 19, 2011

    […] no blog Un país en lata 06/06/2011 This entry was posted in Reaccións! and tagged Fran P. Lorenzo. Bookmark the permalink. […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: