O silencio das académicas

9 Jun

O silencio revela sempre unha estratexia ou un xeito de actuar. As pausas na música ou as crebas nun diálogo acaban por dicir sempre máis do que representan na partitura ou no texto. Por iso o silencio da Real Academia Galega fronte ao debate aberto arredor do seu masculinísimo plenario é atronador, abrouxa. Porque dunha parte estimula a lóxica indignación da sociedade galega, á que representa, e da outra vaise enchendo de leituras, se cadra incorrectas, pero que teñen a ver co desprezo, a distancia, a inoperancia ou a falta de comunicación.

Neste punto hai un outro silencio que aínda resulta máis magoante, que é o das propias académicas, as xa eleitas, as que un día, con orgullo, miramos avanzar polo corredor dun paraninfo e falarlles, coa voz de todas as mulleres deste país, aos ínclitos señores da pílula azul. Eu persoalmente lembro esa fachenda, a sensación de gañarmos unha batalla cativa pero grande ao tempo, o orgullo, como dixen atrais, de racharmos unha inxustiza.

Non hai nada máis revolucionario ca unha muller no seo dunha institución resesa como a RAG, integrada por homes ancorados nas súas inercias sexistas. E confortábame a ollada displicente, paternalista, de moitos deles. Nunca tanta saia, nunca tantos brincos nin tanto rouge en tan alta institución. E dicía eu para min: “toma aí, fulanito, velaí as tés, atura iso vellouco..!”. E falaba para o adentro: “Non querías unha poeta? pois toma poeta, a mellor, toma lingüista, toma catedrática…”. Foi así, xa digo. Por iso o silencio das académicas, amén de inexplicábel, éme un pouco doloroso porque asemella unha capitulación, un alleamento, unha sorte de cómplice renuncia.

Ignoro os acordos e trasacordos que hai entre elas e o resto dos académicos. E a alguén, seguramente a elas, pareceranlles ousadas estas consideracións. Pero se a súa presenza, o día do seu ingreso, foi revolucionaria acho que son elas, as académicas, as que deben erguer agora a bandeira, as que deben impulsar as candidaturas das outras mulleres. Son as nosas infiltradas aí dentro, son elas as que deben turrar da porta. Se isto fora unha guerra, e guerra é, desde a alborada dos tempos, elas son a Resistencia, representan a todas as que combaten fóra, na rúa ou na rede.

Amolaríame ser inxusto con esas catro mulleres, Margarita, Luz, Xohana e Rosario. Ao mellor penso que poden facer máis e non é verdadeiramente así. Se cadra élles difícil acadaren un consenso, ou non teñen o corpo para luitas intestinas ou non consideran que o feminismo sexa xa unha arma válida para lermos o presente, como eu acredito. Tampouco non lles pido que acampen na porta de Tabernas 12  nin que lle tiren a Méndez Ferrín á cabeza un zapato de tacón para denunciaren a inxustiza sexista. Pero si me decepciona o seu silencio, confésoo. Porque o silencio e a invisibilidade son as armas ancestrais que o sistema patriarcal, que tan ben representa a RAG, utilizou e utiliza para anular as mulleres e neutralizar o seu poder. O poder téñeno elas, na man, un xesto. E coñecen a palabra, seino ben. Admíroas por iso, de feito. Son donas da  palabra e son mulleres. E a voz delas leva dentro todas as voces das que alí, hoxe, non poden falar nin estar. É unha responsabilidade pero tamén un orgullo. E con ese orgullo quixeramos hoxe, todas e todos, ouvilas falar.

2 Respostas to “O silencio das académicas”

  1. Helena González Xuño 10, 2011 ás 1:30 PM #

    Boa reflexión, e chea de emoción.

Trackbacks/Pingbacks

  1. O silencio das académicas, por Fran P. Lorenzo | O xogo das cadeiras - Maio 25, 2012

    […] en blog Un país en lata 09/06/2011 This entry was posted in Reaccións! and tagged Fran P. Lorenzo. Bookmark the permalink. […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: