Caciques 2.0 (Cinco episodios municipais ao longo da AP-9)

15 Jun

1) Sábado á mediodía. Veño por Venezuela cara ás Camelias, por diante da árbore metálica de Silverio Rivas. Seis ou sete policías pechan o acceso á Ronda de Don Bosco. Unha tropa duns cincuenta indignados persegue o alcalde eleito de Vigo, Abel Caballero. Imaxino que para amosar que non lles ten medo, o edil sae a pé da torre do concello, no Campo de Granada, e cruza por entre a súa salva de pitadas, berros e cacerolas a bater.  Ao seu redor, arredor dos membros do seu gabinete e da súa corporación, hai un cordón policial negriazul que camiña canda eles. Cortado o paso pola Ronda, os indignados corren cara á escalinata en pedra de Jenaro de la Fuente, a que foi trasplantada da Praza de Portugal a esta rúa hoxe chamada de Blein Budiño e que noutrora era un carreiro prolongación da rúa Pracer, extramuros da cidade. Vai Abel impávido e sen susto, malia os berros que o alcuman. E cífrase no seu rosto a vontade de que nada mude. Atura os desprezos, conversa co do lado, mira á fronte, e os berros escórrenlle polo traxe escuro, porque no fondo sabe que nos catro anos que ten por diante ninguén o vai descabalgar, ten a vara de mando, ten os votos da maioría, ten o poder de quitar e poñer e iso, na flagrante ausencia de cultura democrática que habitamos, xa abonda. Como Gallardón ou como Esperanza Aguirre próenlles os insultos non porque os consideren unha ameaza senón porque o seu ser autoritario non consente a disensión, a queixa. Empapúzaselles a boca a falaren de democracia pero cando a democracia se encarna na rúa ou nas urnas na maneira non esperada daquela non dubidan en chamaren terroristas aos seus veciños ou adversarios políticos.

2) Se Abel camiña con tal fachenda e tranquilidade débello en grande parte a Corina Porro. Non moveu un dedo para ser alcaldesa de Vigo. Fixo unha campaña tristeira, sen entusiasmo, case con temor a ser proclamada. Agora di que marchará “a medio prazo” do salón de plenos da Praza do Rei. Durará o que a dirección ‘popular’ demore en toparlle algo mellor, nunca mellor que a presidencia da Autoridade Portuaria, ese paraíso que nunca, nin pola alcaldía, quixo Corina Porro abandonar. A saudade do porto e a grisura dunha oposición á sombra do pequeno Napoleón, empotrada nun grupo popular divido e que a cuestiona, é algo que a indigna. Ela tamén está indignada, coma os que corren atrás de Abel e acampan diante do concello. Está indignada por non poder ficar onde era feliz e vivía ben. Tiña un feudo para si, e agora non ten nada.

3) Corina abandona como abandona Javier Losada, o noutrora alcalde da Coruña. Salvo o BNG, que sabiamente, ao meu ver, decidiu abandonar o Goberno de Vigo, quen quere estar no oposición? Losada non. Ás veces as fronteiras entre o PSdeG e o PPdeG eslúense de tal maneira que é case imposíbel diferencialos. Como pode un socialista asimilarse a un neofalanxista? E ocorre! Este día, por exemplo, na investidura de Carlos Negreira, o novo edil coruñés. O ínclito ex alcalde herculino e ex embaixador de España perante a Santa Sede, Francisco Vázquez, colle a Negreira polos papos como para transmitirlle toda a súa enerxía reaccionaria, e a dous centímetros escasos da súa boca fabula o beixo mortal que consagra o poder municipal dos peores. Esa alianza Vázquez/Negreira é a proba da rexeneración pendente nos concellos, o pasto da indignación, a necesidade dunha acción municipal que impida ese convivio noxento.

4) Aí atrais falei de terrorismo veciñal, e esqueceume mentar o interino, Xerardo Conde Roa, alcalde in albis de Santiago. Por sorte para el poderá pasear a súa dobre moral na Ofrenda ao Apóstolo deste 25 de xullo, se o seu Deus non o impide. Ao revés que a moi demócrata María San Gil, que se declara incapaz de vivir nunha cidade, Donostia, gobernada por Bildu cos votos da maioría, eu viverei perfectamente en Santiago, baixo a sospeita permanente de terrorismo. Exercer a cidadanía, habitar o espazo que nos pertence, a rúa, será aquí un sinónimo de terrorismo. Será como viver nas abas dun volcán en activo. Algún día virá a erupción e haberá que correr, se hai tempo para correr, e mentres tanto…

5) Unha anécdota para rematar este periplo municipal pola AP-9 e que como tal anécdota encabeza informativos e mancha de tinta páxinas e paxinas de xornal. No sur, no Porriño. Un neno, Javier, escríbelle unha carta ao alcalde da vila, Nelson Santos (Ciudadanos por Porriño) para que se lle cumpra un soño, un traballo para o seu pai. Unha xenerosa empresa de autocares e a divina intercesión do alcalde logran o imposíbel: un contrato de traballo. A familia xa estivo este luns en Ana Rosa Quintana, a gastos pagos. O alcalde interviu por teléfono. Ocórrenseme obscenidades peores cun menor como protagonista pero teñen a ver con sotanas e confesionarios infectos. Unha viaxe  con gastos pagos ao subdesenvolvemento moral, ao franquismo, á proscrición da dignidade. Un neno (un menor, non hai unha lei que prohiba isto?) retrata nunha carta a miseria desta sociedade, e iso alimenta o circo mediático e serve como gasolina populista para un alcalde desconsiderado. O traballo non é un dereito, é unha lotaría. Os alcaldes son facilitadores, capos que todo o arranxan se es quen de pedir as cousas como se deben pedir. O noxo, a ignorancia, o descrédito da política, a corrupción, o caciquismo 2.0 e a falta de recursos de control leváronnos a este punto. Restan catro anos e ás veces, sedentos como andamos de verdade, de cultura e de auténtica democracia, penso que nin a indignación nos abonda xa.

3 Respostas to “Caciques 2.0 (Cinco episodios municipais ao longo da AP-9)”

  1. unquepasa Xuño 15, 2011 ás 12:20 PM #

    Unha de Cuntis contoume unha historia boísima sobre o noso alcalde in albis. Resulta que a tal coñecida ten un coñecido que ten un amigo que toca nunha banda de rock do pobo. Un bo rapaz, pero algo tirado ao vício. En particular, a este home íalle a marcha dos locais de churrianas, que diría un de Ourense.

    Como xa tiña explorados todos os locais que prometen felicidade á beira do mencer desde Cuntis a SCQ, decidiu aventurarse nunha famosa perruquería dunha famosa galería dun famoso hotel de SCQ. Lamentablemente declarouse un falso incendio e os clientes tiveron que saír ao corredor. O tipo pillou tal susto que outros clientes estaban a cortar o pelo que deixou de frecuentar eses lugares que poñían en risco a salvación da súa alma!

    Penso que a historia ben merecía un sketch na última ultranoite!

  2. Lucía Xuño 15, 2011 ás 5:47 PM #

    Viches a portada da Voz? http://media.lavozdegalicia.es/pdf/2011/6/H15P1.pdf
    Esquecéronse poñer un subtítulo: La Voz de Galicia despedirá só a traballadores sen descendencia ou con fillos maiores de idade… en fin.

  3. Estripo Albar Xuño 16, 2011 ás 2:34 PM #

    Traballei no Concello do Porriño. O alcalde Barros do PP tiña por costume escribir nunha tarxeta de alcaldía: Consígale un puesto de trabajo a Fulanito de Tal.
    Esa tarxeta debía levala o coitado cidadán (ao que xa lle quedaba a súa alma vendida) a certas empresas do Porriño que á súa vez tamén lle debían favores ao “grande” alcalde.
    Isto cónstame no Porriño mais creo que é o habitual noutras vilas galegas.
    Dicía miña avoa (que era de Luíntra): Os cans do Baltar son os que máis xamóns comen de Ourense! Tamén se lamentaba no seu día de non ter un millón de pesetas para colocar a un seu neto na Deputación.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: