Freaking Vigo (O ultra Ignacio López-Llaves ‘pesca’ o Porto)

21 Jun

No meu particular olimpo do friquismo galiciano, o ultra-popular Ignacio López-Chaves, desde agora López-Llaves, ocupa un lugar de relevo. A súa figura desgairada asóciase no meu disco duro a unha restra de campañas vergoñentas, de filiación opusiana e ultraconservadora, nas que este avogado vigués logrou conciliar, con acerto, as esencias do franquismo e do nacional-catolicismo, co pensamento neocon, extraído das latrinas da FAES e Intereconomía. Ao que se ve, toda a inquina e o noxo que Llaves sente  por Galicia e polo galego -e que hai xa anos vén amosando en tribunas, parlamentos e plenos municipais- teñen unha recompensa: a presidencia da Autoridade Portuaria de Vigo. O amigo non sabe o que é un barco ou onde fica o sur ou o norte da ría, pero iso tanto ten. O porto de Vigo, que devece por unha presidencia técnica e capacitada para o inxente labor que se lle encomenda, convértese, outra volta, nun trampolín político coa benzón da Xunta de Galicia, como o foi para Abel Caballero e para Corina Porro. Caballero e Porro (que como Llaves abandonará a lista municipal por un posto tan cosmético como influente e ben remunerado) apropiáronse da faixa portuaria, utilizándoa como unha pequena república independente ao seu servizo. E Llaves/Chaves sente agora, xa por fin, o mesmo íntimo arreguizo, o calafrío de gozo que asiste aos ineptos e mediocres con poder e moitos moitos cartos na conta. Por desgraza para el esta é a única satisfacción corporal que lle vai permitir a súa catolicísima confesión. Pasar de aí sería pecado.

UN RETRATO EN CINCO FASES

1) O ungüentario bizantino: a lenda di que o operario que o localizou en 2003, nunhas escavacións no Areal, en Vigo, á beira da fonte da rotonda, berrou algo así como: e que fasemos con este calamar? O calamar en cuestión era unha peza de cerámica, unha sorte de ánfora cativa, da que non se localizaran exemplares semellantes en Galicia anteriormente. Con Pérez Varela como conselleiro de Cultura, aquel ungüentario palestiniano marchou para unha exposición no Museo das Peregrinacións, en Santiago. E alí quedou, por desleixo ou polo que for. Vigo seguía ao seu ritmo sen a reliquia. Pero López-Llaves non. De feito converteu a devolución daquela peza á cidade da Oliveira, que se fixo realidade en 2008, na batalla principal do seu labor como voceiro de Cultura da oposición. O ungüentario regresou a Vigo, ao Museo do Mar, pero os vigueses e viguesas aínda non pasaron por Alcabre para miralo.

2) As fotocopias: foi o Rei das Fotocopias e das mil preguntas parlamentarias. Por amolar, con absoluto desprezo pola administración que todos pagamos, preguntouno todo todo e de todo todo pediu copia… Quilos de papeis e documentación que nunca utilizou pero que colapsaron na altura o sistema de xestión da Consellería de Cultura. Fixo do Hórreo unha charanga: ten esa capacidade para banalizar todo o que toca e abaixar moral e politicamente, a través do insulto e a provocación, o medio político no que se desenvolve.

3) Os mojitos: outra das pérolas que lle debemos ao Llaves é a dos mojitos da Feira do Libro da Habana. Acusou a consellería de Cultura de Ánxela Bugallo de sufragar unha inauguración no certame internacional, onde Galicia era a cultura convidada, na que fluían mojitos a tutiplé a costa das arcas públicas. A propia palabra mojito agochaba xa, no seu adivertido significante, unha grave acusación que acabou callando no subconsciente colectivo grazas á teimosía de Llaves e ao noxento e moi calculado amparo informativo de La Voz de Galicia. O mojitogate que destapara Llaves era tan vergoñento e desprezábel como falso. Pero aí quedou, como epítome da manipulación e da falsidade política en tempos de guerra sucia contra o Bipartito. Nesa altura impulsou tamén unha campaña de acoso e derrubamento da Cidade da Cultura (La Voz mediante) que agora, desde que Feijóo chegou ao poder, esqueceu de raíz. Detectou irregularidades en todos os procedementos e organismos dependentes de Cultura. Verqueu lixo, difamou e nunca ningunha das súas acusacións chegou a demostrarse.

4) O inimigo do galego: paréceme miralo, se pecho os ollos, tocado cun sombreiro de augas naquela fóbica manifestación de Great Bosta (GB) en Santiago, detrás dunha pancarta, consternado polo imperialismo lingüístico galego e as agresións constantes ao español. Con el Corina Porro, Carlos Negreira, Alfonso Rueda, Ana Pastor, Rosa Díez e a cúpula de GB. Ese día todos fixeron explícito o seu odio polo idioma de Galicia. Logo el foi estendendo esa mensaxe até levala ao Parlamento. Formando dúo cómico con Pedro Arias montou un circo en defensa dese idioma deostado e aldraxado en Galicia que é o castelán. Tamén en Vigo apoiou unha iniciativa para que o galego deixara de ser a lingua oficial nas comunicacións do concello. O Porto de Vigo, con el á fronte, será sempre Puerto de Vigo e a lingua galega ficará proscrita nos seus dominios. Llaves, por certo, era tamén o que aproveitou o uso, por parte de Bieito Lobeira, do topónimo ‘Galiza’ para montar o cristo nunha comisión e lograr que o expulsaran. Provocar é a súa especialidade, outra non ten.

5) Todo o demais: simpatiza e promove toda canta iniciativa fascistoide aterra na cidade. Presentacións de Hazteoir.org, Vigueses por la Libertad e calquera convivio de confrades, redesmadre, vítimas do terrorismo manipuladas, exaltados antiabortistas, apoloxetas da morte con sufrimento, defensores da familia rouquiana e homofóba, etc… Fáltanos por saber o que pensa do 15-M, pero sospeito que os descamisados e indignados son agora a súa última preocupación. Ten o peto cuberto, un ministerio na sombra e xa lle sobe polas súas longas pernas ese arreguizo pecaminoso, ese pracer de saberse ben situado na inminente batalla polo liderado do PP vigués. Deus vai con el e Feijóo tamén. E acaba de ‘pescar’ a presidencia do Porto de Vigo: un despacho con vistas ao mar ao ladiño dese recheo no que alguén, un día, un operario calquera, ousou chamarlle calamar ao seu idolatrado ungüentario bizantino.

10 Respostas to “Freaking Vigo (O ultra Ignacio López-Llaves ‘pesca’ o Porto)”

  1. confabularionovo Xuño 21, 2011 ás 7:28 PM #

    É o máis normal do mundo escoitar que os escritores galegos teñen chalés múltiples a conta das subvencións, que na escola os nenos non entenden o que se lles explica e que a normativa do galego cambia cada semana. O de “ti contamina, que algo queda”, funciona estupendamente. :S

  2. Montenegro Xuño 22, 2011 ás 6:12 AM #

    Si hubiera nécora madrileña este chico iniciaba una campaña de exterminio de nuestro adorado crustáceo de la ría para substituírlo por el decadópodo capitalino español.

  3. marián Xuño 22, 2011 ás 10:29 AM #

    aínda che faltou lembrar a súa persecución obsesiva das carpas de ‘A cultura Circula’. supoño que debía escamarlle que tamaña cantidade de cartos se lle confiasen a CABO SAM LOURENZO, noutras palabras a Chévere-SALA NASA, a quen debía considerar uns desfarrapados, marxinais, alternativos, irreverentes e ata pode que -igual que o seu compadre Conde Roba- uns filioterroristas. calafríos me entran.

    • franplorenzo Xuño 22, 2011 ás 11:49 PM #

      deuses, menos mal que teño memoria selectiva para o malo, non me lembraba da súa campaña contra A Cultura Circula ;-(

  4. aser mendez Xullo 16, 2011 ás 11:58 AM #

    chaves non é católico aínda que o queira ou se disfarce diso.

    con respeito ao video….eu son un antifascista que cre na familia(a tradicional,claro).
    as imaxes e as palabras mesturadas enganan….hai truco, hai trampa.
    Imaxina un grupo nazi defendendo ao lobby gay…..quitarialles ou darialles mais razon a estes?

    ai, que coidado hai que ter coas imaxes….

    • franplorenzo Xullo 16, 2011 ás 3:06 PM #

      por partes
      Ignoro as crenzas reais de Chaves, As que expresa publicamente son católicas, non sei se disfarza ou non, tanto me ten, Non podo xulgar máis que o que vexo, e ver vino en todas as procesións do Cristo da Victoria facendo gala do seu catolicismo e declarando vox populi a súa fe.

      No vídeo non hai truco nin trampa, Non quere significar máis que unha cousa: que o discurso arredor da familia tradicional e dos supostos valores que esta comporta non variou desde o tempo do franquismo até hoxe. Os parlamentos son exactamente os mesmos.

      Eu tamén defendo a familia, Defendo que cada un monte a súa familia como queira e como poida, Defendo a suprema liberdade de decidir. Defendo que familias hai miles e que non hai unha expresión sagrada nin recta das unións familiares, como defende a Igrexa.

      A propia expresión lobby gay delátate. Que carallo é o lobby gay? Non hai ningún lobby gay, só xente que loita para que non a discriminen e responde co seu orgullo aos insultos desta caterva de intolerantes.

      • aser mendez Xullo 17, 2011 ás 11:17 AM #

        sobre o lobby gay hai bibliografia abonda-non acostumo a discutir sobre categorias.E hai datos económicos.Son reaccion organizada,meu rei.Recorda o poema de Lorca.Orgullo biolóxico,como os nazis.Non falo de quen ama a alguén do seu mesmo sexo. Falo dos desfiles,da chabacanaría,da parafernalia,que degradan o amor mesmo.
        Resulta que estou na caterva de intolerantes pq lles nego a condicion de “matrimonio”? Quen lles nega o ser union ou enlace cos seus dereitos? O que se ten que negar é que as cousas que son diferentes se chamen igual,e as que son iguais se chamen de forma diferente.De que me delato coa expresión? De sentido

        común?

        comun

        común?

  5. aser mendez Xullo 17, 2011 ás 11:32 AM #

    Fran: se defendes calquer tipo de familia, enton non defendes ningunha.O Estado Moderno(NON A IGREXA) decidiu que a union relevante(matrimonio civil) se rixe por:
    1 ser heterosexual 2 ser monogámica 3.non endogámica
    Isto deixa fóra da lei a que pais se casen con fillas, proscribe a poligamia,etc.
    Fóra de lei non quer dicir fóra da existencia-nin sequer da existencia dentro da lei,aínda que distinta(a lei).O Estado non pode recoñecer como matrimonio en base só nos afectos.Pode haber trampas: Imaxina dous irmaos:que un teña salario e outro non.Que este coide trinta anos ao primeiro por estar enfermo.Que ao morrer o asalariado, o coidador non teña dereito a nada.

    Imaxina que son un ricacho bisexual a punto de palmala.Cébome sexualmente a cambio da miña paga vitalicia.
    Amifo:

  6. aser mendez Xullo 17, 2011 ás 11:34 AM #

    amigo: as promesas teñen que ter a condicion de permanencia, e proba diso son os fillos(si, as fillas tamén).O resto é cair na noite en que todos os gatos(e gatas)son pardos.
    Mándoche o anaco da Oda a walt witman(este non ia ao desfile do orgullo gay)

    Por eso no levanto mi voz, viejo Walt Whítman,
    contra el niño que escribe
    nombre de niña en su almohada,
    ni contra el muchacho que se viste de novia
    en la oscuridad del ropero,
    ni contra los solitarios de los casinos
    que beben con asco el agua de la prostitución,
    ni contra los hombres de mirada verde
    que aman al hombre y queman sus labios en silencio.
    Pero sí contra vosotros, maricas de las ciudades,
    de carne tumefacta y pensamiento inmundo,
    madres de lodo, arpías, enemigos sin sueño
    del Amor que reparte coronas de alegría.

    Contra vosotros siempre, que dais a los muchachos
    gotas de sucia muerte con amargo veneno.
    Contra vosotros siempre,
    Faeries de Norteamérica,
    Pájaros de la Habana,
    Jotos de Méjico,
    Sarasas de Cádiz,
    Ápios de Sevilla,
    Cancos de Madrid,
    Floras de Alicante,
    Adelaidas de Portugal.

    ¡Maricas de todo el mundo, asesinos de palomas!
    Esclavos de la mujer, perras de sus tocadores,
    abiertos en las plazas con fiebre de abanico
    o emboscadas en yertos paisajes de cicuta.

  7. franplorenzo Xullo 17, 2011 ás 6:33 PM #

    acho que tés un problema por resolver

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: