Norway, twelve points/La Norvège, douze points (ou o xornalismo que ha de vir)

20 Jul

Bato no Faro de Vigo cunha interesante entrevista a Iván Rusdal, director administrativo dun dos principais grupos xornalísticos noruegueses, Jaeren Avis. O retrato que fai Rusdal é o dun país desenvolvido, saneado e próspero, no que o salario dun xornalista anda entre os 50.000 e 60.000 euros brutos. A situación da profesión en Noruega asimílase á dun Estado que, fóra do euro, observa a devacle económica do continente coa mesma xélida calma do mar que remansa nos seus fiordos. A expresión desa estabilidade cífrase nunha prensa maiormente local, moi atomizada, que cumpre a súa función con efectividade, rigor e beneficios no seu balance de contas a final de ano.  Non é pouco.

Supoñer a independencia dos medios de comunicación noruegueses é moito supoñer pola miña parte. Pero a súa feliz realidade permíteme, por contraste, propor un siloxismo moi de andar pola casa, que atinxe á dependencia dos medios galegos e españois do poder político, das súas subvencións e prebendas. E o siloxismo di así: “Todos os medios en Galicia e España son a expresión dun determinado poder político//O poder político sofre unha crise descoñecida de solvencia, credibilidade e autoridade//Logo os medios de comunicación expresan esa mesma fractura e sangran pola mesma ferida”.

Hai tempo que as redaccións, aquí en Galicia, tamén no resto do Estado, se converteron nun campo de minas. Adepende onde pises saltas polo aire. Ou non. E por iso ninguén se move nin dá pasos en falso. Os estouridos/despidos chegan depois de anos de precarización e rebaixas salariais, deprezamento dos produtos e do propio traballo. Ameazada como anda a liberdade de expresión, as condicións laborais minan, nunca mellor dito, o resultado, a información, a cada volta máis contaminada pola publicidade e pola excrecencia verbal dos despachos e gabinetes, pero tamén a propia linguaxe informativa, desvalorizada, deturpada, atrapada  no bucle da rutina, o autobombo e a espectacularización dos feitos… A absurda pretensión de competir coa televisión, en banalidade e frescura icónica, e coas webs, en inmediatez, está a convertir a prensa escrita nun híbrido deforme, un estarrecedor e irrecoñecíbel Frankestein, sen os atributos de tenrura e humanidade que Mary Wollstonecratf Mary Shelley deitou no seu monstro.

Fóra das tendencias globais, da deriva desta nosa profesión (pendente aínda dunha severa e necesaria autocrítica, hoxe inexistente), da pugna un pouco absurda entre o papel e o dixital (dedicamos horas e horas a falarmos dos continentes pero nada sobre os contidos), o único que teño un pouco claro é o que os medios do futuro deberán adaptarse/mimetizarse co seu soporte leitor: o seu contexto/área/público/país. Paréceme que esa proximidade non ten por que ser reductora nin restarlle ambición ao proxecto que for. Acho que hai distintos niveis de achegamento á realidade, coma na escala do Googlemaps, e que todos os zooms son válidos e necesarios, segundo o que se procure, porque achegan novas perspectivas. E unha cousa máis. Ese proxecto terá que ter en conta un aspecto moi principal: a xente.

Acabouse facer xornais sen contar coa xente. Asistimos, eu creo, á fin dunha prensa que, ultimamente, xa só utiliza a xente como coartada, fornecedora de historias, caretos, planos recurso dun relato que en moitas ocasións está fóra do control de quen escribe e de quen le, ao servizo dun ente superior. As redes sociais outorgan esa aparencia participativa pero non se trata diso, ou non só diso. Ningún medio do futuro creo que vaia sobrevivir como expresión dun poder ou dunha facción político-empresarial (Aznar/Murdoch/News of the World vs. The Guardian/Prisa). O futuro está na alianza e no pacto indestrutíbel co lector e en alimentar esa confianza, día a día. E que os medios sexan, realmente, unha extensión de nós/lectores/traballadores da prensa, unha verdadeira expresión da saúde de democracia, e non o refluxo gástrico dos poderosos nin unha coartada, un soporte publicitario para manipuladores e demócratas.

4 Respostas to “Norway, twelve points/La Norvège, douze points (ou o xornalismo que ha de vir)”

  1. Lupe Ces Xullo 20, 2011 ás 7:00 PM #

    Por artigos coma este é polo que che escribim no facebook para falar contigo do Foro Social de Ferrol Terra. Seguimos agardando a tua resposta. Umha aperta.

  2. Dores Asorei Xullo 20, 2011 ás 8:14 PM #

    Estupendo Fran!
    Clariño , clariño .
    Falta fai que os xornalistas faledes alto e claro, e traballedes con “luz e taquígrafos”, como fas ti niste estupendo artigo.
    Parabéns!

  3. Xullo 23, 2011 ás 11:03 AM #

    Coma sempre. Xa non teño que seguir buscando, xa ti atopaches as palabras xustas. Gustaríame/quero pensar que será así, que os xornais serán algún día para os lectores pero… cousas do meu carácter, non estou demasiado optimista.

    • franplorenzo Xullo 23, 2011 ás 12:22 PM #

      Mó, é que non hai para ser optimista, non hai de onde sacar, hai que inducilo, optimismo inducido, témome😉 o carallo é buscarlle a aplicación práctica a estas ideas ;-I

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: