Velaí a vencedora do 20-N

1 Aug

O 20-N xa deixa ver a súa crista griseira, coma lombo de rata, polos confíns do calendario. E sobre esa chepa electoral debúxase a faciana cinsenta e mortuoria da que é, para min, a gran triunfadora destas dúas lexislaturas: a Igrexa Católica. Nin os avances da sociedade nin da lexislación do Estado español nos últimos oito anos minguaron unha miga o seu imperio nin os seus privilexios. A súa voz -a da Confererencia Episcopal, do Opus Dei, do Foro da Familia e outros lobbys relixiosos ultracatólicos- chega hoxe a todas partes, con forza renovada, acrescida polos altoparlantes que lle procuran os medios de comunicación da extrema dereita españolista e outras plataformas virtuais que, baixo o disfrace de iniciativas populares, combaten calquera saudábel expresión de laicidade. Ninguén se atreve, polo visto, a coutar a súa tétrica mensaxe de intolerancia. Ninguén o fará, pase o que pase o 20 de novembro.

Con desgusto saio estes días ás rúas de agosto, un fervedoiro de monxas en hábito azul eléctrico, novicias lívidas e abrigadas, saias de felpa, cruces de madeira, sotanas, boys-scouts a entonaren himnos relixiosos, peregrinos alucinados e pregoeiros da fe. Parece que o Papa non marchou ou que o seu rastro fica, adherido, ás paredes desta tumba en 3D que é Santiago.

Nesta cidade-lousa na que os curas aplican unha omertà chamada “segredo de confesión”, onde os coengos da Catedral, o arcebispo e o deán viven extramuros da lei e das obrigas mundanas para co Código Penal, observei este día como a presidenta dun Parlamento, Pilar Rojo, bicaba o anel de Monse(ñor) e pedía a intercesión do Apóstolo para amañar problemas de índole tan humana, e de tan pouca competencia celestial, como a violencia machista e a crise económica. Aquilo da separación Igrexa-Estado quedou lá, na Revolución francesa.

Coa salvífica distancia que dan centos de quilómetros da Vía da Prata, vin tamén como en Mérida, nun festival de teatro, as presións dun grupo radical ultracatólico -impulsadas pola nova Junta de Extremadura, en mans xa do Partido Popular- lograban vetar unha fotografia da exposición Camerinos de Sergio Parra. A liberdade de expresión vulnerada unha vez máis en aras dunha indignación que, ao parecer, pesa máis que calquera 15-M na vontade dos nosos políticos.

Agora volve o Bieito XVI a Madrid, a unha concentración de cachorros da fe católica. O mesmo discurso obsceno do gasto cero, idéntico derroche suntuoso a costa dos contribuentes e a previsíbel suspensión da cidadanía. O cardenal arcebispo de Madrid, monseñor Rouco Varela, xa dixo que esa mocidade á que Ratzinger quere se dirixir ten unha “experiencia moral, relixiosa e ética baixo mínimos”. Tanto ten. Non cesan de insultar, de discriminar, de arrogarse a capacidade de sinalar o que está ben e o que está mal. Zapatero non puido con eles, aínda que socavara os alicerces do seu poder. Ninguén, quen veña, irá máis alá. Loitar como loitamos para que a relixión católica non invada a leira do público é o síntoma máis claro do noso atraso como Estado pero tamén un estímulo necesario na defensa dunhas liberdades -o ensino laico, a liberdade sexual, a liberdade de expresión, a  liberdade de conciencia, o dereito a  unha morte digna, o dereito ao aborto, o matrimonio gay, etc…- que á volta do 20-N, moi probabelmente, teremos que re-conquistar contra a suprema e tiránica vontade da Igrexa Católica.

15 Respostas to “Velaí a vencedora do 20-N”

  1. aser mendez Agosto 1, 2011 ás 11:08 AM #

    vaiamos con kant: a miña liberdade acaba onde comeza a dos outros. Eu estou contra o aborto, a denominacion de matrimonio gay,e a propiedade privada-e a favor da igrexa católica.O xogo democrático é que o meu rival me deixe expresar sen insultarme.Pódese ler a tese católica sobre a homosexualidade:comprension.Pódese ler a musulmana:cabezas cortadas.Se non se parte da existencia do outro non hai liberdade posibel.Non vexo progreso ningun en dispor da vida dun feto.Vexo un rexime(o capitalista) que crea a situacion de abortar: o sistema económico é o que dicta quen vive e quen non-xa o sinalaba marx.Tm hai literatura marxista abonda sobre a homosexualidade(tachada de dexeneracion).Eu creo que atacar á igrexa católica(na que viviu e morreu Bóveda) é non saber da misa a medias.Xa non falo de irlanda,de james O´connolly…zp fixo un traballo exquisito coa Banca.Tivo ocasion de facer unha banca

    pública e denegar axuda á especulacion financieira.Iso de socializar as perdas e privatizar as ganancias é conto vello.Non se pode servir a dous amos:ao diñeiro e á divinidade.
    Os católicos estamos en somalia.Os progres,facéndolle a corte ao Kapital

    • franplorenzo Agosto 1, 2011 ás 12:04 PM #

      non preciso nin a comprensión nin a compaixón da Igrexa Católica. Só quero que deixen de insultarme e faltarme ao respeto. E que non metan a súa doutrina en asuntos que non admiten doutrina, como as unións civís de persoas adultas. Se ti non lle qués chamar matrimonio, non llo chames pero non queiras convecerme de que non o é, faz favor. Os que pisan a miña liberdade son eles, eu non. O artigo de catrocentas liñas que mandaches elimineino porque sinceramente creo que non pinta moito nesta caixa de comentarios. E por favor non pretendas evanxelizarme máis, tío, que xa o tentaron moitos anos e non o conseguiron.

  2. aser mendez Agosto 1, 2011 ás 5:06 PM #

    creo que “tio” non é un termo cortés.
    o artigo non era meu. era dunha revista sobre a igrexa en somalia.
    nunca pretendo evanxelizar-nin a ti nin a ninguen.

    xa somos grandiños

    saude

    • franplorenzo Agosto 1, 2011 ás 9:45 PM #

      tío non é descortés, é coloquial. non lle chames evanxelizar logo, se non qués. Dito doutra maneira, non pretendas que trague cos insultos que sobre min e sobre moita xente verque a Igrexa Católica e que os asuma como dogma de fe ou como humanísima comprensión e tolerancia. Obrigado

  3. monte carmelo Agosto 1, 2011 ás 7:29 PM #

    Sr. Aser Mendez:
    Hai no seu comentario algunhas historias que non entendo.
    1º A liberdade de un acaba onde comeza a dos outros. Eu estou a favor do matrimonio gay e non creo que invada con eso a liberdade de ninguén.
    2º A tese catolica sobre a homosexualidade: comprensión,,,? Comprensión de que?
    3º Di vostede que hai literatura marxista abonda que tacha a homosexualidade de (dexeneración) pero tamén tacharon de sacrílego a Copérnico e séculos despois pediron perdón… Cando será o día que lles pidan perdon aos gais por tanta difamación vertida por todos os Roucos do mundo?

  4. cocó Agosto 1, 2011 ás 10:39 PM #

    Aser
    que é logo o que atopas un xusto equilibrio de liberdades? Que os homosexuais leven as súas relacións “de xeito discreto”, sen manifestacións públicas de afecto para non ofenderen aos que non o entenden? Porque coido que as cousas para a Igrexa van, con moita sorte, por aí.
    Eu casei nunha voda civil e ninguén cuestiona que o meu sexa un matrimonio. Deus tampouco tivo nada que ver nel. Non entendo por qué sería distinto se chego a casar cunha muller.
    Ti cres que encaixa máis no concepto católico e tradicional do matrimonio a terceira voda dun ultracatólico redivorciado? Porque desas hai moitas e non vos oio dicir nada

  5. aser mendez Agosto 2, 2011 ás 9:25 AM #

    a cocó

    mudar “matrimonio” por “union” acabaria con todos os problemas xurídicos-entre o conxunto dos estados. Nos paises democráticos(agás catro ou cinco,españa incluida) asi o fan.

    a monte carmelo

    Estamos condenados a que toda determinacion sexa negacion.Defender a familia

    tradicional non leva a condenar nada.Outra cousa é que implique unha incoherencia semántica noutro enunciado.Remitote aos tipos de xuizo, de kant.

    un saudo,e desculpas por acaparar espazo

    • Marco Sende Agosto 2, 2011 ás 3:16 PM #

      A verdade é que a túa desinformación é case tan preocupante coma o teu ideario. Non so te equivocas cando listas en “catro ou cinco” os países onde o “matrimonio” entre persoas do mesmo sexo é recoñecido, senón que omites todos aqueles onde ten validez a nivel estatal/municipal así como todas as nacións onde non sendo levado a cabo si é aceptado.

      Respecto ao que falas da familia “tradicional”. Pois mira, eu a verdade é non che sei que é iso. Se entendes tradicional como habitual ou usual, para moit@s de nós consistiría en ser criad@s por nosas nais e nosas avoas e ter a nosos pais faenando nalgún caladeiro far far away from home. Da consigna de “defender” á familia mellor xa non facer comentarios. Ese slogan xa está un pouco manido a estas alturiñas da vida. Dálle coa teima. Defender de que??? Éche o mesmo conto que aquilo de defender ao castelán.

      En fin, tío, antes de acabar con eses problema xurídicos dos que falas (e que nada incumben á institución á que profesas CEGA devoción) habería que acabar con outros problemas, sobre todo os de índole mental. Solucionar o da homofobia sería un bo comezo.

      • franplorenzo Agosto 2, 2011 ás 10:36 PM #

        subscribo totalmente, Marco

    • ARACELI Agosto 2, 2011 ás 5:48 PM #

      Eu creo que a liberdade dos outros non pode anular a de ninguén porque deixaría de ser tal. Non creo que a liberdade de un acabe cando comeza a dos demais; en todo caso, teñen que coexistir o máis harmonicamente posible.
      En canto a denominar “matrimonio” ou “unión” á de dúas persoas do mesmo sexo é unha cuestión só de terminoloxía. Non sería tan traumático cambiar unha palabra por outra se non houbese outro problema de fondo, que é a non aceptación da mesma por parte dalgúns sectores da sociedade e a non equiparación deste tipo de unión -igual de “sagrada” e respectable- á heterosexual.

      • franplorenzo Agosto 2, 2011 ás 10:40 PM #

        as palabras importan, e moito, Na lei máis aínda, Dous estatus legais son iguais se se denominan igual, soamente, Ser iguais é chamarse igual.

  6. Xulia Agosto 2, 2011 ás 10:26 PM #

    Deches na diana, Fran, coma sempre. E a inmediata reacción así o confirma. O PP é o brazo político da igrexa católicaapostolicaromana española, a máis rancia de Europa e a máis agresiva. Levan décadas esperando o momento de recuperar o que consideran de seu, e o farán esta vez “sen complexos” (Aznar dixit), se o 20N llo permitimos. Xa veremos…
    Magnífico artigo, tío!

    • franplorenzo Agosto 2, 2011 ás 10:49 PM #

      Xulia, en realidade parece que vivimos sempre en liberdade provisional, que o que desfrutamos non é porque nos pertenza ou porque o gañaramos senón porque a igrexa e a reacción permiten/toleran, en rexime de usufructo, o exercicio desas liberdades. Até que eles o decidan, claro, e procedan á súa abolición. O momento no que vivimos parece ese, o momento no que eles deciden que xa abondou. Pensabamos que era nosa a liberdade, pero ai, era prestada… Un bico grande e duro con eles!

      • ARACELI Agosto 3, 2011 ás 9:36 AM #

        Por suposto que as palabras son importantes, a todos os niveis da vida, e no ámbito lexislativo, moito máis. Pero para min non debía de haber xa diferenzas terminolóxicas entre os distintos tipos de unión, sexan de feito ou de dereito, homosexuais ou heterosexuais.

  7. Marga Romero Lorenzo do Val Agosto 4, 2011 ás 6:54 PM #

    A lei vai por un lado e a igrexa católica por outro, o malo é que mentres se dan aulas que falan do sentido da liberdade e do seu significado, tamén hai aulas de relixión católica no ensino público que van en contra desta liberdades… É dicir defenden o que está fóra da lei. Aínda non é doado ser homosexual e alumna,-o, ser homosexual e profesor,-a. Entre outras cousas pola ben levada transición política que sempre foi da man da santa igrexa.
    É unha sorte poder seguir este País en Lata.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: