Antes tiñamos un país e agora temos unha marca (Fraga, o Cristo da Vitoria e a Triple A)

9 Aug

A paranoia economicista invádeo todo e xa se filtra en calquera espazo das nosas vidas coa máis absoluta impunidade. Este luns, por exemplo, na primeira do Faro de Vigo din en ler o seguinte titular:

Ventábase que o luns había de ser un luns negro, así que interpretei que o Cristo, en máximos históricos, era o cristo financeiro da prima de risco e da caída dos valores da bolsa. Que o cristo alcanzara un punto de non retorno, que nos situaba ao abeiro da intervención. Pero non. En realidade falábase do fervor relixioso, ou do costume vigués de saír de paseo, o primeiro domingo de agosto, diante ou detrás dunha talla barroca. Faise con morosa indiferenza e cunha caótica particularidade que alucina aos foráneos e xentes  pías d’alén do Padornelo e da Canda: que tamén se pode procesionar pola mañá, sen imaxe de por medio, cando non hai xente, e mesmo así, ese percorrido de flâneur á súa bola puntúa igualmente na bolsa de valores da fe católica.

O exemplar dese día do Faro de Vigo era un antídoto contra a cidadanía, un solimán altamente tóxico para a leitora galega de a pé. Deses que che fan preguntar: en realidade, queremos xornais en papel? Si, para chorarmos por eles cando desaparecen… Ou para saber no que non se debe converter un medio informativo. Cinco, seis páxinas a glosaren a procesión do Cristo da Vitoria (aka. Cristo do Sal); catro-páxinas-catro sobre os touros en Pontevedra, orladas de bandeiras rojigualda e de políticos do PP degustando o soño da españolidade nun couso galego; e dúas ou tres páxinas da festa do Albariño, esa rancia procesión civil, pródiga en capas ridículas, rituais horteras e demodé, missesespaña, xornalistas do réxime, presentadoras de televisión e, si, políticos do PP, a estragaren o bo nome do viño galego máis internacional.

Nesa insufríbel pantomima estival, que para se dotar dun pouso culto e galeguista utiliza, como coartada, a participación hai cincuenta anos de Álvaro Cunqueiro no festexo, faltoulle desta volta un ingrediente no que cristaliza a obsolescencia programada do evento: Manuel Fraga Iribarne aka. O Ausente. Así rezaba o Faro de Vigo:

Pese a la ausencia física del Gran Mestre de la orden cambadesa, su presencia se dejó sentir más que nunca, pues el que sin rubor proclamó más de una vez que “el albariño es el mejor vino del mundo, y punto”, estuvo muy presente en los discursos.

El mejor vino, y punto! La calle es mía, y punto! Al paredón, y punto! Molan os demócratas de toda a vida que rematan as súas frases con “… y punto!”. Núñez Feijóo, o casado con Galicia, tivo que suplir como puido o déficit de democracia na Festa do Albariño, e pesaroso pola mutis inédito do Gran Mestre da orde cambadesa, lanzou ao aire límpido do Salnés un panexírico que era, en realidade, un desmentido do estado comatoso do ex ministro de Franco.

A esas horas, cando as redes sociais especulaban xa co temido, por desexado, deceso do tirano/demócrata, o idem saía rodando moi oufano cara á celebración da Santa Misa nunha capela de Madrid. El Mundo retratou o patriarca baixo un fresco panamá, con ostentoso calcetín branco e camisa azul (non da Falanxe), impertérrito, documentando graficamente a eternidade da ditadura e a rexa saúde dun franquismo que nunca acaba de morrer e que revive día a día, con abraiante e orgullosa actualidade.

A estampita de Fraga resucitado bateu nas páxinas web da xornada cunha rechamante declaración de Barack Obama: “Estados Unidos sempre será un país triple A“, en referencia ao deprezamento da débeda ianqui por Standard & Poor’s. Eu, porén, escoito Triple A, e só me vén á cabeza a Alianza Anticomunista Argentina, a Triple A, o grupo terrorista de ultradereita que, entre os anos 1973 e 1975, acometeu 1.500 atentados e asasinatos, e cuxo xefe de organización, Rodolfo Almirón, foi, tacháaaan, segureta e gardacostas de Manuel Fraga Iribarne, alá por finais dos setenta e principios dos oitenta, vencello polo que Don Manuel, creo, nunca chegou a declarar.

“Con lealtad y unidad pasaremos esta crisis albariña (sic) y también cualquier otra”, aseveró Feijóo, seguro de que “el Gran Mestre volverá para librarnos de este desconcierto puntual”. Como para impulsar la “defensa de Galicia y España”, Feijóo pidió “adhesión” para “hacer crecer la marca Galicia por el mundo”.

Pregúntome eu: se a non comparecencia de Fraga nun convivio gastronómico provoca un “desconcerto puntual”, que non pasará cando morra de vez? Xa me tarda sabelo. Bo é que, para o resto, temos o Gran Mestre en funcións, Núñez Feijóo, o que vive unha sempiterna lúa de mel con Galicia. Que dixen? Galicia? Sorry, quería dicir Marca Galicia. Porque se antes tiñamos un país, agora o que temos é unha ‘marca’, unha marca branca. Igual que na viñeta de El Roto.

E así fai Feijóo todos os días, co seu esforzo e cunhas tesouras tan grandes como a súa ambición política: substitúe Galicia pola Marca Galicia. Onde había un país hai agora un produto barato, sen etiquetas, competitivo no mercado global, a prezo de custe; unha ganga de país que nin país é, algo que se parece a un país pero que definitivamente non o é. Ou si, agarda, un país que se parece moito a España, pero á España de Franco e Fraga Iribarne: touros, procesións de Cristo, bispos, capas, mantillas, coros e danzas, nacionalismo español, pobreza e esta demoledora sensación de falta de democracia.

6 Respostas to “Antes tiñamos un país e agora temos unha marca (Fraga, o Cristo da Vitoria e a Triple A)”

  1. ARACELI Agosto 9, 2011 ás 12:45 PM #

    Redondo!!! Non hai nada que comentar, só eloxios e aplausos.

  2. aser mendez Agosto 10, 2011 ás 8:39 AM #

    moi bo o de “casado con galicia”… ao xeito dunha evita peron diglósica…..

    no das procesions,xa sabedes que hespanha é unha cousa rancia….o papanatas
    de Caballero coa variña……a parafernalia institucional….ninguén o obriga a ir.

    eu prefiro
    a do san roque na miña aldea, ou a de Croag Patrick ( Cruach Phádraig) en irlanda…..

    éche ben distinto rezar nese monte santo

  3. lavane Agosto 10, 2011 ás 1:49 PM #

    Fran, pero por que queres comprobar o que se sentiría sen estarmos baixo os efluvios do Gran Mestre do Alvariño se todo vai mellor cando Don Fraga Iribarne se pasea cos seus calcetíns brancos por Madrid? É que tes mal xenio, home, non ves que agora que vai vir Rajoy xa todos vamos ser o mesmo país e non nos vai facer falta nin sermos unha marca branca? Coitadiño de ti, que sempre andas coas mesmas lerias…. Espanha, unha grande, libre e cristianísima, así é como debe ser…. Eche ben certo que prefiro vivir no mundo de ‘El origen del planeta de los simios’ e ser un César liberado neste país de monos. Perfecto, Fran. Beizóns e bicos.

    • franplorenzo Agosto 10, 2011 ás 6:14 PM #

      cala, cala que os cristianísimos da JMJ xa invaden Compostela coas súas bandeiras españolas e os seus cánticos. Será un anticipo do que nos agarda? Que preguiza!! Un bico grande

  4. xavier Agosto 15, 2011 ás 9:30 AM #

    Grazas Fran pola clarividencia. Só unha mínima chamada de atención para adiar o pesimismo. O que nos agarda está tamén nas nosas mans, nos nosos cerebros, na nosa capacidade de acción. Non vou facer apoloxía da sabotaxe, mais… A resistencia non é algo non que non sexamos expertos. En canto aos calcetíns brancos e a camiso azul con sombreiro de palla, que queres…un disparate estético. Apertas de irmán

  5. marián Agosto 15, 2011 ás 12:24 PM #

    brutal de necesidade. un triple 10. vivan @s valentes e librepensantes. muito obrigada máis unha vez.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: