Ofensiva fe (O Deus de Bóveda e o Deus de Rouco Varela)

19 Aug

Todo é ofensivo. É ofensivo o contido das súas diatribas morais, a condea rabiosa do que nos pertence, case o único que nos pertence xa, e que debera ter carácter sagrado: as liberdades civís. Ofenden as formas impositivas e irrespetuosas coas que a Igrexa  traslada hoxe a súa secular mensaxe de odio. Son irrespetuosos á vez eses sintagmas falsos e absolutistas que estes días bombardean as nosas casas: los jóvenes, la juventud… Non é certo. Non son os mozos, non é a mocidade… É unha xuventude manipulada, seguramente ignorante, falta de lecturas, de experiencias, fanática por tradición, alleada, conservadora e ridícula no seu fanatismo, violenta mesmo sen saber a quen agrede e a quen manca.

“Me ha mirao, el Papa me ha mirao, es muy grande lo que siento, no se puede expresar con palabras…”. Flipan coa benzón express desde o Papamóbil. Cativos arrastrados polo aparato mobilizador das parroquias católicas, expostos ao verán de Madrid, co cerebro recocido pola calor e por anos de lavado/centrifugado relixioso en escuras escolas, sectas e congregacións. Vontades anuladas en aras dun espectáculo triste, deshumanizador. A fe convertida nun convivio de masas, unha idolatría, algo indecoroso, impúdico, banal… Rosarios, hábitos, confesionarios na rúa de todas e bandeiras de España, máis bandeiras de España, como se o nacional-catolicismo de Franco subministrara aínda o maná que alimenta a pervivencia dos seus mitos.

Ofensivo o gasto millonario dunha visita papal que só é unha demostración de forza, un desfile militar que marcha baixo a máis mortífera das armas de destrución masiva: a cruz. E ofensiva a pleitesía institucional dun Estado aconfesional, que sufraga a componenda mafiosa do Vaticano, a vírica presenza de curas e monxas no ensino, as prebendas do gran inversor inmobiliario que fala en nome de Cristo pero que especula coa habelenza dos mercaderes. Ofensiva a suspensión da cidadanía, da liberdade de expresión, da liberdade de circulación, do dereito a manifestarse, como xa sucedera en Compostela; a brutalidade policial na defensa do privilexios eclesiásticos, o insulto polo insulto, encriptado nas súas homilías e na súa intolerancia psicótica e malsá. Ofensivas as calugas que se abaixan, os bicos no anel arcebispal, o boato medieval, a carísima parafernalia, a tentantiva de nos convencer de que as visitas de Estado son recibidas sempre desta maneira tan custosa e excepcional. Ofensiva a omnipresenza papal na televisión pública e a persecución da crítica, a proscrición de debate, do pensamento. Ofensiva a súa hipocrísia, a soberbia, o desprezo deliberado.

No tempo dos Tudor, seino pola serie, as relacións entre a Igrexa e o Estado non foran aínda contaminadas por ningún relato hipócrita nin falsamente pío. Había papas e agregados papais que tramaban ao abeiro da corte. E había velenos, coiteladas, complots e obxectivos claros. Prefería aquela violencia expresa, que non a duns teledirixidos peregrinos da fe que reparten hostias e proclaman a súa homofobia con orgullo polas rúas dunha capital sitiada. Cregos, bispos e oficiantes que ocultan a podremia da súa institución -desprestixiada por un humillante historial de maltratos e abusos pederastas– con insultantes e lesivos ataques ás mulleres. Mulleres que fregan, que rezan, que varren, que limpan da mesa as faragullas da Sagrada Forma, que cosen casullas, que bordan durante anos, e que nunca nunca falan por si mesmas. Ofensiva a condea do aborto e esa superoferta de absolución para abortistas arrepentidas, o 2×1 da Jornada Mundial de la Juventud 2011. Mulleres que son depósitos de vida, amas de casa, carne de violencia masculina e nada máis, ás que se lles nega o seu propio corpo, da mesma forma que se lles nega a saúde e a dignidade aos afectados pola sida, ou se quere recluír a homosexualidade nunha listaxe de enfermidades mentais.

Cando ás veces, moi poucas veces, sinto que o meu retrato desta ofensiva fe católica puidera resultar inxusto ou desproporcionado para cos feitos, penso en Bóveda, en Alexandre Bóveda. E fíxeno máis aínda neste día, coa sombra do papamóbil planeando outra volta sobre as nosas cabezas. Setenta e cinco anos cumpríronse xa do seu fusilamento. Comparo a fe de Bóveda con esta fe. Cando a el o abateron a tiros na Caeira, un 17 de agosto de 1936, seguramente tivo un pensamento para Deus, como cristián que era. E seguramente foi ao seu Deus a quen lle rezou. Ese Deus de Bóveda non é o de Rouco Varela, nunca o será, pero a Igrexa que calou diante do seu asasinato, a que alentou a cruzada aniquiladora do fascismo, a que sacou ao ditador baixo palio, a que non ousou erguer a voz diante dos xuízos sumarísimos cos que se vulnerou a legalidade republicana na altura, a que absolveu os asasinos e os converteu en heroes, esa Igrexa si é a mesma do cardeal-arzobispo de Madrid e de Ratzinger. A Igrexa de Rouco Varela, a que hoxe, en connivencia co decrépito goberno de Zapatero e as aves de rapina do PP, nos fai tragar con Bieito XVI é a Igrexa que aínda non ousou dicir: “tivemos a culpa, ou parte da culpa, e pedimos perdón…”. Esa Igrexa é a que aínda lle reza misas a Franco, a que despreza ao pobo que non atura as súas imposicións e a que, co seu esquecemento deliberado, pisotea a memoria dun cristián galego, nobre e valente como Alexandre Bóveda. Esa Igrexa é a que hoxe, con laica paciencia, padecemos, cos eternos e supremos valores da razón, da palabra e da cidadanía. Contra a súa ofensiva fe.

4 Respostas to “Ofensiva fe (O Deus de Bóveda e o Deus de Rouco Varela)”

  1. isabel Agosto 19, 2011 ás 8:34 AM #

    Te leo de rodillas y te mando mis benciciones….amen

    • franplorenzo Agosto 19, 2011 ás 8:45 AM #

      Bicos laicos desde Vigo, repoñéndome da infección papal😉

  2. Bouzas Agosto 19, 2011 ás 12:47 PM #

    Ofensivo e invasivo. Chega o “Generalísimo” Papa!!!! … e as eleccións son o 20 N…
    Soberbio (por magnífico, non por altivo, que andando a Igrexa polo medio, pódese confundir a virtude co pecado), coma sempre.
    Bendito sexas, Fran.

    • franplorenzo Agosto 19, 2011 ás 6:19 PM #

      e non o perdas, esixe radicalidade na defensa do catolicismo, que se non o negocio acaba… generalísima estupefacción é a que me vén, pola espiña arriba😉 Un bico grande

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: