Baiona experience, o refuxio galego e o presidente non gay

2 Sep

Logo de catro días en Portugal, coa prima de risco a raiar os 800 puntos, regreso á Terra desde a Aldeia do Meco, Sesimbra, e fago unha parada técnica en Baiona. É sábado á noite e o que alí se pode experimentar, alén do evidente superpoboamento de camisas e polos Hackett, Ralph Lauren e La Martina, é un mergullamento drástico no contexto social que propiciará a inminente maioría popular do 20-N. O PP está no aire, da mesma maneira que o recendo salitroso do oceáno e o tintinar engaiolante dos mastros, abaneados pola brisa morna da noite, no porto deportivo da vila. Malgré tout, adoro Baiona, teño que admitilo, e penso decote en regaleguizala por decreto ou reconquistala manu militari para restablecer, de vez, a súa cerna miñorana e mariñeira. Baiona é nosa!

Praia América (aka. Lourido/Panxón), horas máis tarde. Sunday morning. Achégome ao quiosque, á beira do paseo marítimo. Trátase do meu primeiro contacto, en case unha semana, coa prensa española e rexional. O medo ante o inminente mazazo é xustificado, poisque miro sen forzar a vista, e nun lugar senlleiro, esta portada de ABC:

Mariano Rajoy se confiesa en su refugio gallego. Galicia como refuxio no que non pasa nada e ao que pode un pirarse tranquilamente a meditar e desconectar é, desde logo, unha das construcións simbólicas máis teimudas e alucinantes do nacionalismo español. Vénme a cabeza Fran Álvarez, o home de Belén Esteban, que marchou a Galicia (así en xeral, anque Galicia, nesta ocasión, era Foz) cando aquela bronca marital por infidelidade que rebentou o share de Telecinco. Así o contaba a páxina web da canle de Berlusconi na altura:

‘Sálvame’ ha encontrado a Fran Álvarez en su refugio gallego’ (…) Desde que Fran abandonara el domicilio que compartía con Belén Esteban tras las declaraciones de su supuesta amante Arantxa Contreras, el camarero había puesto tierra de por medio y se había refugiado junto a su padre en algún lugar de Galicia. El equipo de investigación de ‘Sálvame Diario’ ha encontrado el lugar donde estaba Fran y ha accedido a contestar a las preguntas del reportero Ion Arimendi.

Desde Galicia, lugar remoto e mistérico, todo se ve desde unha distancia reparadora. Parece que o tempo se parara e que ficara un ao abeiro desa tregua, como se no exterior caíran bombas e isto fora un puto búnker contra todas as ameazas. O malo é cando vives en Galicia seguido e non podes escaparte a ela. Daquela estás perdido, porque para ti non hai Galicia na que refuxiarse. Acabouse.

Pero volvo a Mariano. Alén da contorna boscosa, que deixaría en bragas ao Bomarzo de Mújica Laínez, sorpréndeme ese certo desleixo indumentario do político. O polo e os tenis, sen marcas á vista, son máis propios de Decathlon ou de Alcampo, que dos que adoitaría vestir un veraneante-tipo de Baiona ou Sanxenxo. Milagres da contención do gasto e da tesoura popular, que erguen o bandeira do aforro nuns tempos de crise nos que o cidadán medio por non ter non tivo nin vacacións…

La entrevista más íntima, en realidade, abonda no ton elusivo que se lle supón a un galego que nin sobe nin baixa na escaleira, Rajoy neste caso. Ese tópico, tan querido como sobado, que acaba por completar o estereotipo do individuo de ollada torva, que non se define, traballador, brutote, algo insolidario, amigo-de-sus-amigos, etc… Toda esa merda. Pero velaí que a aguerrida xornalista, Virginia Drake (unha reputada profesional que igual lle fai un libro a Esperanza Aguirre que se introduce na secta ultracatólica dos kikos para lles redactar un panexírico ao seu ditado), pregunta isto coa firmeza e amabilidade que se lle supón a unha española, sen dar voltas, sen enredar, asertiva, directa:

Se casó usted cuarentón y eso le costó no pocos comentarios que seguro ha escuchado: que si le obligaron a casarse en su partido porque un político con futuro necesita una mujer, que si es usted ‘mariposón’, que si vamos a tener un presidente gay… Usted decidió hacer oídos sordos y no entrar en este tipo de provocaciones.

O que responde Mariano nin ten moito interese, algo así como que casou aos 41 anos porque nunca antes encontrara a ninguén con quen el quixera casar e ela casar con el. “Esta es la única razón”, di. Sorprende máis a naturalidade coa que o termo mariposón salta na conversa, por moito que se trate dunha cita encuberta daquel homófobo/chistoso comentario de Alfonso Guerra en 2003: “Rajoy es un poco mariposón”.

Drake e Rajoy falan dos gays e apóñenlles os substantivos provocación (a xornalista) e maledicencia (o político). A conclusión: ser homosexual é un demérito, algo insultante, unha eiva. En realidade, toda a entrevista semella unha coartada para aclarar, de vez, este asunto espiñento e deshonroso. Outra das conclusións é que, of course, nada hai de turbio nin de estraño na prolongada solteiría do candidato. Rajoy, fotografado coa súa muller Viri Elvira Fernández Balboa –El secreto mejor guardado de Rajoy, di un reseso titular- só ten que remitirse ás fotos dos seus fillos. A súa non é unha unión escura nin atravesada e nese sentido poderiamos afirmar que é un matrimonio nada galego, pola luminosidade e firmeza dos seus supostos. Está limpo e sábese perfectamente de que vai: un home e unha muller, xunguidos para procrearen.

Na rede aínda circula aquela xa famosa entrevista de Xavier R. Blanco, a Núñez Feijóo, publicada en agosto de 2007 en El País, na que o entón candidato á presidencia da Xunta, o hoxe casado con Galicia, retratou, en só dúas palabras –Evidentemente, no-, a súa patética condición de homófobo:

P-¿Sabe que se dice que es homosexual?

R.- Sí, sé que hay gente que dice que soy homosexual.

P. ¿Lo es?

R. Evidentemente, no; aunque no tengo nada en contra de mis amigos homosexuales.

En marzo pasado cumpríronse 2.000 días da interposición por parte do PP, diante do Tribunal Constitucional, dun recurso contra o artigo do Código Civil que permite o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, con idéntica denominación, deberes e dereitos. Por algunha razón, Feijóo -o que non ten nada contra os seus amigos homosexuais, nin contra a lingua galega, nin contra a sanidade pública, nin contra o ensino público, nin contra a prensa libre…- fixo explícita a sua adhesión a ese recurso. Algo haberá de escuro, de retorcido, de aveso e de remotamente galego neses matrimonios para que Feijóo queira eliminalos. Cunha pouca sorte, depois do 20-N, se Núñez-Evidentemente NO-Feijóo marcha de vez a Madrid el tamén terá o seu propio refugio gallego, un Bomarzo particular, e alí, afastado do mundanal ruído, arrodeado de “espectaculares robles y pequeños arroyuelos” (Virgina Drake dixit) poderá reflexionar sobre cómo gobernar os cidadáns sen insultar a súa dignidade nin recortar os seus dereitos. A ver se o logra.

3 Respostas to “Baiona experience, o refuxio galego e o presidente non gay”

  1. Bouzas Setembro 3, 2011 ás 9:55 AM #

    Impresionante imaxe a do candidato Rajoy disfrazado de austeridade. A imaxe do futuro: Cospedal “Manostijeras” (Boris Izaguirre dixit) en versión viril -tinte incluido- que algún día lucirá capirote en lugar de mantilla, mentres baixo a túnica morada porta chaps de coiro negro. Nunha mano o rosario e, na outra, a vaselina.
    E mentres tanto nós coa boca aberta! Haberá que ir pechándoa, non vaia ser o demo…
    Benvido Fran!

Trackbacks/Pingbacks

  1. Correspondencia francesa | Contraportada - Setembro 3, 2011

    […] se puede decir de alguien que intenta ganarse la vida juntando letras. De la misma forma lo hace Fran P. Hay días en los que me asalta la duda: es Jabois real o una reencarnación de Justin Bieber con […]

  2. A homofobia sen coartadas e os muchos-amigos-gays « Un país en lata - Novembro 7, 2012

    […] e aínda o fai cun sorriso…”. Falo de Feijóo, o “casado con Galicia”, o que de declarou xa “evidentemente no” gai, o que conseguiu cifrar en só nove palabras un desafío á loxica do absurdo: “no tengo nada […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: