A posibilidade dunha illa (Sangre española e pasión gitana, agora en San Simón)

16 Sep

Entrada actualizada ao pé deste post (*)

Parece ser que o escritor  francés Michel Houellebecq leva un par de meses en paradoiro descoñecido. É magoa que algún literato galego -véñenme agora catro ou cinco nomes á cabeza- non se apuntara, de cando en vez, a estas excentricidades tan rendíbeis editorialmente e nos agasallara co seu silencio voluntario. Voluntaaario dixen… Nin artigos na prensa, nin declaracións, nin comparecencias públicas, nin, xa postos, obra literaria… É verdade, con todo, que para silenciar escritores e creadores en xeral xa temos unha moi aplicada Consellería de Cultura. A Consellería de Roberto Varela recorta pasta para todo o que non sexa a promoción da extravagante e estéril Cidade da Cultura (menos cartos para tradución, para a edición, para os locais socio-culturais, para as artes escénicas, para o audiovisual, para a danza, para as artes plásticas e para calquera tipo de dotación que cheire, é un paradoxo, a cultura). Grazas a ese labor estáse impoñendo neste país, case como unha divisia nobiliar, que podería figurar por riba do copón e as cruces do noso escudo, o lema do aire acondicionado de Fujitsu: El silencio (en castellano en el original). Se en Francia teñen a excepción cultural, pois aquí, en Galiza, temos o silencio cultural. E os disparos que nos van matando pouquiño a pouco son de armas con silenciador. Mátannos pero non se oe nada. É todo bastante civilizado. Ninguén sentiu os disparos pero, chica, empezas a andar e non tropezas máis que con cadavres.

O de Houellebecq vén ao caso por un deses disparos ao aire do Goberno de Feijóo que, en mala hora, acaban por impactar nos cidadáns: calquera galega ou galego que pasaba por alí e que, unha vez morto/a xa non se pode nin queixar. Houellebecq é o autor da novela A posibilidade dunha illa, que xa foi levada ao cine, e que editou para os leitores galegos a tan pequena como valente editorial Rinoceronte, con tradución de Isabel García Fernández. Pois ben, nin a mente enfebrecida e medio psicótica de Houellebecq debeu fabular nunca algo similar á montaxe músico-festiva que a Xunta estivo a piques de autorizar nas Illas Cíes, no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, cuxa xestión lle corresponde, desde xullo de 2008, exclusivamente á Comunidade Autónoma de Galicia.

O que se di unha jarana ou juerguilla española estaba programada para este sábado 17 de setembro, no marco incomparábel dun Parque Nacional galego, con todas as autorizacións pertinentes e os permisos outorgados pola dirección do parque (Flipo!). Un recital do cantante Manolo Tena e do bailarín Rafael Amargo para regar con pasión gitana y sangre española un lugar inhóspito e aburrido, cheo de especies protexidas, gaivotas, camariñas, algas e percebes. Que levante a man aquel que non visitou algunha vez as Cíes e pensou: “aquí parece que falta algo, no sé, unos tanguillos, un poquitillo de carnaval y de alegría, no sé, una mijita de plasma español y zíngara pasión…”.

Todo estaba xa pechado para converter as illas Cíes (neste caso LaCíe) na réplica dun especial televisivo de Murcia qué hermosa eres, cando… voilà, a alguén, alá arriba na Xunta, na consellería de Medio Rural ou noutro sitio, se lle debeu encender a luz á vista das queixas e dixo: “Oes, que ao mellor un concerto privado -do que sacan tajada catro promotores vigueses e a empresa navieira que transporta ao personal ao botellón insular- non é unha proposta moi axeitada para unha zona protexida, por moito que nós mesmos a desprotexamos inflando cada verán a cifra de visitantes…”. Máis ou menos así.

Pero temos ideólogos e políticos, que desfacen este tipo de entuertos. E entón alguén debeu parafrasear, involuntariamente, a Houellebecq e lanzou ao aire: “Unha illa cerca de Vigo? Fai falta unha illa? Toralla non, que é privada, as Estelas tampouco, que non hai onde poñerse… A posibilidade dunha illa… San Simón! Non cambiamos nada, xa está. Os barcos saen á mesma hora do peirao da Laxe, e aínda poden volver máis tarde, que o botellón en San Simón, como a nosa vergoña, non ten límites horarios. Cojonudo, chicos, a San Simón, non hai problema…”. Un disparo ao aire con silenciador e miles de vítimas.

A Illa do Pensamento, outrora da Memoria, non é un lugar sagrado, seino. A música xa estivo nas súas orixes porque San Simón é, ademais, un dos topoi da nosa literatura medieval. Tamén é un lugar no que se recluíron os doentes da peste, un lazareto, e un presidio no que o fascismo torturou e fusilou. Tamén ese arquipélago no medio da ría é onde se entregan, cada ano, os premios de narrativa máis importantes da literatura galega, os Xerais. Non estou, por iso, contra a música nin contra os eventos festivos na illa, nin contra os congresos máis ou menos científicos, pero si me resulta denigrante, como contribuente e cidadán, a conversión dun símbolo da nosa cultura como é San Simón nun chiringo para artistas españois que veñen a Vigo de mariscada; un plan alternativo á imposibilidade das Cíes; un xeito de certificar que a este Goberno calquera cousa lle vale, calquera, con tal de que ‘desactive’ as nosas fortalezas como cultura e nación, esqueza a nosa lingua, conleve beneficios privados e, a poder ser, leve aparellado o adxectivo ESPAÑOL.

———————————————————————————————

* Actualización: finalmente, unha sala de Vigo, El Ensanche, no costado da igrexa de Santiago de Vigo, parace que acollerá o concerto que durante dous días planeou dunha illa a outra, entre a boca e o final da ría de Vigo. Por sorte, a vergoña debeu poder máis, nesta ocasión, cá xestión errática e o desprezo polo que é noso e que nos pertence. Desta volta libramos. Até a próxima e a ver…

(* *) «La organización no descarta que la isla de San Simón pueda acoger en un futuro a ambos artistas, con “mejor planificación que en esta ocasión”, matiza el promotor». (Da noticia publicada na edición dixital do Faro de Vigo do 17-9-2011)

3 Respostas to “A posibilidade dunha illa (Sangre española e pasión gitana, agora en San Simón)”

  1. marián Setembro 16, 2011 ás 8:42 PM #

    margaridas aos cochos! dificil acreditar que tanta necidade teña cabida no noso governo… teñen desvergoña para exportar, aí non fan recortes nin por acaso.

  2. aser mendez Setembro 20, 2011 ás 9:16 PM #

    eu orgullome da cruz na bandeira do meu país.Goebbels odiaba ese signo-f alaba del como o mAIS nefasto da historia…é a antitese da cruz gamada…

    do resto, a colonia ama hespañA…unha peniña….pero resistimos

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: