Canon, edición e autoestima (O ‘Ulysses’ de Joyce si, Os Morenos de Lavadores non)

26 Sep

“Máis que nunca hoxe precisamos de metas ambiciosas que nos levanten a autoestima, como a exemplarmente anotada versión galega dos ‘Sonetos’ de Shakespeare, ou como sería a tradución do ‘Ulysses’ de James Joyce, que non foi considerado como un proxecto merecente dunha axuda para grandes proxectos editoriais por parte das nosas autoridades políticas. Si o foi a publicación de ‘Os morenos de Lavadores’.” (El País. Dolores Vilavedra).

Non fai falta ser un lince en cuestións discursivas ou retóricas para sacar conclusións do parágrafo arriba citado, que extraio do artigo Pintan bastos, publicado por Dolores Vilavedra, na edición do pasado venres de El País. Nese texto, Vilavedra fai unha afouta defensa do libro galego e da necesidade de afortalar o seu futuro. Leo decote as críticas de Dolores Vilavedra e, se ben ás veces disinto do seu contido, sempre as teño en consideración, e sempre as leo, que é o máis que se pode dicir do labor dun crítico literario. Pero vou ao grao. Di Vilavedra que o proxecto de tradución do Ulysses de Joyce -unha “meta ambiciosa” que había levantar a nosa “autoestima”- non foi merecente dunha axuda “por parte das nosas autoridades políticas. Si o foi a publicación de Os Morenos de Lavadores“. Á luz de tal aserto tiro un par de conclusions:

1) Primeira conclusión: hai unha contraposición implícita, que se deixa caír, entre un e outro título. O Ulysses si é relevante, si é unha meta ambiciosa, si ten un valor engadido para o desenvolvemento cultural galego. Pola contra, a publicación Os Morenos de Lavadores, que recibiu apoio institucional, non.

2) Segunda conclusión: Dolores Vilavedra non tivo nunca entre as mans o libro Os Morenos de Lavadores, publicado por Edicións do Cumio, iso seguro.

Sorprendeume nun primeiro momento, que Vilavedra para afortalar a súa tese –a tradución do Ulises é necesaria e relevante, e a administración non dá cartos para ela– tivera que deitar unha semente de dúbida sobre outro título que concorreu igualmente a esa convocatoria de axudas destinada non tanto a traducións como a grandes proxectos editoriais. E que escollera xustamente este título, da longa lista de proxectos subvencionados, para soerguer a súa argumentación, e non outro.

Lavadores -e isto sábeo Dolores perfectamente, que é viguesa- era a principios do século XX un populoso concello rural, berce do movemento agrarista no sur de Galicia, que co paso dos anos, e mercé á sua proximidade a Vigo, que acabou por anexionalo, experimentou un vivo proceso de proletarización dos seus bairros e parroquias. Do Calvario a Cabral, de Teis a Candeán, Lavadores, a única barricada que en Galicia combateu con armas a sublevación militar de 1936, foi, ademais dun caldo de asociacións culturais e obreiras, o berce, tres anos antes, en 1933, do cuarteto de gaitas Os Morenos de Lavadores, un verdadeiro laboratorio de formas e xéneros musicais. Os irmáns José e Manuel Oliveira Blanco, á gaita, e Olimpio Alonso e José Suárez, na percusión, foron os integrantes dun grupo que, a finais dos anos sesenta, inmortalizou o seu estilo e o seu toque en varios rexistros discográficos xa lendarios.

Toda a historia dos Morenos, o seu contexto sociocultural, as súas influencias, as composicións, as particularidades técnicas da súa dixitación e ornamentación, as festas, bailes e romarías que percorreron –desde a viguesa finca de San Roque ao Teatro dos Campos Elíseos de París– e mesmo a súa participación en dúas películas é o que fica no libro-DVD do historiador Xerardo Fernández Santomé e do musicólogo Miguel Pérez Lorenzo. O estudo multimedia compila, en máis de 300 páxinas e nun CD, partituras, vídeos e fotografías que diseccionan exhaustivamente a biografía e o legado deste fito da música galega contemporánea. Decenas de entrevistas e informantes, centos de horas de gravación e unha década de traballo é o que esta detrás deste tocho que, desde logo, non é o Ulysses de Joyce pero que retrata con xustiza o percurso dun grupo que revoltou o canon da música tradicional galega, atraveríame a dicir, da mesma maneira que Joyce o fixo co canon narrativo occidental.

O libro foi recibido con entusiasmo porque dota os estudos sobre a gaita -nun sentido amplo- dunha ollada científica até o de agora case inédita na bibliografía galega, que inclúe ademais perspectivas musicolóxicas, etnográficas e antropolóxicas. E, desde o meu parcialísimo punto de vista (lin e corrixín tres probas anteriores á súa edición definitiva) si é un gran proxecto editorial.

Presentouse no Marco de Vigo o pasado 14 de abril, no 75 cabodano daquela II República que os veciños de Lavadores defenderon coa súa vida. E anque, como o Ulysses, Os Morenos de Lavadores non é un libro de doada leitura -algunhas partes esixen un coñecemento máis que rudimentario da linguaxe musical- aquela serán o público que ateigou o auditorio do museo vigués si soubo que asistía á estrea dun traballo ambicioso. Por fin, depois de moitos anos, alguén do mundo académico, alguén da oficialidade, recoñecía e argumentaba con solvencia o que eles xa sabían con certeza: que Os Morenos eran, máis que un grupo, os depositarios dunha creación cultural única, os cuartetos de gaitas, da que eles, como público e soporte, tamén eran protagonistas destacados. A súa autoestima ficaba así nun lugar moi alto. Nin Joyce, nin Beckett, nin Yeats, nin Flann O’Brien traducidos para o galego e agrupados nun volume profusamente anotado e titulado, poñamos por caso, Airiños do mar de Irlanda, lograrán nunca esa vaga de orgullo entre os nosos.

Agradézolle, en todo caso, a Dolores Vilavedra a súa cita coma quen sobre o libro dos Morenos, porque me permitiu falar dun traballo que por pudor (o meu irmán é, por se alguén non se decatara aínda, un dos autores) nunca, até o de agora, dera en glosar coa importancia e extensión que creo merece. Aire Morenos!

11 Respostas to “Canon, edición e autoestima (O ‘Ulysses’ de Joyce si, Os Morenos de Lavadores non)”

  1. mourullo Setembro 26, 2011 ás 7:10 PM #

    No terreo da autoestima debería estar tamén que a de Lavadores non foi “a única barricada que en Galicia combateu con armas a sublevación militar de 1936”.

  2. Moisés Barcia (@jenofon) Setembro 26, 2011 ás 8:10 PM #

    A rajada da ínclita Vilavedra empeza antes da mención ós Morenos. Unhas liñas máis arriba di que “non sería realista que aspirase a iso [a grandes vendas] un libro coma O vervo xido, sobre a fala dos canteiros de Cerdedo”. Efectivamente, eu, como editor dese libro, publiqueino coa esperanza de que non se vendese nada de nada. A que galego lle pode interesar unha obra sobre a fala dos canteiros podendo escoller a Shakespeare?

    • franplorenzo Setembro 26, 2011 ás 8:49 PM #

      canteiros, gaiteiros… todo en eiro, quen quer tal..? eu nunca entenderei ese indisimulado receo cara ao popular por parte de certas elites culturais. Sinxelamente non o entendo. Unha aperta

  3. noguerol Setembro 26, 2011 ás 9:08 PM #

    xenial!

  4. Calros Solla Setembro 27, 2011 ás 2:16 PM #

    Xideira, xamarúas. En intervo de arghinas todeitos de Riela, desatúo perrea de moi por ghalruada ñurre gharrafada en “El País”. Xiria, arghinas!; rechilo, Morenos!

    Saúde, amigos. En nome de todos os canteiros da Terra, amoso a miña contrariedade pola desconsideración publicada en “El País”. Forza, canteiros!; aire, Morenos!

  5. lector Setembro 27, 2011 ás 5:57 PM #

    A culpa é de quen le a Vilavedra, señoras e señores. Sinto a crueza, pero a pouco que unha se pare, ve ben o que hai nos escritos desta escribidora: nada de nada, tópicos, resumo de lapelas, desprezo co pequeno e sumisión cos grandes.

    Saúde

  6. eloygarcia Setembro 29, 2011 ás 2:31 PM #

    Unha anécdota: na biblioteca da Cidade da Cultura un pode atopar libros canónicos como “aprenda chino en un pispas” (xuro que o tiven nas miñas mans). Iso si é cultura, canon e criterio, tres en un!

  7. Toni Galiza Outubro 5, 2011 ás 8:19 AM #

    Os Morenos de Lavadores,para min o mellor cuarteto de Gaiteiros da historia de Galiza.¡Aire Morenos,Aire!.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: