‘En mi casa se habla…’ (ou a lingua galega como coartada e ben público privatizado)

4 Oct

DESLEIGADO-A adx. Dise da persoa que non garda ningún sentimento afectivo pola súa terra, familia, xente, etc; desarraigado, descastado, desenraizado

(Gran Diccionario Xerais da Lingua).

A coartada utilízaa decote aquela xente, fato de desleigados/as, que despreza a lingua galega ou que non acha nese idioma un vehículo digno de comunicación. E sempre se formula da mesma maneira absurda: “Yo no hablo gallego, pero en mi casa se habla/habló siempre/de toda la vida…”. Tan absurdo como se un político afirmara: “Eu non son honrado, pero a nai que me pareu si…”. Quen así se expresa deixa inferir nas súas palabras, ao meu ver, algún dos seguintes subtextos:

a) O galego é endémico na miña familia. Son portador pero, grazas a Deus, herdeino a través do alelo recesivo. Convivo con ese xen sen máis problemas, pois non se manifesta. Porén, teño varios parentes nos que o galego é dominante e por iso facemos o imposíbel para que non llelo transmitan aos seus fillos. Hemos estado trabajando en ello… todos estes anos.

b) Son político, ostento un cargo público, son responsábel da área de normalización lingüística dunha Deputación… e non falo galego. Problema? Ningunito. Por que? Porque “en mi casa se habló gallego de toda la vida…”. Que significa isto? Pois que xa os meus devanceiros se sacrificaron, xa falaron/falan galego por min. O galego é unha peaxe de por vida, algo incómodo, un lastre, algo que non che permite avanzar na sociedade… Abonda con que esa cruz a levaran os meus pais e os meus avós. Eles eran pobres e atrasados, eu xa non. Eu son requetelista/o e por iso falo castelán e chupo cartos desta institución que me encargou promover o galego. Para lista eu!

c) Desprezo o galego porque son un desleigado/a. O galego é ademais unha negación ontolóxica da españolidade deste país e eu son español/a. Pero ostento un cargo público e isto non o podo dicir en alto ou non desta maneira tan abrupta. A mellor maneira de desprezar o galego, en sendo cargo público, é non falalo nunca ou facelo de xeito litúrxico e avesamente incorrecto. Desprezo tamén os falantes de galego, porque teiman en falalo sempre e negar a miña españolidade, o meu estatus superior. Lo hacen seguido, son un incordio. Por iso os odio: odio o galego e os falantes de galego. Pero isto tampouco non o podo dicir. Así que, en declarando que a miña familia o fala, ninguén pensará que son tan mala besta como para desprezar a meus pais ou os meus tíos da aldea, que si son galegofalantes. Aínda que coas miñas palabras e a miña actitude xa estea a desprezalos de facto… pero esa é outra historia.

d) A liberdade… O galego é unha cuestión de liberdade. Libertad sí, libertinaje no. “En mi casa lo hablan (ellos sabrán por qué…) pero a mí no me dio calado nunca…”. Cadaquén decide. Fóra imposicións. Vive la liberté! É unha opción, o galego é unha opción. Tamén o suicidio. Optar entre a vida e a morte. A que tanto novelo e tanta historia..?

e) Padezo a Síndrome de L’Oreal: moi extendida entre políticos conservadores galegos (PP/PSdeG) de medio pelo (nunca mellor dito) ou melena longa, tinxida, con mechas… Non me sae da cona/carallo falar galego… “porque yo lo valgo”. It’s all I have to say about that.

f) relacionado con d):  estou afectado/a pola Síndrome do amigo gay: medularmente falando son homófobo, odio os maricóns anque por correción política teña que chamalos homosexuais, unha expresión que tampouco non me disgusta, porque circunscribe a este xente ao ámbito médico/científico, de onde nunca debeu saír. Total, odio os gays pero…. tacháaaaan… “tengo un montón de amigos gays..!”. Paradoxal, non si? Ter unha morea de amigos gays (aos que secretamente desprezo) é o que me autoriza a opoñerme ao seu matrimonio, recortar os seus dereitos civís e proclamar a súa inferioridade como cidadáns. Ter unha familia galegofalante é o mesmo: dáche carta branca para desatar as túas condutas máis fóbicas pero salvargadando, ao tempo, a túa honra. O presidente da Xunta é un caso sobranceiro da Síndrome do amigo gay: “No tengo nada en contra de mis amigos homosexuales..”, dixo certo día.

No fondo deste argumentario que latexa no desleigado subconsciente dos nosos políticos e cargos públicos, alenta unha idea que é o síntoma máis definitivo deste tempo popular que nos tocou viver. A privatización presídeo todo. O desmantelamento do público: a sanidade, a educación, a cultura… Todo o que considerabamos sagrado até o de hoxe, porque era público e como público era de todos/as e a todos nos atinxía, agora é privado ou camiña cara á privatización. Tamén o galego. O galego é un ben público, un ben común, que a Xunta de Feijóo teima en privatizar. Pola vía da redución e o acoso administrativo, en primeira instancia, e pola vía da domesticación: o galego é un asunto doméstico, íntimo, o galego volve ás casas, ao carón da lareira, ao lugar, así o cren, do que nunca debeu saír. Domesticar, domear, doma e castración… “En mi casa se habla… pero solo en mi casa”. E quixeran que o galego non saíra nunca de aí, da casa, do mesmo lugar no que fican as miserias ou onde se lavan os trapos sucios, dentro do armario, debaixo da alfombra… Para iso traballa esta xente e, incribelmente, por iso cobra.

11 Respostas to “‘En mi casa se habla…’ (ou a lingua galega como coartada e ben público privatizado)”

  1. (De)mentesespertas Outubro 4, 2011 ás 4:57 PM #

    Boísimo artigo. A comparación co Síndrome do amigo gai é perfecta e contundente. Parabéns.

  2. Manuel Outubro 4, 2011 ás 8:36 PM #

    Moi interesantes reflexións, a cada cal máis acertada. Parabéns

  3. Francisco de Limiar Outubro 4, 2011 ás 9:19 PM #

    Gran artigo, gostei. Parabéns

  4. Montenegro Outubro 4, 2011 ás 9:22 PM #

    Genial artículo, yo tengo una variante que coge un poco de cada: “En mi casa siempre se habló gallego, y no es esa mierda que tú hablas y que te enseñan en el colegio, ese es el gallego de los señoritos, no el que hablaba tu abuelo y que yo sé, pero no hablo porque yo lo valgo, soy libre y di un salto evolutivo. Además, no tengo que hacer el ridículo como esos políticos que lo usan porque no les queda más narices. Ahora bien, no tengo nada en contra de los gallego hablantes ni de los gays, conozco algunos y los dejo vivir, pero que no me toquen los cojones, que se queden en casa, preferiblemente en un cortello. Estamos en España.”

  5. Isabel Outubro 5, 2011 ás 3:13 AM #

    Non sei. Estamos nun tempo de mudanzas onde o cabelo loiro tamen pode ser asumivel para mulleres de esquerdas e no que algunhas mulleres da dereita van tan sobrias como as da esquerda de hai quince anos. E posivel que sexa de afectadas usar o termo gayfriendly,pero eu o extenderia a outras esferas das relacions sociais e fuxiria de termos pexorativos como bifidos, que este artigo acertadamente non usa, e empezaria a ser friendly en xeral no tema da lingua. Haberia que atraer aos proximos que se foron alonxando de algunhas intolerancias para soster sen fisuras a critica acertada a bilinguismos distintos dos dos nosos irmans e ligados ao uso do poder politico e das institucions.

  6. Sr_J Outubro 5, 2011 ás 1:41 PM #

    Genial, parabéns por este texto!

  7. david Outubro 5, 2011 ás 2:54 PM #

    Fran, creo que acae aquí o poema de Chus Pato
    ………………………………………

    PORQUE NON É SÓ O IDIOMA O QUE ESTÁ AMEAZADO

    SENÓN A NOSA PROPIA CAPACIDADE LINGÜÍSTICA, sexa cal sexa o idioma que falemos

    A LINGUA É PRODUCCIÓN, a lingua produce, produce COMUNICACIÓN
    PRODUCE PENSAMENTO, PRODUCE CAPACIDADE POÉTICA, produce ganancia e beneficio, PRODÚCENOS como HUMANOS, prodúcenos como FELICIDADE

    A lingua é PRODUCCIÓN, de aí os intentos do CAPITAL por PRIVATIZAR a lingua, por deixarnos SEN PALABRAS

    ————————————————–

    A LINGUA, calquera LINGUA NO CAPITAL, tende ao esvaecemento, tende a converterse en algo que se consume. En algo que xa non PRODUCIMOS os falantes, senón o CAPITAL, no seu intento de privatizarnos, PRODUCE PARA NÓS

    ———————————

    No CAPITAL os creadores da Lingua, os falantes, pasan a ser CONSUMIDORES; a Lingua, calquera Lingua no Capital, pasa a ser un producto de consumo, o mesmo que calquera outra MERCADORÍA

    ———————–

    LINGUA-SERVIDUME LINGÜÍSTICA
    KAPITAL-KILLER
    ASASINA

    (con Paco Sampedro)

    ……………………………………
    véñenme cousas á cabeza
    -cómeme o xenio demais como para enfiar a xeito un discurso racional
    -esa ira que sinto é un cálculo da/na súa provocación
    -declaracións coma esas, que forman xa coma un continuum nos media (que en realidade xa non son discernibles; como magmas, excrecencias, masas), só poden producirse desde o desprezo
    -o desprezo é a negación da cidadanía, o desprezado non é tratado como un suxeito de dereito
    -o que exerce ese desprezo só pode verse a si mesmo como dono dun poder incontestable no que, de feito, todo cinismo e irresponsabilidade son posibles
    -e todo me leva á constatación de que nos ennovela unha mentalidade totalitaria
    etc

    força e abraço

    • franplorenzo Outubro 5, 2011 ás 3:13 PM #

      quédanos contestar ese poder, da(s) maneira(s) na(s) que poidamos, pero sen calar e sen deixarse enganar nunca, anque cada día sexa máis difícil. Unha aperta😉

  8. aser mendez Outubro 6, 2011 ás 7:44 PM #

    o desleixo polo idioma (galego) ou é obscenidade fascistoide
    ou indiferenza burguesa.

    da metáfora do ponto f): na Hespanha está recoñecido o matrimonio gay.

    Nin na Galiza-nin na Hespanha- hai,en xeral, DEBER de coñecer o galego,e menos DEBER de usalo-preguntadelle a rajoy ou paco vazquez

  9. semprechelo Outubro 19, 2011 ás 8:52 AM #

    Devezo por estar presente no momento en que falar de respectar e coidar a nosa lingua sexa unha anécdota. Gozar da sonoridade do galego no cotián será a nosa responsabilidade.
    Eu falo galego, eu engulo galego, eu gozo o galego,eu cabréome en galego… ¿fálame en galego!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: