A soedade do brigadista

19 Oct

Este cadro de Caspar David Friedrich representa para min a sublimación da natureza, a comuñón do individuo co cosmos, ese diálogo eterno que quixo expresar o Romanticismo en todas as súas criacións. O viaxeiro observa a néboa sobre o val, as montañas lá ao fondo. En realidade somos nós, porque o camiñante, caxato na man, oculta o punto de fuga do cadro e fainos adoptar a súa perspectiva. Hai soedade, unha certa introspección contemplativa, pero tamén esperanza, algo que trascende o lenzo e ten a ver co pensamento, co espírito, con algo superior que está dentro de nós mesmos. Hai harmonía.

Na fotografía de abaixo, que hoxe asina Xesús Fariñas na primeira plana de La Región, o brigadista observa as columnas de fume sobre os montes de Parada do Sil. Ourense arde, o aire é mesto, irrespirábel. Dalgunha maneira esta imaxe, iconicamente tan similar á que representa Friedrich, é o seu envés. Nin sequera hai horizonte. Nós, quen olla, estamos no mesmo lugar, coas botas sobre o toxo, apreixados pola impotencia, abafados polo fume e os recortes dramáticos nos servizos de extinción. Estamos sós. Non temos axuda. O diálogo está roto, non hai con quen falar: nin Deus, nin Natureza, nin Goberno. Só hai raiba e desequilibrio. O cadro poderíase titular A soedade do brigadista e fala dun pobo sen esperanza, cercado polo lume da ignorancia, da avareza e do desleixo administrativo.

3 Respostas to “A soedade do brigadista”

  1. Marga do Val Outubro 19, 2011 ás 2:07 PM #

    Magnífico cadro, magnífica fotografía, magnífico artigo. Grande a soidade do brigadista, gande a súa impotencia. Infinita a nosa soidade e impotencia. Cómpre reaccionarmos contra quen prende o lume e contra quen nos queima como pobo.

  2. Miguel Outubro 19, 2011 ás 3:50 PM #

    Parabéns polo teu artigo, que ademais de denunciar o que está pasando en Galicia, daría para unha boa clase de Historia da Arte.

  3. aser mendez Outubro 21, 2011 ás 9:19 PM #

    o cadro de friedrich podia levar o final da elexia oitava de rilke. o outro,nada. Galicia-oeste é unha circunvalacion da A-9 que fala castrapo. O oriente queimado é o rostro dunha extincion milenaria-xa morremos hai tempo, o lume só recorda que estamos mortos

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: