‘Un país en lata’ un ano depois

31 Oct

Coma nun relato de Edgar Allan Poe, unha tarde de outono de 2010 dous negros corvos de crista branca pousaron o seu voo sobre a redacción dun xornal compostelán. Un era o Deán da Catedral, José María Díaz, e outro, unhas horas máis tarde, o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio Barrio. Traían no peteiro malas novas e nas asas estendidas unha cheirenta mensaxe de censura. Imaxino que con métodos moi achegados á extorsión e á chantaxe lograron que un meu artigo, publicado na contraportada de Galicia Hoxe, crítico coa inminente visita do papa Bieito XVI a Compostela, desaparecera da web do agora extinto xornal. Con tinta negra tamén escribiron o meu nome sobre un comunicado e lanzaron, urbi et orbe, a súa verba de amor e de paz, denunciando o meu atrevemento e a miña irreverencia, como adoitaban facer os inquisidores de antano.

Galicia Hoxe, que ao día seguinte se fixo eco da filípica e xa logo de indignadísimas e anónimas cartas ao director, tardaría un tempiño máis en morrer que aquel meu Vai de blog, con todos os danos colaterais que ese pasamento conlevou. Pero para min Galicia Hoxe finou xa daquela, oito meses antes do 28 de xuño, vítima dun colapso de dignidade. Para min o GH finou a tarde na que se me impedíu publicar, na miña páxina de sempre, unha resposta cabal e humanista á campaña que as hostes ultracatólicas encetaran contra o meu dereito a opinar. Galicia Hoxe converteuse entón no Saturno que devora ao seu fillo. Ao parecer aquel meu sacrificio, aquela miña ofrenda de obrigado silencio diante da mafia conservadora e opusina, había garantir o futuro dos meus compañeiros. Pero por desgraza non foi así. Desta volta a metáfora salesiana da mazá apodrecida non se cumpríu. Recordo que os corvos reapareceron, o derradeiro día, como singular icona da desfeita, revoando por entre as páxinas do luctuoso número final do Galicia. Ou eran pegas rabilongas? Tanto ten…

Se evoco agora este episodio penoso é porque tal día coma hoxe de hai un ano, un 31 de outubro de 2010, migraba eu cos meus trebellos de escribente, desde a contraportada dos xoves no Galicia Hoxe, onde parei durante sete anos, libre e feliz, a este blog, ao que dei en chamar, e chamo aínda, Un país en lata.

“Un país enlatado -dicíase nese primeiro post do 31 de outubro-, á espera de que alguén o abra. Todo o que ten fica aí, baixo esa lámina de ferro e estaño, que o conserva e o protexe pero tamén o reclúe e o invisibiliza. Quen teima en non abrir o recipiente sabe ben o que garda no seu interior, o froito de noso, o alimento da nación. Por iso este lugar na rede se chama Un país en lata. Porque só quer, coas voces e as mans que axunte, remover a pexa, tirar do anel e recobrar o tesouro”.

UN BALANCE APRESADO. Estamos moito pior que hai un ano? En verdade non o creo. Só creo que as cousas viraron máis evidentes, de xeito directamente proporcional á perda de pudor dun goberno que, coa coartada na man da crise económica, está a completar, con relativo éxito, o seu programa de exterminio da nación. A precariedade é maior, desde logo, o desleixo tamén, a escuridade. Todo foi levado ao seu límite: a minorización da cultura galega e do idioma de noso, os recortes na sanidade e na educación, a exaltación do privilexio, a febre privatizadora, o desmantelamento industrial e dos sectores produtivos, o control dos medios de comunicación públicos e privados. Pero os males que nos aqueixan son os mesmos. A axenda política permanece intacta, só que agora xa non fica oculta, como aquela de Ken Loach. A baralla enteira está sobre a mesa, as cartas cara arriba. Doe máis porque é máis flagrante.

A FILIAL POBRE. A nosa condición de filial empobrecida de Madrid acha o seu xusto trasunto na decapitación financeira que acabou por crebar os restos dun sistema económico propio. Xa tampouco ninguén lembra o Estatuto, a súa imperativísima reforma, porque o público desertou da función e os monicreques volveron ao caixón. Había unha sacrosanta norma constitucional, a mesma que cercena e erradica calquera debate sobre o noso forzoso vínculo con España, que foi mudada por decreto, sen consulta ningunha. E non pasou nada. Un ano máis os lumes devastaron o monte, os obreiros seguen a morrer, inmolados no faraónico empeño do Porto Exterior da Coruña e Manuel Fraga, que non dá morrido anque La Voz de Galicia coquetee publicamente co seu deceso, poderá repetir como candidato ao Senado, se el o quer, co visto e prace do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que se revelou como o perfecto interino sen responsabilidades, tan astuto como inoperante.

A avenida cara a ningures, bautizada Avenida Manuel Fraga polo patético tándem PPdeG-PSdeG no concello de Santiago, desemboca no vórtice da Cidade da Cultura, o furado negro que engole os poucos recursos cos que conta a cultura galega. Un non-lugar que permanecerá, pasar o que pasar, como retrato da megalomanía incapaz e pailana dos que alentaron ese monstro, repudiado agora obscenamente polos seus mentores do Partido Popular.

Os córvidos seguen a escurecer o horizonte social, só que agora tamén levan, baixo a sotana, o Códice Calixtino e un feixe de cartos, colleitado das subvencións da Xunta de Galicia ás asociacións antiabortistas e pro-familia ultracatólicas, promotoras da educación segregada, da culpa e da vergoña como modus operandi, da homofobia e do sexismo. A panacea da visita papal, o maná de cartos, nunca se chegou a concretar (ao contrario, as pernoctacións en hoteis galegos este ano baixaron un 15% así coma o global dos indicadores turísticos) e o investimento millonario foi parar ao mesmo lugar no que ficaron soterrados os cartos do Gaiás. No peto de quen..?

É o balance deste ano e ese foi o campo de batalla das case oitenta entradas d’Un país en lata. As perto de 50.000 visitas que rexistrou o blog desde o 31 de outubro de 2010 son só a cifra da miña gratitude, a constatación de que non escribo só para min mesmo. Acho que hai razóns abondo para seguir tirando da argola con vontade de recobrar o tesouro que está en nós e só en nós. E segue intacta a intención de contrariar e mesmo, de cando en vez, de adivertir. Moito obrigado, por este ano e por todo iso, ás leitoras e leitores d’Un país en lata. E forza para o que vén!

41 Respostas to “‘Un país en lata’ un ano depois”

  1. Luís Outubro 31, 2011 ás 11:16 AM #

    A min encántame o teu blog, a túa forma de escribir, de criticar con moito estilo e máis retranca. Eu anímote a seguir escribindo, sen dúbida xente coma ti é a que fai falla en Galicia, xente con inquietudes, con ganas de cambiar a nosa terra. Son dos que pensa que os cidadáns poden facer moito máis cos políticos para cambiar a sociedade, os costumes, e polo tanto, se queremos que a nosa cultura perdure temos que facelo entre todos, sexa a través dun pequeno blog, ou constituíndo asociacións para impulsar, coidar e difundir a nosa cultura e lingua.

    Parabéns polo teu blog, seguirémolo de preto.

    Un saúdo afectuoso.

  2. Ofélia Sintrom Outubro 31, 2011 ás 11:18 AM #

    Grazas polos teus artigos cheos de dignidade e reflexión. Busquei no diccionario a palabra dignidade e puña; seriedade,decoro e nobreza na maneira de comportarse. Esa penso é a túa actitude na vida.
    Alégrome moito de abrir esa lata do noso país cada vez que ti nola ofreces.

    parabéns polo aniversario.

  3. Miguel Outubro 31, 2011 ás 12:22 PM #

    Feliz aniversario, e que cumpras moitos máis, por ti e por nós. Unha aperta.

  4. marián Outubro 31, 2011 ás 2:14 PM #

    parabéns, grazas e mil outonos máis para esta ‘lata de país’ onde sempre nos deixas agasallos impagables. apertas da pequena leo & parents.

    • franplorenzo Outubro 31, 2011 ás 3:50 PM #

      dixéches pequena? oooh vouno dicir: cáeseme a baba! bicos grandes😉

  5. CesarGon Outubro 31, 2011 ás 4:13 PM #

    Grazas a ti polo blog, polo teu esforzo, e pola túa ollada tan particular á nosa realidade. É un pracer lerte.

  6. Estripo Albar Outubro 31, 2011 ás 9:39 PM #

    Por unha casualidade da vida empecei a lerte no blog dende o primeiro día e encántame poder mergullarme nel un ano despois.
    Segue así e con máis frecuencia se é posíbel.

  7. Helena Villar Janeiro Outubro 31, 2011 ás 11:01 PM #

    Non sabía nada disto, Fran. Laméntoo de verdade e douche os meus máis cariñosos parabéns polo traballo que desenvolves aquí.

  8. alv91 Outubro 31, 2011 ás 11:49 PM #

    Páxinas coma estas son as que precisa este país pra abrir a lata e decatarse do que ocorre.
    Agardarei impaciente para ler o teu próximo artigo.
    Segue así e con máis frecuencia se é posible.

    • franplorenzo Novembro 1, 2011 ás 1:29 AM #

      o da frecuencia vou tentar arranxalo😉 un que é moi lentiño e que remoe moito. Grazas!

  9. semprechelo Novembro 1, 2011 ás 11:53 AM #

    Hai pouco (para á miña vergoña) que te atopei. E dende ese intre doume os parabéns cada vez que leo algo teu.
    Moitas grazas, por defender o noso.
    Parabéns para ti, para min, para nós.

    • franplorenzo Novembro 1, 2011 ás 12:38 PM #

      moitas grazas Chelo e encantado de que nos encontraramos aquí. Unha aperta

  10. Bouzas Novembro 1, 2011 ás 2:23 PM #

    Grazas a ti, Fran!
    Ler o teu blog é unha ledicia, un pracer, polo que escribes e por como o escribes. Eu agradézocho especialmente.
    Ánimo e bicos.

    • franplorenzo Novembro 1, 2011 ás 6:44 PM #

      pensando en leitoras coma ti dá gusto poñerse a escribir, de verdade. E un bico grande para Bouzas, que entre bombazos e inundacións ultimamente non tendes parada😉

  11. Adán, María do Carme Novembro 1, 2011 ás 5:17 PM #

    Coma sempre. Cada artigo é ese momento morno no que sentarse e respirar. BKS

  12. Novembro 2, 2011 ás 4:41 PM #

    Hoxe os parabéns non son para ti, fanplorenzo, son (xa o dixo antes Chelo e eu róubolle o comentario) para nós. Que poidamos celebrar moitas aperturas de latas máis. Bicosmil.

    • franplorenzo Novembro 2, 2011 ás 7:36 PM #

      aí andaremos Mó, mentres haxa algo de alento e cousas que contar. Un bico grande!

  13. Montenegro Novembro 2, 2011 ás 7:31 PM #

    Yo también te doy mis bendiciones. Para celebrarlo propongo que el Deán de la Catedral, José María Díaz, y el arzobispo de Santiago, monseñor Julián Barrio Barrio, te entreguen en la redacción del Correo, el Códice Calixtino que robaron. Seguro que esto daba para un bello artículo de los tuyos. Felicidades.

    • franplorenzo Novembro 2, 2011 ás 7:35 PM #

      pois agora que o dis poderían darme a exclusiva, polos danos ocasionados máis que nada.😉

  14. aser mendez Novembro 2, 2011 ás 11:33 PM #

    Coñezo persoalmente a eses dous corvos carnizais. Un comezou o seu bispado citando a Rosalia: quero quedar onde as miñas dores foron- e o alento que lle deu á liturxia en galego boquexou a instancias do “pueblo” que pediu retirar misas en galego.
    De José María, o arquivo pasou de ser un arsenal de pergamiños pra mechas no Apóstolo a ser un centro onde se acharon os textos mais vellos do noso idioma,un inédito de Quevedo, e centos de boas mais-36 anos de bon facer(preguntade na universidade) que luxou un roubo, que si, claro, cometeu el, forrouse,foise de putas,e fodeu a millonada en Montecarlo.O de redixir a liturxia en galego era unha tapadeira.
    Só unha nota: o bispado lamentou o trato dado por fran á figura do Papa , e remarcou que non queria ningun tipo de represalia.O dono do periodico, a instancias de prensa ultra madrileña, chimpou a fran,non eles.
    As feridas narcisistas son jodidas.Algo,antes de ser revolucionario,ten que ser verdade.
    Saude sen aloumiños

    • franplorenzo Novembro 3, 2011 ás 12:36 AM #

      unha cousa compañeiro, xa sei que non podes evitar mandar un comentario SEMPRE que falo da Igrexa. Non pasa ren, Paréceme ben que defendas a doutrina, a institución, que lle laves a cara ao bispo, ao Papa de Roma e a María Santísima cada vez que entras por aquí. A Igrexa tamén debe ter valedores por moi inxusta e fóbica que sexa, pero non me digas que o bispado non quería ningún tipo de represalia porque iso non é verdade.
      Un arcebispo non se presenta na redacción dun xornal para aconsellar senón para presionar. E iso foi o que fixo Barrio Barrio, Mandou de avanzadilla ao Deán e logo chegouse el con toda a púrpura enriba. Iso de que o bispado remarcou que non quería represalias acabas de tiralo da manga da sotana, amigo. Pola contra, persoas moi próximas á Igrexa compostelana encentaron unha campaña de desprestixio e difamación á que o xornal cedeu, é obvio, pero que ten unha orixe moi clara. Sei os nomes de todos así que non amoles máis, anda…
      E por favor, pola deidade na que cres, non tentes convecerme máis da bondade da Igrexa, e sobre todo non poñas como coartada o suposto galeguismo da institución, Ti cre no que queiras crer e a min déixame como estou que estou bem, de verdade…

  15. paz raña Novembro 3, 2011 ás 6:48 AM #

    Non é fácil atopar ironía, intelixencia e tenrura… e sabores acres que nos recordan onde estamos. Moitísimas grazas por esas latas, que, de cotío son de aluminio, en sabios tesouros de ourive.

    • franplorenzo Novembro 3, 2011 ás 11:06 AM #

      Paz, se logrei algo de todo iso, especialmente recordar onde estamos, creo que xa cumprín. Se por riba teño leitoras coma ti que din esas cousas fermosas, daquela a satisfacción non pode ser maior. Un bico e grazas polas túas palabras😉

  16. diegogiraldez Novembro 3, 2011 ás 8:01 AM #

    Parabéns polo aniversario e pola túa prosa en liberdade. Aperta!

  17. cocó Novembro 3, 2011 ás 8:00 PM #

    Qué bonito Fran, e que desolador. Parabéns.

    • franplorenzo Novembro 4, 2011 ás 12:33 AM #

      grazas cocó! recórdoche que es a primeira leitora/comentadora deste blog😉 bicos grandes

  18. aser mendez Novembro 3, 2011 ás 10:55 PM #

    grazas pola tua resposta, delicada como un poema de rilke.

  19. aser mendez Novembro 5, 2011 ás 2:05 PM #

    se me deixas o email (ti tes o meu)complétoche información en privado .

  20. Xavier Novembro 7, 2011 ás 11:58 AM #

    Se cadra algo atrasado, mais parabéns sinceiros pola coraxe e a valentía demostrada en cada entrega.

  21. xan carlos ansia Novembro 10, 2011 ás 6:45 PM #

    Un ano despois, sigues tan brillante, valente e mordaz coma sempre. Oxala houbera un Fran traballando en cada redacción dun medio de comunicación.Seguro que nalgun tempo os houbo, pero a mezquindade, os mediocres e os estomagos agradecidos, acabaron por botalos. Grazas Fran por bater nas nosas conciencias e alegrarnos o día que podemos abrir unha nova lata, que contenhen moito ferro e o picante xusto. E por favor segue dando moita lata…que é o que faz falta.

    • franplorenzo Novembro 10, 2011 ás 7:33 PM #

      vindo de quen vén, querido compañeiro, estas palabras eloxiosas teñen aínda máis valor para min. Unha aperta grande

  22. Mon G. Buhigas Novembro 10, 2011 ás 11:12 PM #

    Sempre é un pracer ler o que tan brillantemente compartes con nós. Unha aperta.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: