Menos España e máis Europa (Un futuro depois do 20-N)

17 Nov

Máis Europa. Esa é a receita para paliar a crise que Angela Merkel estendeu no buró da súa consulta médica privada berlinesa, un lugar espectral que fica a medio camiño entre o Oráculo de Delfos (con perdón dos gregos) e o expresionista gabinete do doutor Caligari. Para os que non comprendemos a letra de médico, a prescrición da chanceler alemana cífrase nun aserto moi sinxelo: a Europa que nos embriaga agora coa súa velocidade centrípeta e que afoga as nosas precarias economías coas súas imposicións vai ser, de facto, o que nos salve no futuro. Coma unha combinación efectivísima de radio e quimioterapia: se non dá acabado contigo, se non che queima o sangue por completo, contribúe a que permanezas con vida.

Polo horizonte do 20-N van vindo os auxiliares que nos van administrar a dose. Uns traen na man a bolsa vermella e os outros a bolsa azul. Parece que non nos deixaran opción. Os pacientes, ou sexa nós, eleitores, cidadáns, só matinamos no demorado e canso que se está a facer este preoperatorio; no tétrico e aborrecedor que resulta advertir, con tanta antelación, as luces brancas do quirófano. Mariano Rajoy, presidente in pectore da Gran Nación, mesías de provincias e proveedor de luz eléctrica, tan austero como pío e previsíbel, será quen deba aplicar as recomendacións/ordes de Angela Merkel. Pero paradoxalmente, o europeísmo, entendido nun sentido amplo, está nas antípodes do seu ideario. Rajoy, coma o groso da dereita española, devén dunha estirpe franquista, alérxica a Europa, criada na autarquía, inepta para os idiomas, intolerante, proteccionista, pailana, contraria á diversidade cultural e convencida de que onde eles viven é onde mellor se vive, mellor se come e mellor se fode do mundo. O Spain is different de Manuel Fraga.

No mitin de Vigo, este día, Rajoy xa o deixou cair: “los españoles no quieren vivir en un país que recibe órdenes de Europa”. Aos tres días, onte, nunha entrevista en El País asegura: “Todo el mundo tiene que saber que para mi gobierno será prioritario cumplir los compromisos que España ha asumido en Bruselas”. O seu rauto de rebeldía, pois, é tan convincente e duradoiro como as promesas que fixo de non efectuar recortes na educación e na sanidade, potenciar o naval como sector estratéxico, respeitar as conquistas sociais das últimas lexislaturas (matrimonio gay, Lei de Dependencia…) ou sacar da crise económica a esa Gran Nación que só habita no imaxinario retrógrado e castizo do nacionalismo español. Todo o que di e o que non di o notarial e estrito Mariano Rajoy ten a mesma consistencia e solidez ca unha fuga mortal de gas sarín.

CONTRAFIGURA DA ESPAÑA TRISTE E FRACASADA. En 2009 o Igadi editou, na súa colección Texturas Internacionais, un pequeno volume titulado O europeísmo en Ramón Piñeiro con interesantes achegas de Franco Grande, Ramón Lugrís, Camilo Nogueira e Fernando Pérez-Barreiro Nolla. O finado Pérez-Barreiro Nolla deita alí unha reflexión sobre o xeito no que o europeísmo “como sentimento nostálxico dunha cultura máis desexábel estaba xa no galeguismo histórico e foi aproveitado no galeguismo reformado como alicerce da estratexia antisoviética da Guerra Fría”. En referencia ás Irmandades da Fala e á xeración Nós di: “Eran, con certeza, europeístas, se queremos dicir con isto que acudían a lecturas e exemplos europeos como indicios da terra prometida espiritual cuxo acceso lles tiña trabado con fortes cancelas o centralismo. Por ese camiño ían as súas preferencias, os seus anceios ou os seus soños. Europa como contrafigura da España triste e fracasada. E tamén como fonte de rexurdimento“. Cun acento na diversidade que, lembra Pérez-Barreiro Nolla, “non sempre era compartillado polos europeístas en lingua castelá”.

ESQUECÉRANSE DE SER EUROPA. Pouco máis adiante, nese mesmo libriño, Xerardo Fernández Albor -paseado agora por Núñez Feijóo como pater ideolóxico e referente politicamente correcto, non fraguiano, do seu conservadurismo galegueiro- e o profesor Marcelino Agís asinan un outro artigo. Interésame nel unha cita tirada dos Ensaios de Ramón Otero Pedrayo, si o tradutor de Joyce,  que di o seguinte:

“¿Cales son as causas diste rexurdimento? Galiza volveu sentir a presencia da súa personalidade, sustantiva e inmorrente. A lingua, privada do amor e das ideas dos artistas e dos pensadores, desaparecera do escenario aperencial da historia. Galiza, terra  provincial asoballada, pagaba en homes i diñeiro, en froitos i en sangue, e soio cobraba burlas e desprecios porque os mellores dos seus fillos fixéranlle traición. Éranlle noxentos os doces ceos bretemosos, fuxiran para as terra do sol e do ceo azul. Esquecéranse de ser Europa e gostaron da Iberia mudexar, espallada e imperialista”.

Don Ramón tíñao claro. Falaba do Rexurdimento, de Pondal, Curros e Rosalía pero semella que falara de hoxe mesmo. De feito parece que, nesas verbas, retratara a Rajoy e a Núñez Feijóo coma eses fillos traidores, tentados pola España imperialista, adestrados no noxo e no autoodio que se esqueceran de ser Europa para seren só e unicamente españois, coa arela de que os demais, querendo ou non, tamén os acompañemos na súa deriva.

AUF DIESEM BERG, DES HIMMELS NACHBAR: UN POEMA NO PINDO. A outra semana coñecemos a través da web da Asociación Monte Pindo Parque Natural, o achado dunha poesía inédita de Otero Pedrayo e Vicente Risco, dedicada ao profesor Parga Pondal e escrita no Olimpo celta en xuño de 1936, na alborada mesmo do golpe fascista. Un poema en alemán que di, entre os seus versos: Na lonxanía a soidade do océano,/as nubes viaxeiras, cruzando o ceo./No noso cerebro o Marxismo aniña,/tecendo o futuro da Humanidade. Fóra do seu carácter incidental ou da súa condición de rareza, ese poema en alemán fala dunha conexión certa con Europa pero tamén do marxismo como resposta, o mesmo hoxe que daquela, con todas as emendas e releituras que se lle queiran facer ás teses do señor Karl.

No fondo estou dacordo coa sádica da Merkel. Máis Europa, si, como contrafigura da España “triste e fracasada”. Máis Europa das nacións e dos pobos, e menos Europa dos Estados totalitarios. Menos Rajoy e Núñez Feijóo e máis motivos certos para un Rexurdimento necesario. O 20-N ninguén nos vai librar da conxura centralista nin do boicot ultraliberal contra o Estado de Benestar, nin sequera dos golpes de estado larvados contra a democracia. Hai que contar con iso. A quimio hai que pasala si ou si. Pero se cadra era ben emprendermos xa o camiño de regreso: a volta a casa, que é a volta a unha Europa reconstruída no diálogo entre os pobos. Afastados de quen nos somete. Libres para decidir. Nós, como dicían os nosos vellos e sabios devanceiros.

4 Respostas to “Menos España e máis Europa (Un futuro depois do 20-N)”

  1. aser mendez Novembro 18, 2011 ás 3:10 PM #

    só queda elixir entre barbaries. A linguaxe común delata o grao de barbarie
    na que estamos.Se aceptamos no falar común “hai crise”(como hai chuvia,impersoal,sen culpa nin culpábeis) ou “fillos non desexados”(sic) ,enton mal imos.Fala Marx da sociedade moderna como unha bruxa que invoca espíritos que non pode controlar.Os mesmos que enganaron a Macbeth-que tan ben traduciu Barreiro-Nolla.

  2. marián Novembro 18, 2011 ás 6:25 PM #

    canto máis claro se deixe ver o inimigo, tanto mellor. marxismo ou morte. venceremos.

  3. eu91 Novembro 18, 2011 ás 9:18 PM #

    Maxistral.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: