E pregúntome: por que rin?

1 Dec

Creo que é un efecto colateral da crise, deste puteo contínuo e en sordina, que prende nos cidadáns e acaba por fagocitar o noso sentido do humor. O caso é que veño advertindo algo que, en certa medida, me preocupa: volvinme intolerante co riso dos políticos, especialmente cos políticos no goberno de Galiza. É inxusto, xa o sei, porque é, en realidade, esa falta de risos e desenfado o que lle adoito botar en cara a outros representantes eleitos. Pero a risa aberta, franca, desprexuiciada, espontánea, despreocupada, é o que me resulta impúdico e o que me amola. Esta fotografía, por exemplo:

Por que rin? É absurdo extraer a foto do seu contexto e facerse esta pregunta. Moi seguramente Condemorr contou un chiste, ou o propio presidente fixo unha graza sen graza que os demais se ven na obriga de celebrar. Están diante dun mapa de Galicia que, con eses coloríns, asemella un trasunto á galega do mapa de España que penduraba nas escolas franquistas. O mapa non se parece nada ao verdadeiro mapa de Galiza, que é azul gaivota en case toda a súa extensión, agás catro manchóns de sarampelo en áreas ignotas de Lugo e Ourense. Se cadra por iso rin, porque o mapa é azul e esta comarcalización turística que están presentando xa lles dá a risa.

Pode ser que rían tamén porque todo vai como eles agardaban. Porque o seu plan de desmantelamento da nación camiña a paso lento pero seguro e porque nos ollan desde arriba, como se Galiza fora un mapamundi do Risk, aquel xogo de mesa, sobre o que desprazaren as súas tropas e xogaren as invasións entre comarca e comarca.

Se cadra rin porque, entre todo o que observan desde esa altura intermedia, non hai nada que lles resulte ameazador, nada que os importune, incluídas unhas forzas políticas de oposición neutralizadas polo seu eterno e reduccionista debate sobre o liderado. Poida que rían tamén porque malia os recortes en todos os sectores da cultura e o fiasco da visita do Papa, e o fiasco das cifras do turismo de 2011 non vai pasar nada e ninguén lle vai pedir contas. E porque os medios de comunicación tampouco non se van cebar, e menos agora, cos seus erros flagrantes nin coas súas omisións delitivas.

Por que rin? Quizais porque albiscan un futuro fóra de Galiza. Algo cosmopolita de verdade, un destino tranquilo, eu que sei, en Paradores Nacionais, no Instituto Cervantes, unha secretaría tranquila, un postiño no que non haxa seguido que defender algo no que non cres especialmente… Un lugar lonxe dese mapa torturado e aveso de Galiza, un edén madrileño no que a lingua non sexa un impedimento, no que non todo sexa difícil, no que a xente non sexa tan pobre e no que promocionar España non poida considerarse nunca unha imposición e si algo natural, lo normal, ese sintagma tan querido por Mariano-como Dios manda- Rajoy.

Pero o caso é que rin, rin seguido, rin a toda hora, e eu apostaría que están a rir de nós, sen tregua e sen vergoña. E creo que iso é o que, no fondo, me amola e me enfurece.

6 Respostas to “E pregúntome: por que rin?”

  1. Montenegro Decembro 1, 2011 ás 10:00 PM #

    En mi humilde opinión creo que se ríen de Janeiro. Del “Janeiro” de 2012 que nos tienen preparado.

  2. miguel Decembro 2, 2011 ás 8:52 AM #

    A min o que máis me indigna é que están a rir de min

  3. aser mendez Decembro 2, 2011 ás 3:06 PM #

    o mapa de fontán quédalles grande… así que pensan en facer de galicia unha pista de xeo,como a que armou o alcaldiño na quintana….galicia,parque temático…..un tiovivo de tíos vivos….e fíxádevos nas mans… ou ocultas,ou caídas,ou á espreita…..vaia pés para un banco(de sentarse)

  4. Cucha Decembro 2, 2011 ás 5:01 PM #

    Si q jode. Carallo! Haberá q confiar naquilo de quen ri último ri mellor ( se nos dá tempo). Bicos

  5. eu Decembro 5, 2011 ás 9:30 PM #

    Din que quen ri último ri máis tarde… e que na casa do pobre as alegrías duran pouco… Teremos que procurar rir primeiro e facernos ricos.
    Hai que estamparlles o retrato da pisada dunha bota nas súas cachas.

Trackbacks/Pingbacks

  1. E pregúntome: por que rin? - Decembro 5, 2011

    […] E pregúntome: por que rin? unpaisenlata.wordpress.com/2011/12/01/e-preguntome-por-que-rin/  por iola hai 2 segundos […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: