Eu chorar chorei (Sobre as bágoas de Fornero e o goberno enxoito de Núñez Feijóo)

8 Dec

Houbo un momento, na primeira metade dos anos setenta, no que Italia asistía ao dueto improbábel de dúas voces, aínda hoxe eternas, no máis alto das súas traxectorias: Pier Paolo Pasolini e Mina Mazzini, Mina. Son mitos persoais e por iso os traio agora aquí, porque representan o mellor que un país pode dar. Pasolini afiaba o seu estilo cinematográfico na súa libérrima Triloxía da Vida (a integrada polo Decamerón, Os contos de Canterbury, e As mil e unha noites) e a tigresa de Cremona alcanzaba o clímax do seu poderío vocal nos discos e nos directos da RAI, alá polo ano 1972. Mina e Pasolini son, ao meu ver, o símbolo desa Italia dos valores, do pensamento e da criatividade. Un emblema europeo que foi afundindo até a foxa séptica da era Berlusconi,  epítome da desintegración ética, cultural e social dun continente, sumido agora na máis profunda das súas crises económicas e identitarias.

Vén isto ao caso polas bágoas da ministra Fornero o día no que en rolda de prensa tivo que xustificar uns durísimos recortes orzamentarios no sistema de pensións italiano. A emoción, ou cabería dicir a emocionalidade, é,  a cada volta, un valor máis recorrente na praxe política. A credibilidade perdida pódese recobrar a través do sentimento, por que non? algo humano, algo que calquera poida compartir e que impregne de verdade, de sinceridade, unha mensaxe dolorosa ou inasumíbel. Nese sentido é difícil argumentar se as bágoas da Fornero son unha coartada que entolda a dramática realidade das cousas ou ben responden á arroutada verista dunha tecnócrata en apuros. Nun magnífico artigo de Mar Mato na contraportada do pasado 6 de decembro do Faro de Vigo analízase canto hai de manobra política ou de franqueza real no pranto dil Ministro del Welfare, Elsa Fornero.

O caso é que as bágoas da profesora universitaria conseguiron, hai que recoñecelo, reconciliar a moitos italianos, e a moitos entusiastas analistas políticos, co novo goberno de Monti, impertérrito perante o carpir da súa compañeira de mesa, e que entre as súas austeras premisas non contempla, era visto, recortalles as prebendas á mafia vaticana. A austeridade aí non rexe. Como non rexe no Estado español á hora de falar dos bancos, da Igrexa de Rouco Varela ou da Familia Real, cada vez máis real e menos familia, miserias e chanchullos incluídos. 

En Galicia, é curioso, aínda non vimos bágoas. As bágoas dos políticos galegos son de frustración cando non acadan un posto de relevo, como as de Carme Chacón o día que tivo que renunciar á súa candidatura á  presidencia. Bágoas de raiba. Choraba Fraga, si, coa mesma facilidade coa que insultaba e faltaba ao respeito aos seus colaboradores e achegados, e xa debeu chorar por todos. Logo non houbo máis. Non vexo a Pilar Farjas chorar cando decapita a sanidade pública, nin a Roberto Varela licuando o seu cosmopolitismo ao deixar sen axudas a todos os sectores da cultura. Nin Javier Guerra, nin Marta Fernández, nin Beatriz Mato choran polos récords de paro nin pola terceiromundialización económica deste país, por sermos os pobres entre os pobres. Non vin chorar a Juárez  polos lumes no monte, nin a Hernández por cargarse a lei que protexía a costa, e xa por non ver chorar non vin chorar a Jesús Vázquez nin a Anxo Lorenzo. Se eu levara ao lombo para a posteridade a dubidosa honra de aniquilar todos os progresos acadados durante a democracia no eido da normalización lingüística; se eu pasara á historia como propiciador da desfeita, calculada e ingrata, do idioma do meu país daquela choraría en público e en privado de tal maneira e con tal forza que os prantos da Magnani en Mamma Roma habían ser a pálida sombra do meu desasosego. Pero non, non choran porque nin sequera son quen de finxir empatía. Este goberno enxoito, sen bágoas, reseco, nin sequera se molesta en arremedar compaixón como a Fornero. As urnas xa o eximiron dese sacrificio. 

Pero ollo… hai alguén que si chorou. Chorou o propio Núñez Feijóo o día no que deu en asinar o exitosísimo proceso de fusión das caixas. “Aquí está Galicia”, dixo daquela, moqueando, conmovido, como representante ourensán do cuarteto provincial da apocalipse financeira. Ese día chorou de emoción anque de pouco valeu. Xa non hai caixa pola que chorar de orgullo nin de pena. O día no que o vin deitar esas lágrimas, en realidade, non tiven dúbidas sobre a súa sinceridade, como me acontece con Fornero. E o que me veu á cabeza foi ese retrouso que figura no novo disco de Leilía, Consentimento, unha copliña xa vella que di con moito acerto e mellor canto: “No te fíes en los hombres/anque los veas llorare/en las lágrimas te dicen/el pagho que che han de dare…”.

3 Respostas to “Eu chorar chorei (Sobre as bágoas de Fornero e o goberno enxoito de Núñez Feijóo)”

  1. Xandra Decembro 8, 2011 ás 5:10 PM #

    Belísimo… Eu si chorei ao lerte, porque pos voz ao que eu penso, nin máis nin menos, estamos nesta era do absoluto desencanto, da inmobilización, de farsa, de ladróns.. da tristeza, Quen vai entoar cantos de Nadal este ano? Su p… mai, con perdón.

    • franplorenzo Decembro 8, 2011 ás 5:17 PM #

      Xandra, o 24 quedamos pra xantar, como hai xa unha década ou por aí que o facemos, así que xa estás preparando algunha cantareliña, como dirían Os da Ría😉

  2. filispines Decembro 12, 2011 ás 1:16 AM #

    E que han chorar, se son duros coma penedos. Non gastar é o que lles rexe na cabeza. Así calquera… Para iso xa nos gobernabamos nós sós, que agora ben sabemos o que é non gastar. Pero dos políticos queremos algo máis ca non gastar, queremos que saiban xestionar, e gastar con siso.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: