5.1: a verdade revolucionaria

14 Dec

Nunca imaxinei que as evidencias puideran, co paso do tempo neste país tan probe e puteado, resultaren mesmo subversivas. Afirmar por exemplo: “A lingua propia de Galicia é o galego”, como afirma o artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía de Galicia, norma aprobada por un consenso parlamentario, que incluíu, na altura, o voto favorábel da Alianza  Popular de Manuel Fraga. O 5.1. Non 9 nin 12, nin 20.2. O artigo 5.1.: “A lingua propia de Galicia é o galego”. Poderiámonolo tatuar no brazo ou no peito e non sería máis claro e recto o seu sentido. Pero olla que na súa sinxeleza, eses dous números, cun puntiño polo medio, son mesmo desestabilizadores e superan o espírito da norma que os acolle. Veño de abrir un arquivo de Paint e debuxar senllas cifras de maneira moi rudimentaria, como faría un cativo. Velaquí están

Recomendo facelo. Coller un papel e pintalo, estampar o 5.1 nas camisolas, tuitealo. Porque cando un fai iso, trazar os riscos do 5.1, parécelle que está a pintar o V que os resistentes daquela serie de televisión pintaban nos valados das cidades contra os lagartos invasores.

Os números teñen ese poder de cifraren os significados, e por algo os chamamos cifras. 1789 non é 1713, e 1931 non é 1936. As 20.15 horas non son as 21.18 horas, e unha hora exclúe á outra. Eu nacín en 1973, e non en 1922 nin en 2009. Vivo, poñamos por caso, no número 50 da Avenida das Camelias e non no 88. Non é o mesmo o Windows 3.1 que o Windows 7. Un terremoto de 5.1 graos na escala de Richter é exactamente iso, 5.1 graos. Non 7 nin 8 nin 2.4. As súas consecuencias tamén son distintas. E o artigo 5.1. do Estatuto de Autonomía di, repito: “A lingua propia de Galicia é o galego”.

Que iso fique impreso, negro sobre branco, nun manual escolar é motivo de fóbicas denuncias, por parte dun fulano de UPyD, ante alguén que se fai chamar Valedor do Pobo, e cuxa oficina, grazas a ‘valer’ un pobo que ten o galego como lingua propia, recibe (nos orzamentos da Xunta para 2012), 2 millóns de euros!! dos nosos petos. Dous millóns de euros, repito, nin 0,1, nin 1.5. Dous (2) millóns. Comparado cos 8,4 millóns da Casa Real española con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado, haberá que concluír que a monarquía española é unha ganga para os galegos en comparación co que lle pagamos a Benigno López. Pero ao que vou. Ese valedor considera que os cativos deste país non deben coñecer a evidencia de que a lingua propia de Galicia é o galego, perigosa e terrorista suma de suxeito+verbo+predicado. E a consellería de Educación dálle a razón. Non só. Alenta a mudanza dese libro de texto. O artigo 5.1, na súa sinxeleza, revela unha dolorosa evidencia que o conselleiro de Educación Jesús Vázquez e os demoledores da lingua galega non aturan: que a lingua propia de Galicia é o galego. Non hai máis. A mala noticia para eles é que tal realidade non se  pode mudar mentres quede un, digo un, falante de galego sobre esta terra cansa e humillada.

“En tempos de engano universal, dicir a verdade convértese nun acto revolucionario”. A frase acho que é de George Orwell, anque tamén lla atribuíron a Lenin e a Gramsci. En xuño de 2006, un cidadán británico foi detido por exhibir no centro de Londres un cartaz con esa frase, acusado de violar a lexislación sobre Crime Grave e Organizado de Blair,  que prohibía daquela, non sei se aínda o fai, protestar, pronunciar discursos ou amosar pancartas con lendas políticas nun quilómetro á redonda da Praza do Parlamento.

Hoxe, tras décadas de loita pola normalización da lingua galega -tras anos de enerxía, cartos e tempo investidos- achámonos na tesitura de defendermos a verdade revolucionaria do artigo 5.1, mira ti. Tocamos fondo, miñas donas e meus señores. Somos coma unha velliña desprovista de todo á que botan do seu fogar cando non ten nin folgos para erguer a voz, desafiuzada da súa casoupiña humilde con muros de porpiaño e o teito a caír. Sei que para esa vella ter a verdade e a dignidade da súa parte non é moito consolo. Pero polo de hoxe non temos máis. O bo de tocarmos fondo, como cando se bate co pé no chan dunha piscina, é que o único que nos resta é subir, ascender. Ogallá cheguemos con osíxeno abondo á superficie, e ninguén, o Valedor do Pobo por exemplo, nos leve aos tribunais non xa por querermos galego senón por querermos sobrevivir.

16 Respostas to “5.1: a verdade revolucionaria”

  1. Xabier Cid Decembro 14, 2011 ás 2:17 PM #

    O teu texto é moi precioso sen dúbida. E a lei di o que di e entón vén Brais e traza un punto redondo ou algo así.

    Con todo, a nosa raiba desencadeada polas paranoias de catro freaks, ecoadas e repinicadas polo Valedor, non debería embafarnos a vista: necesitamos algún argumento máis sólido pra defender a promoción do galego ca unha lei aprobada hai 30 anos, que a maior parte de nós non votamos e que algúns mesmo votaron en contra; unha lei onde se lle atribúe a un espazo físico a capacidade de falar.

    • franplorenzo Decembro 14, 2011 ás 3:09 PM #

      Xabier, tampouco non andaba na miña idea defender o carácter sacrosanto do Estatuto. Ogallá fora superado e mellorado, en todos os aspectos, por outra norma ou por outra realidade política. O que digo é que ese texto cifra, esteamos ou non dacordo con el, a legalidade. E o que non poden as institucións da autonomía é abaixar a letra e o espírito da norma que rexe esa autonomía, nin bombardear o cumio da súa pirámide normativa con munición fóbica. Que a administración negue con argumentos peregrinos e intelectualmente sórdidos esa evidencia xa fai parte dun circo cotián ao que estamos tristemente afeitos. Pero non é unha cuestión de raiba focada sobre o Valedor, nin sequera sobre a consellería de Educación. É o retrato dunha indefensión e dunha falta de respecto ás leis por parte de quen debera defendelas.

      • Xabier Cid Decembro 14, 2011 ás 3:16 PM #

        Si, si, sen dúbida.
        O que pregunto é se os que estamos no lado luminoso debemos seguir crendo iso da “lingua propia de Galicia” e se nos fai ben repetilo como mantra cara dentro e cara fóra.
        Independentemente de que poñamos os preitos que cumpran pra que a lei se cumpra, se me desculpa a homofonía.

  2. Miguel Decembro 14, 2011 ás 3:05 PM #

    Son profe. Mañá fotocopiarei o artigo 5.1 en grande, plastificareino e pegareino na miña aula. Tamén o escribirei en grandes letras no encerado. O que non quere caldo sete tazas. Non pretendo emprender o movemento 5.1, mais invito a todos os ensinantes de Galicia a facer o mesmo.

  3. xose vazquez pintor Decembro 14, 2011 ás 4:21 PM #

    parabéns, fran, gostei da tanta luz noviña nas palabras que son soles.

    as apertas de buxo sempre,

    pintor

  4. lupe ces Decembro 14, 2011 ás 9:45 PM #

    Grazas Fram, mil grazas polas tuas palavras. Agora só tenho ganhas de colgar umha camisola coa lenda 5.1 , e fazer pintadas por todas as paredes do meu bairro, da minha cidade 5.1 , 5.1 , 5.1 ……………Manhá na minha escola também colgarei o artogo, grande plastificado e um gigante 5.1

  5. litolis Decembro 16, 2011 ás 9:13 AM #

    Tes toda a razón… a lingua propia de Galicia é o Galego que non esquezamos é e debería seguir sendo irmán do Castelán. Noraboa polo post.

    • Alba García Decembro 16, 2011 ás 2:46 PM #

      Si, e tampouco esquezamos que Abel era irmán de Caín

  6. aser mendez Decembro 16, 2011 ás 7:46 PM #

    oligofrenia de valedor, histeria de conselleiro……Boto en falta asesores xurídicos excelentes , dos que debiamos dispor os que defendemos o idioma.Non me gosta o estilo
    berro seco. Isto é boa oportunidade para actuar legalmente: denuncia, Tribunais.Iso si
    os asusta. Da protesta zafan ben. O modelo -callón de entrar ao trapo é inútil.
    Asesores xurídicos.Eles orquestaron isto como unha provocación. A resposta ten que
    ser fundamentalmente XURIDICA: non pode defender (valedor) a lei quen a ignora.

  7. aser mendez Decembro 16, 2011 ás 9:05 PM #

    tm se queren cargar a gentalha do pichel
    ,apoiémolos….. pasádeo…

Trackbacks/Pingbacks

  1. Artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía de Galiza: a verdade revolucionaria - Decembro 14, 2011

    […] Artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía de Galiza: a verdade revolucionaria unpaisenlata.wordpress.com/2011/12/14/5-1-a-verdade-revoluci…  por Socram hai 2 segundos […]

  2. movemento 5.1 | ferradura en tránsito - Decembro 17, 2011

    […] os de a pé, os que nos movemos, e a estas alturas xa está moi demostrada a mentira. E como está tan demostrada non debe quedar niso. O movemento 5.1 é necesario e debe seguir. Hai […]

  3. Sábado 19 de maio: 5.1, en galego, lingua propia! | Cultura do País - Maio 14, 2012

    […] o título de 5.1, en galego, lingua propia!, en referenza ao artigo do xornalista Fran P. Lorenzo (5.1: a verdade revolucionaria) que respostaba á censura exercida contra un libro de texto de lingua galega polo feito de afirmar […]

  4. MundoGaliza – Sábado 19 de maio: 5.1, en galego, lingua propia! - Maio 15, 2012

    […] o título de 5.1, en galego, lingua propia!, en referenza ao artigo do xornalista Fran P. Lorenzo (5.1: a verdade revolucionaria) que respostaba á censura exercida contra un libro de texto de lingua galega polo feito de afirmar […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: