Sorte, Cesária! (A voz dun pobo en tres cancións)

19 Dec

Para o compañeiro Carlos Meixide, por esta,

e outras, devocións compartidas

Coas cancións de Cesária Évora acontece o que coa propia vida. Paréceche que comprendes algo, algo do seu idioma, que entendes o que está a dicir, pero depois non é verdade. Ou só en parte. Mesmo para nós, para a xente de Galiza, terra nai dese crioulo _mestura de portugués arcaico e de voces africanas_ que a cantora falaba, as letras de Cesária Évora eran un enigma que se desentrañaba na linguaxe universal da melodía e que adquiría o seu significado exacto nunha voz grave, escurecida polo tabaco, a mala vida e os copazos de grog (o adxectivo grogui, moi utilizado por certo na Ribeira viguesa, provén do inglés groggy, a verba que definía o estado no que ficaban aqueles que abusaban desa beberaxe, o grog, froito dunha prohibición de antano, e típica de mariñeiros e corsarios: azucre, lima e ron rebaixado con auga quente).

Nunha das súas cancións máis populares Cesária dicía: Petit pays, je t’aime beaucoup. Pequeno país, quérote moito, así, en francés. Ela escolleu París para vivir e ver medrar a súa carreira artística, e Franza amouna e lanzouna ao mundo como só esa xente orgullosa sabe facer. Pero por sobre todo, a diva dos pés nus, a que este día nos deixou para sempre, era a encarnación do pobo caboverdián.

Comparte moito Galiza con ese arquipélago seco e  atlántico: o illamento, a periferia, a pobreza, un océano (somos mariñeiros case por obriga), unha lingua e a nosa condición emigrante; eles e nós andamos espallados polo mundo e apegados á saudade/sodade do lugar que deixamos atrás, un sentimento que, por algunha razón, aquí ou alá, vai sempre canda nós. As cancións caboverdianas, non só as de Cesária, falan decote do regreso, da partida, da terra lonxe e do destino dun pobo exiliado. Exiliado e colonizado. Foi, de feito, a colonización portuguesa a que prohibiu a produción e utilización en Cabo Verde dos tambores africanos, un veto que determinou a fasquía duns cantos que asemellan fados tropicais e mestizos, nunha eterna viaxe de ida e volta entre o continente americano e africano.

Ao meu ver, a caboverdiana e a galega son, ademais, as dúas nacións do mundo que existen fóra das súas fronteiras grazas a unha muller. E iso fainos únicas. Galiza existe por Rosalía de Castro, Cabo Verde existe por Cesária Évora. Dúas poetas que deron apreixado nos seus cantares -coplas ou endecasílabos, mornas ou coladeras,- o que só os poetas, algúns poetas, son quen de apreixar, que é a alma dun pobo. Semella que só na música, na poesía, uns e outros, galegos e caboverdiáns, recuperaramos a esperanza no futuro, e a liberdade.

E TRES CANCIÓNS. Hai moitas cancións de Cesária que me gustaría deixar aquí, pero vou escoller tres, entre as que me tocan no peito. A primeira esta, a titulada Elle chante. Cántaa a dúo cun vello rockeiro francés, Bernard Lavilliers. Canda eles os rostros do pobo caboverdián, a xente, a súa fraternidade, o seu orgullo escrito sobre as casas de cor, sobre as chalanas/caiucos varados na area, nas palmeiras e na terra negra. Un tema e un vídeo fermoso e intenso que nos mira directamente aos ollos, conmovedor mesmo.

A segunda das cancións é Carnaval de São Vicente, especial para o Meixide. Sempre me ha parecer un misterio a maneira na que Brasil, Portugal, Galiza ou Cabo Verde son quen de expresar tanta alegría en cancións tan nostálxicas. Un misterio que cincuenta congresos da lusofonía non conseguirán desvelar pero que fala ben alto da irmandade dos nosos pobos e do noso idioma. A canción déixoa aquí para bailar tamén e que non todo sexa mágoa e sodade.

E a terceira, a miña favorita. Sorte,  do seu disco Café Atlántico. As galegas e os galegos apelamos pouco á sorte, a verdade, coa faltiña que nos fai. Cesária convértese aquí na portadora da mensaxe dos poetas de Cabo Verde. E di isto nun retrouso (min. 1:20) que sempre me emociona:

Eu canto ‘sodade’ para aquele que vai
Canto regresso para aquele que vem
Sorte para mim, sorte para minha terra
Sorte para todos que estão a me ouvir

Hoxe cantamos sodade para aquela que vai, voz de Cabo Verde. Sorte para ti, para nós, e para a miña terra. Sorte, Cesária!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: